- EN VINTE | A Garota Não. Trincheiras invisibles
Os premios aRi[t]mar celebran a súa sétima edición achegando as culturas ás dúas beiras do Miño cuha gala aberta ao público que se celebra o xoves 15 no Teatro Principal de Santiago de Compostela na que actuarán artista setubalense A garota não e a arxentino-galega Catuxa Salom
A séptima edición da gala aRi[t]mar celébrase este xoves día 15 a partir das 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Xisco Feijóo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recollerán os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía na Galiza e Portugal durante o pasado ano 2021, un galardón que tamén acadou a fadista, de recoñecida fama internacional, Ana Moura, que non poderá estar presente na celebración.
Por outra banda, o recentemente recoñecido pola UNESCO proxecto Ponte... nas Ondas! recibirá na gala o premio especial do xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona "polo seu traballo constante a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño".
Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, promotora dos premios, desvelou na presentación da gala aRi[t]mar que tamén contarán coa actuación da artista emerxente Catuxa Salom, quen xunto coa artista setubalense A garota não serán as encargada de poñerlle banda sonora a esta nova edición. No apartado poético as protagonistas serán Lúa Mosquetera e Wilma Vieira. Isabel Risco e Fran Rei conducirán esta gala aberta ao público.
Os convites para asistir como público poderán retirarse a partir do martes 13 ás 11.00 horas no sitio web de Compostela Cultura. Tamén se poderán retirar no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal o mesmo día do espectáculo desde unha hora antes do comezo do mesmo.
aRi[t]mar "é unha boa ferramenta para lograr o coñecemento mutuo entre ambos lados da Raia"
Na presentación deste luns en Compostela Xosé Lago, director do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal, afirmou que aRi[t]mar "é unha boa ferramenta para lograr o coñecemento mutuo entre ambos lados da Raia". Pola súa parte, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, destacou a calidade das obras gañadoras así como a presenza de mulleres premiadas, "un indicador de que as mulleres están a liderar a creación artística".
O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, agradeceu a iniciativa da EOI polo seu traballo a prol dun ben intanxible como é a lingua común dunha comunidade de máis de 250 millóns de persoas. E o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, afirmou que "aRi[t]mar é unha feliz idea que xurdiu hai xa sete anos, que partiu dunha EOI moi activa e que supón un observatorio de contacto exitoso coa lusofonía".