A Xunta perde un preito de 1,8 millóns de euros pola súa lentitude en revisar subvencións

O daquela conselleiro do Mar e a conselleira de Medio Ambiente nunha visita en 2023 a unha planta do grupo Angulas Aguinaga en Cambados CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego tardou cinco anos en reclamar a Angulas Aguinaga que devolvese axudas que consideraba que non lle correspondían por non ser pequena ou mediana empresa, pero o TSXG di que foi demasiado tempo e que o requisito era previo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir dúas sentenzas, con datas do 11 e 18 de febreiro, que anulan dous requirimentos da Consellería do Mar ao grupo Angulas Aguinaga para que devolvese dúas axudas de 1.448.667 e 369.255 euros respectivamente. As axudas foron outorgadas en 2018 e 2019, pero a Xunta non requiriu a súa devolución por considerar que a beneficiaria non cumpría os requisitos de ser pequena ou mediana empresa, como se esixía na convocatoria, ata xuño de 2024. 

O tribunal considera que de calquera xeito que se computen os prazos de prescrición, quedaran superados. E a Xunta xa non ten dereito a que lle devolvan os 1,8 millóns de euros.

O daquela conselleiro do Mar e a conselleira de Medio Ambiente nunha visita en 2023 a unha planta do grupo Angulas Aguinaga en Cambados e fragmento dunha das sentenzsa CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

As axudas da Consellería do Mar foron obtidas en 2018 e 2019 por Depuradora de Moluscos La Sirena SL, de Cambados, na actualidade parte do grupo Angulas Aguinaga despois de que este absorbese en 2021 o grupo galego Linamar, ao que pertencía. A axuda de 1,4 millóns foi para "lanzamento de novos produtos elaborados con innovación industria 4.0 en procesos clave" e foi outorgada o 8 de agosto de 2018 mentres que a axuda de 369.000 euros foi para "innovación en procesos de pasteurización e elaboración de salsas" e foi outorgada o 1 de agosto de 2019. Nos dous casos eran convocatorias de axudas para pequenas e medianas empresas, criterio que tiña que ser certificado antes da concesión das subvencións. 

Porén, non foi ata o 15 e o 17 de abril de 2024 que a Xunta notificou á empresa a incoación dos procedementos de reintegro das axudas por incumprimento de condicións. Paso que foi seguido o 26 de xuño de 2024 por senllas resolucións de reintegro.

A Xunta considerou que a beneficiaria non cumpría o requisito de ser pequena ou mediana empresa, cuestión que negou esta argumentando que era unha firma autónoma do resto do grupo. Pero a xustiza nin entra a analizar esa cuestión. O tribunal considera que no momento en que outorgou as axudas "a Administración atopábase en condicións de coñecer o que tacha de irregularidade, posto que se trataba dunha condición para solicitar a subvención, é dicir, que se trataba en realidade dun requisito previo". 

Sala de vistas no Tribunal Superior © TSXG

A consellería non só deu por cumprido ese requisito senón que tras outorgar as axudas comprobou tamén posteriormente que os investimentos asociados a elas se realizaran, ata o punto de que realizou axustes nas contías concretas a percibir. Foi tempo despois que pasou a considerar que a beneficiaria non era pequena ou mediana empresa. 

O Tribunal Superior critica a revisión das axudas porque xa ao outorgalas "a Administración atopábase en condicións de coñecer o que tacha de irregularidade, posto que se trataba dunha condición para solicitar a subvención"

Pero o tribunal considera que a Xunta tardou demasiado con esa revisión. Por unha banda, a consellería tardou máis do prazo fixado de un mes para incoar o expediente de reintegro desde que o departamento de Intervención considerou que as axudas eran incorrectas. E por outra tamén pasara máis do prazo de catro anos desde que se cometera a infracción, tanto se considerase que ese momento foi cando se outorgou a subvención, como se o cómputo comezase posteriormente cando se xustificou a súa execución.

Nos dous casos o TSXG anula as resolucións de reintegro dos 1,8 millóns en subvencións e carga as costas xudiciais á Xunta con ata outros 1.500 euros por proceso xudicial. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.