Galicia viviu o febreiro máis seco dende que hai rexistros

Precipitacións en decembro, xaneiro e febreiro fronte á media doutros anos Dominio Público Carlos Balseiro

Galicia leva desde a primavera pasada cun déficit de chuvia. Se ben é certo que no verán choveu algo máis do habitual, as cantidades nun verán son escasas, e para nada compensaron as poucas precipitacións que houbera no pasado abril e maio. No outono tamén se rexistraron menos chuvias das normais, malia que o mes de Novembro en xeral foi bastante chuvioso.

Nestas, comeza o inverno, e a situación agrávase, non tanto polo mes de decembro, que é o mes de máis chuvia en Galicia, e no que o déficit de chuvia foi, en media, dun 20%, se non polo mes de xaneiro e especialmente por este mes que remata, que como veremos despois en números, foi o mes máis seco desde que hai rexistros na metade sur de Galicia, na que só choveu un día (o primeiro do mes). Só se consideran como días de chuvia aqueles nos que se recolle polo menos 1 litro/m2.

A corrente do chorro leva todo o ano circulando por latitudes moi ó norte, quedando Galicia protexida pola influencia anticiclónica

As borrascas atlánticas móvense, en xeral, de Oeste a Este arrastradas e axudadas na súa formación pola Corrente do Chorro (esa corrente que fai co viaxe de América do Norte a Europa teña unha duración menor ca en sentido contrario). Esa corrente leva todo o ano circulando por latitudes moi ó norte e polo tanto, as borrascas están a afectar o Reino Unido, Escandinavia, quedando Galicia protexida pola influencia anticiclónica, e máis aínda a metade sur, onde estase a notar en maior medida a falta de chuvias.

Por outra banda a presenza anticiclónica ó norte de Galicia, xunto con outros factores, tamén provocou a chegada de aire frío procedente do norte de Europa que provocou neste pasado mes un episodio de entrada de aire polar continental (aire siberiano) seguido por outro de aire polar marítimo, que foi bastante máis suave co anterior.

No litoral norte (incluíndo a cidade de Lugo) as chuvias son un 30-35% inferiores ó habitual, pero é que no sur o déficit de chuvia chega ata o 70%

Meteorolóxicamente falando considéranse como inverno os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Polo tanto, no mapa 1 vemos a diferenza entre a chuvia deste inverno (a esquerda, nun recadro amarelo) e o que se coñece como media climática, que poderíamos dicir que serían as chuvias normais nun inverno en Galicia (a dereita, no recadro azul). Entre paréntese aparecen os días de chuvia. Consideramos para este análise os datos das series máis longas que temos en Galicia (A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ourense). Vemos como no litoral norte (incluíndo a cidade de Lugo) as chuvias son un 30-35% inferiores ó habitual, pero é que no sur o déficit de chuvia chega ata o 70%.

Se nos centramos na chuvia deste mes de Febreiro (mapa 2), vemos datos aínda máis preocupantes. No norte, só se recolleron o 30% das precipitacións habituais, pero é que no sur case nin houbo chuvias. 2 litros/m2 na cidade de Pontevedra fronte os 175 que serían os normais. Como dato curioso compre destacar que o único día de chuvia do mes en moitos puntos da metade sur de Galicia foi o día 1, polo que levan case un mes sen ver a chuvia neses puntos. O curioso e que o día 1 de Xaneiro tamén se corresponde co día de máis chuvia do mes en case tódalas localidades e que o día 1 de Decembro Galicia tamén rexistrou o paso dunha fronte con abondosas precipitacións.

Precipitacións
  Febreiro 2012 Mínimo histórico
A Coruña 25 (5) 18 (3) / Ano 1993
Santiago 4 (2) 25 (4) / Ano 1993
Lugo 24 (6) 22 (3) / Ano 1992
Ourense 2 (1) 12 (3) / Ano 1993
Pontevedra 2 (1) 4 (1) / Ano 1993

Chuvia (l/m2) e días de chuvia entre paréntese deste mes e do mínimo histórico da serie

 

E na primavera, continuará a seca?

Neste inverno, vénse observando no Pacífico o coñecido como fenómeno de La Niña, é dicir, temperaturas da auga do mar máis frías do habitual na zona leste deste océano (costa da California, Perú, Ecuador, etc). Este fenómeno acostuma estar asociado con episodios de seca nas nosas latitudes, como está a ser este ano, pero nestes intres estase a debilitar e as previsións falan de normalidade neste sentido durante a primavera.

Os modelos de previsión meteorolóxica estacionais falan aínda de déficits de chuvia na primavera, pero non dunha seca moi severa

Os modelos de previsión meteorolóxica estacionais (compre lembrar que aínda son previsións pouco fiables) falan aínda de déficits de chuvia na primavera, pero non dunha seca moi severa. Isto en Galicia pódese chegar a traducir como que aínda que chova menos do habitual (é dicir uns 250 l/m2 en media) as chuvias deberían ser suficientes para non ter problemas de auga no verán.

No comezo de Marzo xa están a chegar algunhas chuvias e nesta fin de semana acabará por chover. Pouco na madrugada do sábado e cantidades algo máis importantes no domingo pola mañá. Pero ollo, que despois volveremos á mesma situación de Febreiro con días secos e fríos durante a vindeira semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.