Barreiros pide axuda á Xunta para dar auga á poboación que atraeu a explosión urbanística apoiada polo PP

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A alcaldesa, Ana Ermida, do BNG, salienta que a vila pasa en verán de 3.000 a 12.000 habitantes e lembra a Rueda por carta que o propio Goberno galego propuxo hai unha década un investimento de 14 millóns que nunca se executou

Como en veráns anteriores, o Concello de Barreiros volveu restrinxir este ano o consumo de auga ante a incapacidade da rede de abastecemento -e da de saneamento- de atender o aumento de poboación que esta vila da Mariña rexistra nesta época. Os seus 3.000 habitantes convértense en 12.000 grazas á explosión urbanística apoiada polo PP que o municipio rexistrou hai dúas décadas.

Agora a alcaldesa desde 2019, Ana Ermida, do BNG, vén de enviar unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que pide a súa axuda e lembra que o Goberno galego propuxo hai unha década realizar un investimento de 14 millóns de euros para mellorar os servizos da vila que nunca se chegou a realizar.

Concello de Barreiros CC-BY-SA Praza Pública

"O concello de Barreiros é un concello de pouco máis de 3.000 habitantes que se ten convertido nun imán turístico moi importante, froito dun desenvolvemento urbanístico do que son consciente de que vostede é perfectamente coñecedor", di na carta a alcaldesa en referencia á autorización hai dúas décadas por parte do daquela goberno local do PP de milleiros de vivendas que non tiñan garantidos servizos como abastecemento, saneamento ou accesos, como así vén certificando en ducias de sentenzas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

O plan da Xunta para investir hai unha década 14 millóns en servizos en Barreiros foi anulado polo TSXG por "desviación de poder" e o Goberno galego nunca retomou aquelas actuacións que consideraba necesarias

Ante a situación creada, a Xunta propuxo hai algo máis dunha década realizar un investimento duns 14 millóns de euros a medias coa Deputación de Lugo e os promotores inmobiliarios, que verían así legalizadas as súas actuacións. Pero o TSXG anulou aquel plan ao considerar que o Goberno galego cometera "desviación de poder" na súa tramitación.

Dez anos máis tarde, a alcaldesa salienta na súa carta que "superada esa fase sen que se realizase dito investimento, pode constatarse a falla de servizos, o que provoca verdadeiros problemas para garantilos durante as épocas de maior afluencia, tendo que atender unha poboación estimada de máis de 12.000 persoas cos medios dun concello de 3.000 habitantes".

Pisos en Barreiros, onde a burbulla inmobiliaria fixo que haxa centos de vivendas baleiras e segundas residencias CC-BY-SA Praza Pública

Por iso, a rexedora pide a Rueda unha reunión para abordar a situación no municipio e manifesta o seu convencemento en que o presidente atenderá a súa demanda "dada a súa implicación e a do seu goberno á hora de atender as necesidades dos concellos galegos e, no caso concreto do Concello de Barreiros, que xa se ten manifestado noutras ocasións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.