No ano 1983 comezou a construírse o encoro de Lindoso, finalizado en 1992, que se estende por 17 quilómetros do val do Limia, ata a central hidroeléctrica do encoro das Conchas, no norte. A súa construción asolagou as aldeas de Aceredo, Buscalque e O Vao (Lobios) e a Reloeira (Entrimo), afectando tamén ás aldeas portuguesas de Várzea e Lindoso. É, polo tanto, un encoro construído entre España e Portugal, a partir dun acordo asinado en 1968 por Franco e Salazar e na actualidade é propiedade da compañía Energias de Portugal (EDP), que explota a central hidroeléctrica de Lindoso, unha das máis importantes do país luso.
Hai 30 anos o encoro de Lindoso asolagou Aceredo, Buscalque e O Vao (en Lobios) e a Reloeira (en Entrimo), afectando tamén ás aldeas portuguesas de Várzea e Lindoso
Dende o mes de outubro o nivel das augas do encoro vén descendendo ata mínimos históricos, deixando ao descuberto varias das aldeas que foran asolagadas hai 30 anos. Como sucedeu noutros lugares, a veciñanza tentou resistirse á desaparición dos seus lugares, pero o seu rexeitamento foi inútil, como ben recolle un documental realizado pola cooperativa galega Xarda para o xornal portugués Público. Mesmo chegaron a organizar unha folga de fame para esixir o incremento dunhas indemnizacións que denunciaron como moi escasas. A igrexa de Aceredo foi desmontada pedra por pedra e reconstruída na aldea de Manín, a poucos quilómetros de distancia.
O encoro atópase ao 14% da súa capacidade e antigas aldeas como Aceredo quedan hoxe case completamente á vista, o que dende o mes de novembro vén atraendo centos de visitantes á zona
Dende entón a memoria daquelas aldeas foi esvaecéndose, aínda que nas últimas décadas -cando o nivel do encoro baixaba- volvían a enxergarse os tellados das casas desaparecidas. Sucedeu en varias ocasións (EDP adoita baleirar o encoro en outono), pero nunca como este ano. O encoro atópase ao 14% da súa capacidade e antigas aldeas como Aceredo quedan hoxe case completamente á vista, o que dende o mes de novembro vén atraendo centos de visitantes á zona, entre eles antigos veciños e veciñas. No lugar pódense ver pontes desaparecidas, vellas estradas e mesmo unha fonte no centro da aldea, de onde segue a saír auga.
O baixísimo nivel do encoro débese sobre todo ao baleirado decidido o pasado mes de outubro por EDP, sumado á falta de precipitacións dos últimos meses
Este está a ser un dos invernos máis secos dos últimos anos e, por exemplo, este mesmo luns a Xunta de Galicia activou a prealerta de seca en 12 das 19 áreas da demarcación Galicia-Costa, indicando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil que se mantén "vixiante" ante a situación, de cara a tomar unha decisión semellante nas vindeiras semanas. Con todo, o baixísimo nivel débese sobre todo ao baleirado do encoro decidido o pasado mes de outubro polos responsables da central hidroeléctrica do Alto-Lindoso, EDP. De feito, o encoro de Vilariño das Furnas, a tan só dez quilómetros de distancia, se atopa ao 60% da súa capacidade.
Ante o gran número de visitas, EDP remitiu un correo electrónico aos dous concellos para que restrinxan as visitas ao espazo, unha petición que foi rexeitada, lembrando que non é a súa competencia e que os terreos son propiedade da empresa lusa
Ante o gran número de persoas que están a achegar á zona para observar o encoro e as terras e aldeas novamente emerxidas -moitas delas procedentes de Portugal-, EDP decidiu remitir unha comunicación aos dous concellos galegos, Lobios e Entrimo, para que restrinxan as visitas ao espazo, unha petición que xerou un gran malestar nas dúas localidades e que, destacan, non van cumprir de ningunha maneira. O alcalde de Entrimo, Ramón Alonso (PSdeG-PSOE), cualifica de "sen sentido" a petición recibida por correo electrónico, indicando que o seu concello non ten competencias para actuar nuns terreos que pertencen á empresa portuguesa, e rexeitando sequera tomala en consideración.
