O Auditorio de Galicia acolle este mércores ás 21 horas a gala de entrega dos premios da edición 2019 do certame aRi[t]mar de música e poesía galega e portuguesa, uns galardóns que nesta ocasión foron para Tanxugueiras, Os Azeitonas, Susana Aríns, Marta Chaves e Uxía. A gala, que contará tamén coa actuación de Carlos Blanco, ten entrada libre ata completar a capacidade da sala
Os premios foron para Tanxugueiras, Os Azeitonas, Susana Aríns, Marta Chaves e Uxía
aRi[t]mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Compostela, ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en Galicia e en Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
Os preto de cinco mil votos do público determinaron que os/as artistas gañadores polo mellor tema musical publicado en Galicia e en Portugal en 2018 son as Tanxugueiras, con 'Quen non mo neguen', e Os Azeitonas, con 'Efeito do Observador'. No apartado de poesía, as gañadoras foron a galega Susana Sánchez Arins, polo poema “e isso é o amor” (Tu contas e eu conto, Através Editora, 2018), e a portuguesa Marta Chaves, por “FACHADA” (Varanda de Inverno, Assírio e Alvim, 2018). Ademais, o xurado decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” á cantora galega Uxía.
O certame ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en Galicia e en Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous países
Na presentación da gala, Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas, sinalou que este certame “é a cereixa no topo do bolo, como din en Portugal, pois é o final dun ano lectivo en que se desenvolve un proxecto didáctico e pedagóxico nas aulas de galego e de portugués”. “Naceu para iso, mais agora é un dos festivais de referencia de todo o país e mesmo de Portugal coa singularidade de que son os únicos premios en Galiza que se escollen por votación popular”, engadiu.
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, sinalou que aRi[t]mar é “un escaparate magnífico para visibilizar e dar eco a multitude de voces que poñen en evidencia algo que nos vén dado por herdanza cultural e secular que é a posibilidade da lingua galega e de Portugal e da lusofonía no seu conxunto”
Valentín García: “aRi[t]mar é un escaparate magnífico para visibiliza algo que nos vén dado por herdanza cultural e secular que é a posibilidade da lingua galega e de Portugal e da lusofonía no seu conxunto"
De igual xeito, Xosé Lago, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, afirmou que aRi[t]mar “fai moito pola integración da cultura, da música e da poesía galega e portuguesa, porque cremos é unha das mellores vías para que se integren a cidadanía galega e portuguesa é a través da fala e da música”.
A gala aRi[t]mar está promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Patrocinan a Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Santiago de Compostela, Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo. Colaboran a Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centros do Ensino Português pelo Camões.
Paco Souto e Pedro Craveiro e A banda da Loba e os irmáns Sobral foron os gañadores das dúas edicións anteriores do certame.