A xustiza anula a multa de 10.600 euros imposta á empresa porque entre a inspección e a sanción pasaron preto de once meses
O 10 de outubro de 2018 a Inspección de Traballo visitou as instalacións dunha empresa dedicada á panadería. Constatou "a transgresión de varias normas en materia de horas extraordinarias, descanso diario e semanal así como impago de horas extraordinarias a catro traballadores".
A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta non impuxo á empresa unha sanción por eses feitos ata case once meses despois, o 2 de setembro de 2019, superando o prazo máximo de nove meses que contempla a normativa para eses procedementos. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar que esa lentitude en tramitar a inspección anula a sanción imposta á empresa.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora feita pública polo TSXG, a inspección laboral visitou a empresa en cuestión, situada en Palas de Rei pero da que se omite o nome, a dúas horas distintas do 10 de outubro de 2018. Alí o inspector constatou "a transgresión das normas e límites legais en materias de horas extraordinarias", "de descanso diario e semanal" e de impago de horas extra a catro traballadores. Ademais, os rexistros horarios proporcionados polo empresario á inspección de traballo "non estaban asinados".
Inspección de Traballo elaborou unha acta de infracción o 26 de abril seguinte propoñendo unha sanción de 10.634 euros por unha infracción grave. Pero a Secretaría Xeral de Emprego non confirmou a acta de infracción e impuxo a sanción á empresa ata o 2 de setembro.
A xustiza constata a "caducidade das actuacións inspectoras por transcorrer máis de 9 meses entre a visita do inspector e o ditado da acta definitiva de infracción"
A empresa recorreu a multa ante a xustiza ordinaria alegando que non quedaran acreditados os feitos e que a Xunta superara o prazo máximo de 9 meses que tiña para imporlla. O xulgado do social de Lugo que analizou o caso nin sequera entrou a analizar outras cuestións e o pasado marzo anulou a sanción pola "caducidade das actuacións inspectoras por transcorrer máis de nove meses entre a visita do inspector de traballo ao centro de traballo ata o ditado da acta definitiva de infracción".
A Xunta recorreu esa sentenza pero o TSXG, noutra resolución do 16 de xullo, confirma a nulidade da sanción. O tribunal di por unha banda que ao non superar o importe do litixio os 18.000 euros a Xunta non tiña dereito a recorrer a primeira sentenza.
Pero tamén desbota que poida pedir unha revisión do caso por defectos procedementais xa que estes, di o TSXG, non se produciron no proceso xudicial senón no proceso administrativo previo. Así que o tribunal desestima o recurso da Xunta e ratifica a sentenza que anulou a súa sanción laboral á empresa por caducidade do procedemento de inspección.