Hai seca en Galicia. A pesar de ser un dos territorios da Península Ibérica con máis precipitacións e, en principio, con menos riscos de sufrir os efectos da falta de chuvias, Galicia atópase en prealerta por seca dende hai semanas: o 6 de abril activou a declaración en toda a conca Galicia-Costa e Confederación Hidrográfica Miño-Sil fixo o mesmo na maior parte da súa demarcación o pasado 4 de maio.
Na demarcación de Galicia Costa as reservas están ao 72,7%, o nivel máis baixo da última década. Na demarcación Miño-Sil, os encoros atópanse ao 54,7% da súa capacidade, moi por debaixo do 71,8% do pasado ano nesta semanas e da media da última década, que supera o 80%
As reservas nos encoros galegos atópanse en niveis moi reducidos para esta época do ano, moi por debaixo da media dos últimos anos, á espera da chegada dos meses máis secos, que reducirán as cifras moito máis. En concreto, na demarcación de Galicia Costa as reservas están ao 72,7%, o nivel máis baixo da última década (sempre por riba do 80%, agás no 2017, cando xa se rexistraron problemas pola seca). De igual xeito, na demarcación Miño-Sil, os encoros atópanse ao 54,7% da súa capacidade, moi por debaixo do 71,8% do pasado ano nesta semanas e da media da última década, que supera o 80%.
Nas últimas semanas a situación obrigou ao Goberno galego a recomendar a concellos e particulares controlar o consumo de auga para "paliar e diminuír, na medida do posible, os efectos dun posible escenario de seca" e como unha medida que leve "á toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable".
Augas de Galicia fixo chegar aos concellos da conca Galicia Costa recomendacións como a redución da rega de parques e xardíns e das presións das redes de abastecemento durante as noites. Pide que os concellos trasladen á veciñanza medidas como restrinxir a a renovación de auga nas piscinas e un uso eficiente no lavado de coches
Así, Augas de Galicia, dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, fixo chegar aos concellos da conca Galicia Costa unha serie de recomendacións, entre as que se atopa a redución da rega de parques e xardíns e das presións das redes de abastecemento durante as noites. Tamén insta a revisar as instalacións para evitar fugas e a minimizar os mangueirazos nas rúas. Augas de Galicia pide que os concellos trasladen estas recomendacións á poboación das súas localidades, á que se lle pide que restrinxa a renovación de auga nas piscinas e que faga un uso eficiente da auga no lavado de coches, entre outras recomendacións.
Así mesmo, a Xunta tamén lembra aos concellos de máis de 20.000 habitantes que deben contar cun Plan Municipal de Emerxencia ante Situacións de Seca, unha nova ferramenta incluída na lexislación para a que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade ofrece axudas. O obxectivo é controlar a rede de abastecemento para evitar as fugas e perdas de auga.
A pesar de que nos últimos días choveu en boa parte de Galicia, maio está a ser un mes seco, como é habitual. E o normal sería que o réxime de precipitacións no verán fose tamén baixo, polo que os niveis dos encoros galegos seguirán a reducirse. Os dous gráficos seguintes amosa a evolución da auga almacenada, semana a semana, durante os últimos anos.
Tanto na demarcación Galicia-Costa coma na Miño-Sil, os encoros están no nivel máis baixo dos últimos anos na terceira semana de maio
Obsérvase que tanto na demarcación Galicia-Costa coma na Miño-Sil, o nivel dos encoros atópase no nivel máis baixo dos últimos catro anos na terceira semana de maio. O problema vén arrastrándose dende o pasado outono, moi seco, que reduciu a porcentaxe de auga nos encoros a niveis por debaixo da media. Ademais, o ano comezou co mes de xaneiro máis seco da última década, con 20 días seguidos sen chover.
Houbo un outono e un inverno moi secos e a chuvias desta primavera non serviron para mudar substancialmente a situación
O resto do inverno non serviu para mellorar demasiado a situación, sobre todo na conca Miño-Sil (hai unha década que Galicia non rexistra un inverno tan seco, cun 37% menos de chuvia do habitual). Con todo, na Galicia-Costa o nivel dos encoros si que está a aumentar un chisco dende comezos de marzo, ofrecendo un certo alivio e achegando as cifras ás que se rexistraban a finais de maio o pasado ano.
Semella, polo tanto, que nos vindeiros meses haberá que seguir falando de seca en Galicia, especialmente se se confirman as previsión dun verán de poucas precipitacións. Nos últimos tempos os expertos veñen recomendando acelerar a mudanza da xestión da auga, atendendo ás novas condicións climatolóxica. De igual xeito, investigadores como Alberto Martí, profesor de Xeografía Física da USC e co-autor o libro Os tempos e o clima de Galicia (Xerais), alertan sobre os efectos do cambio climático en Galicia, sinalando por exemplo que "de manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla", como destacaba nesta entrevista.