O PP sinala a esquerda como unha molestia en Galicia

Manuel Cabezas, ex-alcalde e candidato do PP en Ourense; Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, este 16 de maio de 2023 en Ourense. Sobreimpresionada, a nova campaña dos populares para o 28M CC-BY-SA Foto e cartel: PPdeG | Montaxe: Praza.gal

A finais do pasado inverno, o PP de Galicia prescindiu do lema que escollera para a súa precampaña municipal, Somos maioría, e asumiu o ditado dende a dirección estatal que encabeza Alberto Núñez Feijóo, Entre todos. Fixérano, xustificaran, porque o lema estatal son "tres palabras fundamentais para chegar a onde non chegan unha soa persoa ou un partido". Así, o "entre todos" por tras do nome dos respectivos concellos agroma en boa parte da propaganda electoral da formación conservadora, nalgúns casos combinados con lemas ou imaxes relativas ao cabeza de cartel.

Nestes primeiros días de campaña, a dirección do PP en Galicia, que encabeza Alfonso Rueda coa secretaria xeral, Paula Prado, aos mandos do aparello orgánico, vén de decidir engadir unha nova idea forza aos devanditos lemas. "Que non nos amolen", reclaman os conservadores dirixíndose ás formacións da esquerda. Sinalan deste xeito como unha molestia ás forzas políticas que actualmente gobernan sobre a maior parte da poboación do país a nivel municipal, caso do PSdeG e do BNG, das mareas ou doutras siglas a nivel local.

Valo de propaganda electoral do PP co lema 'Que non nos amolen', nunha imaxe divulgada polo partido este 16 de maio CC-BY-SA PPdeG

Tanto se a campaña foi concibida de inicio en galego como deseñada en castelán e despois traducida, o verbo elixido remite inevitablemente ao concepto de sinalar o contrario como molestia. Alén do significado relativo a afiar unha ferramenta, o dicionario da RAG evidencia que "amolar" significa causar ou sufrir "molestia ou fastío". En castelán, do mesmo xeito, implica molestar, cun matiz engadido de pertinacia ou continuidade nesa molestia.

Os populares lanzan como parte da súa estratexia para o 28M unha campaña que identifica como molestias para Galicia a PSdeG, BNG e Podemos, aos que atribúe unha "gran listaxe de agravios" e esixe que "non nos amolen"

A primeira en lanzar o novo marco foi Prado, o pasado luns, durante unha visita de campaña a Caldas de Reis. Acto seguido, Rueda fixo propio durante un mitin en Ames. E este martes, o propio PPdeG reafirmou a aposta por esta idea forza cun deseño de cartel colocado nas redes sociais e mais en sete valos publicitarios noutros tantos puntos de Galicia. A súa intención, defenden, é "facer ver á poboación a gran listaxe de agravios que formacións como o PSOE, o BNG ou Podemos trouxeron á poboación".

"Pedimos aos partidos de esquerda e nacionalistas que non nos amolen; que non nos amolen con máis impostos, que non nos amolen coa falta de trens" ou "coa suba da cesta da compra", coa "lei do sólo sí es sí" ou con "leis que favorecen o delito da sedición ou da malversación". "Que non nos amolen máis aos galegos e galegas coas súas políticas", clamou Prado. "Que non nos amolen coas súas estridencias, cos seus problemas e coas súas discusións", agregou Rueda, que este martes compartiu outra volta un acto electoral con José Manuel Baltar en Ourense.

Prado (PP) sinala a esquerda como unha molestia durante unha visita preelectoral a Caldas de Reis, este 15 de maio de 2023 © PP

Este martes, tras anunciar a colocación dos valos, os populares sinalan que a intención da súa identificación da esquerda como unha molestia é "exemplificar os problemas que veñen do pasado e se incrementaron nos últimos meses". Como parte deses "problemas" apuntan termos como "indultos", "malversación", "débeda", "impostos", "independentismo", "egocentrismo" ou "IVE", coloreados coas cores identificativas do PSOE, do BNG ou de Podemos. Pretenden, din, contrastar estas palabras co "sentidiño" do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.