Van 28 sentenzas: 15 anos despois o TSXG segue dicindo que as construcións de Barreiros paradas polo bipartito eran ilegais

Vista de Barreiros desde Foz este verán de 2023, días despois de facerse pública a nova sentenza CC-BY-SA Praza Pública

Nunha nova sentenza que volve constatar as irregularidades do que se pretendía construír o Tribunal Superior rexeita de novo que a Xunta indemnice a promotores afectados pola paralización do urbanismo de 2007

Os promotores inmobiliarios afectados pola paralización do urbanismo de Barreiros ditada en 2007 pola Xunta bipartita de PSdeG e BNG non teñen dereito a reclamar unha indemnización porque as súas construcións non cumprían coa normativa. Así o vén dicindo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desde hai anos en sucesivas sentenzas para cada caso particular e así o acaba de dicir de novo, máis de 15 anos despois daqueles feitos, noutro ditame asinado en xuño que vén de ser feito público. Un caso no que a actual Xunta do PP que no seu momento criticara aquela paralización fixo reconto de sentenzas similares: xa van 28, todas contrarias aos promotores. 

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

En 2007 o bipartito interveu o urbanismo de Barreiros, concello de 3.200 habitantes onde só no ano anterior o goberno local do PP concedera licenzas para 2.966 vivendas, porque se estaba a construír en leiras sen accesos, abastecemento, saneamento ou electricidade. Unhas deficiencias que seguen a pasar factura aínda agora, con restricións este mesmo verán no consumo de auga que levaron o Concello a pedir axuda á Xunta. Porén, o PP asegurou que aquela era unha persecución política, idea na que se ratificou cando en 2014 o Tribunal Supremo anulou a decisión do bipartito por un defecto de forma, porque non se expuxera ao público a nova normativa urbanística que se impuña a Barreiros antes de ditala.

Tras esa anulación do Supremo os construtores reclamaron á Xunta indemnizacións pola paralización das súas promocións, pero o TSXG vén dicindo reiteradamente que non porque ao analizar cada caso conclúe que, aínda que a actuación fose paralizada indebidamente, a realidade era que non cumpría coa normativa urbanística

Nas sentenzas emitidas polo Tribunal Superior durante os últimos anos hai de todo. Nun caso non consta que o demandante chegase sequera a pedir licenza, outro non acredita a titularidade do terreo no que pretendía construír e outro que tiña licenza non iniciou a construción durante os máis de dous anos en que puido facelo antes de que se anulase o seu permiso. Pero en todos os casos hai un feito en común: ningún deles podería construír porque cada terreo en cuestión carecía dos servizos urbanos precisos, fose abastecemento, saneamento, electricidade ou accesos. E iso mesmo é o que reitera o tribunal na última sentenza feita agora pública.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O TSXG insiste na nova sentenza en que "nin a publicación nin a posterior anulación" da suspensión de licenzas polo bipartito "foron as causantes" de que o promotor non puidese construír senón que xa non cumpría cos requisitos necesarios, polo que non pode ser indemnizado

No caso agora sentenciado o promotor defendía contar con informes favorables da arquitecta municipal, entre eles un que consideraba garantido o saneamento da nova edificación porque ía contar cunha foxa séptica xa que a conexión ao saneamento do núcleo urbano máis próximo estaba a uns 400 metros. Pero o tribunal di que "é cuestionable o informe favorable da arquitecta municipal por canto hai que diferenciar a existencia coa suficiencia de subministros, e a suficiencia neste caso sería discutible". 

O tribunal tamén salienta que o promotor non contaba cun permiso do daquela Ministerio de Fomento necesario para construír dentro do ámbito de influencia dunha estrada estatal. Por iso, o TSXG conclúe que "nin a publicación nin a posterior anulación" da suspensión de licenzas por parte do bipartito "foron as causantes nin as responsables de que [o promotor] non obtivese licenza xa que, pese ao informe favorable do técnico municipal, dito informe resultaba insuficiente para a concesión da licenza". E denega polo tanto a súa petición de indemnización.

A sentenza agora feita pública polo TSXG recolle como a actual Xunta, ao contrario do que dicía no seu momento o PP, vén defendendo nas sucesivas causas xudiciais que os promotores non teñen dereito a indemnización pola paralización das súas promocións. O actual Goberno galego mesmo fixo reconto das sentenzas do TSXG que veñen desestimando todos os recursos presentados polos promotores, un total de 27 ás que hai que sumar a agora divulgada, que suma a número 28: 413/2018 (PO 4250/2015); 605/2018 (PO 4269/2015); 90/2018 (PO 4174/2016); 95/2018 (PO 4175/2016); 142/2018 (PO 4176/2016); 188/2018 (PO 4173/2016); 94/2018 (PO 4177/2016); 443/2018 (PO 4183/2016); 92/2018 (PO 4184/2016); 37/2019 (PO 4185/2016); 98/2018 (PO 4187/2016); 208/2018 (PO 4179/2016); 49/2018 (PO 4181/2016); 442/2018 (PO 4182/2016); 84/2018 (PO 4186/2016); 72/2018 (PO 4164/2016); 126/2018 (PO 4165/2016); 5/2018 (PO 4166/2016); 51/2018 (PO 4167/2016); 108/2018 (PO 4171/2016); 402/2018 (PO 4172/2016); 135/2018 (PO 4169/2016); 73/2018 (4170/2016); 38/2019 (PO 4178/2016); 36/2019 (4180/2016); 157/2018 (PO 4396/2016); 607/2019 (PO 4559/2017). Só sumando nove destas sentenzas, emitidas a comezos de 2018, os promotores reclamaban 19 millóns de euros.

Edificio sen rematar en Barreiros CC-BY-SA Praza Pública

Na vía penal, a comezos deste ano o Supremo deu por pechada a desfeita urbanística de Barreiros cunha condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello

Por outra banda, á marxe dos preitos na vía contencioso-administrativa sobre as construcións, a comezos deste ano o Tribunal Supremo deu por pechado o proceso penal que se abrira a instancias da Fiscalía contra o goberno local do PP de 2006, a daquela secretaria municipal e unha auxiliar administrativa do Concello. A xustiza non foi quen probar que os políticos desen as licenzas de obra sendo conscientes de que transgredían a legalidade nin de demostrar que un ingreso de 100.000 euros dun promotor á secretaria municipal fose un suborno. Pola contra, o Supremo si ratificou a condena dunha empregada municipal por manipular un rexistro municipal para beneficiar a un construtor nunha promoción puntual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.