Hai unha década que Galicia non rexistra un inverno tan seco, cun 37% menos de chuvia do habitual

Precipitacións acumuladas no inverno climatolóxico 2021-22 respecto á media habitual © MeteoGalicia

As zonas altas do leste rexistraron temperaturas medias ata 3,3 graos por riba do habitual

MeteoGalicia fixo público este luns o seu informe sobre o inverno climatolóxico 2021-22, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e no que conclúe que o país viviu un inverno “moi cálido e seco” cun 37% menos de chuvia do agardado. Desde 2012, hai unha década, non se rexistraba un inverno tan seco.

Anomalía de temperatura media do inverno climatolóxico 2021-22 respecto do habitual © MeteoGalicia

O informe de MeteoGalicia toma como referencias as medias rexistradas no período 1981-2010, e conclúe que a temperatura nos tres últimos meses situouse 1,15 graos por riba da media, o que permite cualificar este período como “moi cálido”. As anomalías de temperatura máis altas rexistráronse nas zonas máis altas do leste do país, con ata 3,3 graos por riba da media.

Mentres en Navia de Suarna ou Negueira de Muñiz houbo un 93% máis de chuvia do normal, o resto do país quedou por baixo do habitual, cun 90% menos en Valdeorras

Canto ás precipitacións, estas foron un 37% inferiores á media do período de referencia, polo que a cualificación deste pasado inverno climatolóxico é de “seco”. Neste caso, mentres zonas como Navia de Suarna ou Negueira de Muñiz rexistraron ata un 93% máis de chuvia do normal, o resto do país quedou por baixo do habitual, con cifras especialmente significativas en Valdeorras, con ata o 90% menos de precipitacións.

Anomalías de temperatura e precipitacións nos últimos anos © MeteoGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.