Non hai médicos. Escoitámolo moitas veces nos últimos anos e moitas máis, se cabe, nos últimos meses e nas últimas semanas. Como protesta a nivel individual de persoal sanitario e de pacientes que desesperan esperando, por exemplo, unha cita presencial en Atención Primaria. Pero tamén como explicación por parte da Xunta, que sitúa a principal responsabilidade no Estado mentres a oposición galega e parte do propio persoal apuntan ás condicións laborais e á vaga expansiva dos recortes da pasada década
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, buscamos algunhas explicacións para a falta de persoal médico. Non as temos todas, pero si temos algunhas pistas. Por exemplo, sabemos que a pouca planificación do Sergas e a saturación dos centros de saúde provoca, paradoxalmente, que se atranque a formación do persoal médico chamado a solucionar, no futuro próximo, a saturación actual.
Coñecemos como a saturación e a falta de persoal nos centros de saúde do Sergas atrancan a formación de profesionais chamados a paliar, precisamente, esa mesma saturación. Co doutor Ramón Veras coñecemos a experiencia de primeira man
Para tentar entendelo mellor recibimos no episodio a Ana G. Liste, xornalista de Praza.gal que, recentemente, centrou unha reportaxe nesa formación do persoal médico nos centros de saúde, no MIR na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. Con ela coñecemos, por exemplo, que un documento elaborado polos ministerios de Sanidade e Educación hai case dúas décadas regulou os requisitos xerais para que un centro de saúde poida formar médicas e médicos de familia, algúns dos cales coinciden exactamente coas reiteradas reivindicacións do persoal en ámbitos como o tempo mínimo para pasar consulta.
Para sabemos máis destes problemas e das posibles solucións tamén escoitamos a Ramón Veras, médico de familia nun centro de saúde na Coruña, titor de residentes e tamén membro moi activo de SOS Sanidade Pública. Un dos aspectos no que incide é nesa confluencia de factores que leva a que haxa carencias de titores e titoras en centros de saúde que xa están necesitados de persoal, que están saturados e polo tanto, contan con menos tempo para titorizar as futuras médicas e médicos que á súa vez estarán chamadas a paliar esa saturación
Con todos estes elementos sobre a mesa, Veras ten claro que todo desemboca no mesmo punto: as condicións laborais son clave para que, ao cabo, quen se forma nos centros de saúde galegos quede ou non a exercer neles. Tamén pon o foco, non obstante, no gratificante que lle resulta participar nesa formación. Máis aínda se cabe, explica, nestes tempos de saturación
Celebrando VINTE e unha peli de terror
No segundo tramo do Fálase coñecemos aquilo do que se fala en VINTE coa súa directora, María Yáñez, e comezamos celebrando o cuarto aniversario da revista. Foi, por suposto, unha celebración en internet, pero tamén no mundo real cunha festa cunha festa na que tiveron moito protagonismo os compañeiros do Café Derby 21 e outra festa, A festa equivocada de Fran P. Lorenzo.
Alén do aniversario, estes días en VINTE está a cumprir co seu propósito de ollar máis cara a Portugal. Desta volta para coñecer a Cátia Mazari Oliveira, A Garota Não, unha artista que ten novo álbum, 2 de Abril, cuxa música escoitamos no programa e que esta semana visita Galicia no marco da gala aRi[t]mar, en Santiago.
En VINTE son días de música, pero tamén de cinema porque vén de chegar ás salas un dos acontecementos da temporada, O Corpo Aberto, de Ángeles Huerta. María Yáñez xa a viu e en VINTE adiantounos algúns detalles deses que, sen spoilers, animan a achegarse ao cine na súa recensión O corpo aberto. 'Okupas' de corpos na Raia Seca.
Ademais, como estamos en vésperas do Nadal, no Fálase non podemos deixar pasar o que xa é un clásico de VINTE. Por iso pedimos a María Yáñez que nos achegue á listaxe de Vinte agasallos para o Nadal 2022 que podes mercar no comercio online galego.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.