A explosión urbanística de Barreiros segue pasando factura e obriga a restrinxir o consumo de auga

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Xunta / Plan de Ordenación do Litoral (2008)

O pasado abril, o Tribunal Supremo pechou a desfeita urbanística de Barreiros cunha condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello. Foi, posiblemente, o capítulo final do percorrido xudicial da explosión urbanística neste concello mariñao a principios de século, que tivo como paradigma a concesión de licenzas para case 3.000 vivendas novas -un número moi semellante ao total de habitantes- nunha contorna sen acceso a servizos básicos como luz, auga ou saneamento.

As case 3.000 vivendas autorizadas con licenzas ilegais polo antigo goberno do PP na vila nos anos da burbulla seguen tendo consecuencias negativas nos servizos públicos

A ilegalidade daquelas licenzas quedou patente nestes anos nos tribunais, aínda que en 2019 o alcalde e cinco co concelleiros do goberno do PP que as impulsou fosen absoltos ao considerar a Xustiza que non quedara probado que fosen conscientes de que actuaban á marxe da lei. A carencia de servizos foi parcialmente paliada con máis fondos públicos e, ademais, naquel mesmo 2019 todo o acontecido tivo consecuencias en forma dun cambio político que foi ratificado neste 2023, ao lograr o BNG revalidar a alcaldía.

Urbanizacións construídas en Barreiros durante a burbulla inmobiliaria CC-BY-SA Praza Pública

Pero o ladrillazo de Barreiros segue tendo consecuencias no día a día. Especialmente nos meses de verán, cando as segundas vivendas e pisos turísticos que adoitan estar maioritariamente baleiros o resto do ano se enchen causando un forte impacto en servizos como o do abastecemento de auga. Así vén de suceder outra volta, obrigando o goberno local que preside a nacionalista Ana Ermida a restrinxir o consumo de auga, como xa sucedera en veráns anteriores.

O bando ditado pola alcaldesa subliña que a gran cantidade de poboación flotante e o "sobredimensionamento dos servizos" obriga a vetar os usos "non prioritarios" da auga potable como encher piscinas, regar xardíns ou lavar coches

Nun bando ditado o pasado día 28, o Concello de Barreiros explica que o "importante consumo" de auga en semanas nas que "a poboación flotante está xa moi por riba do habitual" e o "sobredimensionamento dos servizos existentes" se suma á "escaseza de chuvias nos últimos meses". Unha mestura que dá lugar a "deficiencias no abastecemento de auga" en varios núcleos do municipio, "especialmente nas horas punta de maior consumo".

Así, e para "garantir o abastecemento para as necesidades básicas de persoas e animais" e mais o "funcionamento de negocios e empresas", o Concello prohibe "ata novo aviso" usar auga potable da traída municipal para "usos non prioritarios" como "regos de xardíns", "enchido de piscinas ou similares, limpezas de vehículos ou espazos ao aire libre e calquera outro uso que non responda a necesidades básicas de persoas ou animais". Entre os usos permitidos segue o rego de plantacións de alimentos.

Quen transgrida a prohibición, advirte, exponse a sancións "por uso non autorizado". A ordenanza municipal na materia, lembra o goberno local, contempla no seu réxime sancionador "a facturación do período ao triplo da cantidade tarifada" e, "chegado o caso", tamén "o corte da subministración sen necesidade de comunicación previa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.