A Xunta cometeu "desviación de poder" na legalización masiva de vivendas en Barreiros

Promocións inmobiliarias en Barreiros © Google Street View

A burbulla inmobiliaria non tivo en Galicia un dos seus paraísos. Non obstante, si houbo quen ensaiou a que se deu en coñecer como marbellización da costa galega, un intento que tivo como alumno aventaxado ao Concello de Barreiros, liderado por Alfonso Fuente (PP), o alcalde que concedeu licenzas para case 6.000 vivendas nun municipio de 3.200 habitantes pasando por riba da secretaria municipal, que o advertira abertamente de que estaba a cometer unha ilegalidade. Máis de 3.000 daquelas construcións foron paralizadas en 2007 polo Goberno bipartito, que emprendeu unha batalla xudicial contra o consistorio pola súa desfeita. Esa mesma batalla foi freada en seco polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que non só retirou as denuncias, senón que ademais puxo as bases para dotar as vivendas de servizos como saneamento, abastecemento ou rede viaria a través dun plan que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de botar por terra.

Aquel proxecto, dotado con 14 millóns de euros dos que o 40% saían das arcas da Xunta, o 10% da Deputación de Lugo e o resto, do Goberno central e dos promotores, tivo a forma de plan de incidencia supramunicipal. Nunca chegou a poñerse marcha, se cadra polas restrición orzamentarias. Pero dende a súa aprobación polo Consello da Xunta, en marzo de 2012, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) levouna ao xulgado e agora, menos de dous anos despois, o TSXG dálle a razón. Non só non existe tal supramunicipalidade senón que ademais o gabinete de Feijóo incorreu nun suposto de "desviación de poder".

O TSXG anula o plan que avalaba a dotación de servizos como saneamento e rede viaria ás vivendas, moitas delas declaradas ilegais

Segundo o ditame xudicial "non concorría ningún dos supostos" que, segundo a lei, teñen que darse para "a aprobación" dun destes plans supramunicipais, toda vez que as vivendas afectadas non están en varios concellos, senón que se atopan en tres parroquias de Barreiros: San Cosme, San Pedro e San Miguel. O tribunal presidido polo maxistrado José Antonio Méndez Barrera é contundente coa Xunta: "a aprobación non é conforme a dereito" e "tal circunstancia determina que caiba apreciar na actuación da Administración demandada unha desviación de poder" encamiñada, segundo explica, a darlle cobertura legal a un "problema" que ten a súa "orixe", explica a sentenza, nunha "actuación do Concello de Barreiros que esta Sala considerou non conforme á legalidade nos casos en que tivo que axuizala de forma definitiva -non rematou o proceso porque a Xunta do PP retirou os contenciosos administrativos-".

Neste contexto a avogada que representou a Adega no proceso, Montse Calvo, non dubida da "contundencia" do ditame e o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, sinala que ficou claro que o Goberno "pretendía legalizar aquilo que era ilegal". O Executivo, explica, quería "salvar cun convenio" unhas construcións que, "no mellor dos casos", foron erguidas en "solo urbano consolidado" e "noutros casos, en solo claramente rústico". Pero agora a "alternativa" gobernamental "cae totalmente", xa que o ditame "non tomba só o plan sectorial", senón "calquera saída legal ás irregularidades e mesmo delitos que hai en Barreiros, é un antes e un despois tremendamente contundente".

Adega reclama "consecuencias políticas" na Xunta, que agora ten que decidir se vai ao Supremo

Así as cousas, outro dos voceiros da organización ecoloxista, Daniel López Vispo, salienta que esta é unha vitoria "dende o punto de vista democrático", "xurídico" e "social" que debe ter tamén "consecuencias a nivel político". Agora, unha vez detectada polo TSXG "esa desviación de poder, o Ministerio Fiscal tería que implicarse na persecución dos delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos que poida haber". En calquera caso, sinalan, o primeiro damnificado politicamente polo acontecido debera ser o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a quen a propia Adega, lembra Pallín, advertiu de que "este era un tema xudicial e, no seu caso, penal". "Ao conselleiro tenlle que ter consecuencias políticas" unha decisión tomada nun Consello presidido por Feijóo, o mesmo a quen agora lle compete decidir se recorre a sentenza ante o Tribunal Supremo.

Calvo, Pallín e Vispo, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.