A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez (PP) lembra que o "baixísimo" nivel deste ano débese á "explotación excesiva" do encoro realizada por EDP. "Hai encoros moi próximos ao noso que a pesar da seca que estamos a sufrir non se atopan na situación límite que vemos no encoro de Lindoso", di
A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez (PP), si contestou á mensaxe da empresa portuguesa, amosando a súa negativa a tomar medidas, previa consulta aos técnicos municipais. "Os terreos descubertos son da súa propiedade. Eles saberán o que teñen que facer e vixiar o que pasa na súa propiedade", indica. Ademais, lembra que o "baixísimo" nivel deste ano débese á "explotación excesiva" do encoro realizada por EDP. "Hai encoros moi próximos ao noso que a pesar da seca que estamos a sufrir non se atopan na situación límite que vemos no encoro de Lindoso", afirma.
Pola súa banda, a empresa defendeuse indicando que non estaba a esixir que os concellos galegos establecesen unha "prohibición" das visitas, senón que a súa solicitude buscaba a súa "colaboración" para "sensibilizar" á poboación para que evitase achegarse a estes lugares polos riscos de posibles accidentes nas ruínas das antigas aldeas, agora da súa propiedade.
O que si conseguiron as mensaxes da empresa portuguesa foi poñer enriba da mesa unha vella reivindicación de Lobios e Entrimo: que a compañía lusa pague o IBI nestas dúas localidades
O que si conseguiron as mensaxes da empresa portuguesa foi poñer enriba da mesa unha vella reivindicación de Lobios e Entrimo: que a compañía lusa pague o IBI nestas dúas localidades, atendendo ao feito de que o 80% do encoro se reparte entre os dous concellos galegos, que non reciben ningún tipo de compensación económica pola ocupación do espazo, unha tributación que podería supor uns ingresos de máis dun millón de euros anuais para cada localidade. O tema chegou a ser mesmo debatido no Senado hai máis dunha década, a través dunha pregunta presentada polo daquela senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza.
A petición de EDP é respondida con esta vella demanda, compartida polo dous concellos, que tamén lle veñen reclamando á compañía portuguesa que cumpra con outras obrigas, por exemplo de limpeza dos terreos que son da súa propiedade, como lembran os dous rexedores. A empresa ficou libre deste pagamento en virtude do acordo asinado por Franco e Salazar nos anos 60, no que Lindoso foi moeda de cambio doutro encoro que hai en Estremadura onde a explotación se fai á inversa.
Os concellos celebran o incremento de visitantes que está recibindo a comarca
De momento, os dos concellos van seguir ignorando as peticións da empresa portuguesa e, de feito, celebran o incremento de visitantes que está recibindo a comarca, especialmente nas fins de semana, cando o número de visitantes diarios se cifra "nunhas 5.000 persoas". "Esta fin de semana a zona estaba totalmente asediada de visitantes, que viñan ver as ruínas da aldea de Aceredo", destaca a alcaldesa de Lobios.
"Os turistas non veñen só ver a vella aldea de Aceredo e despois marchan a outro lugar, senón que moitos deles fican por aquí a comer e a visitar outras zonas do concello de Lobios", di a alcaldesa
María del Carmen Yáñez destaca que “temos que mirar o lado positivo do que está a suceder. Por unha banda, é certo que hai unha parte de nostalxia nestas visitas, de veciñanza que tivo que hai anos tivo que deixar as súas casas, pero neste momento Aceredo é sobre todo un punto turístico, un atractivo que se vén sumar aos demais atractivos cos que conta esta comarca". Ademais, engade, "hai que ter en conta que os turistas non veñen só ver a vella aldea de Aceredo e despois marchan a outro lugar, senón que moitos deles fican por aquí a comer e a visitar outras zonas do concello de Lobios".