O galego Paco Souto e o portugués Pedro Craveiro son os poetas gañadores do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. As obras gañadoras foron Terradentro (Caín, Laiovento, 2016), de Paco Souto; e Fui a Bruges esquecer um amor (Avenida Sul, 2016), de Pedro Craveiro. As seguintes clasificadas foron Rosalía Fernández (Galicia), por Parque, e Cláudia R. Sampaio (Portugal), por Tragam-me um homem que me levante com os olhos e, en terceiro lugar, Olalla Tuñas (Galicia) con Parir un lugar e Alexandra Santos (Portugal) con Penso em ti.
Os poemas serán interpretados nunha gala que se realizará no Teatro Principal de Santiago de Compostela xunto coas cancións premiadas de Sés ("A paz esquiva", de Oporse á extinción) e Quinta do Bill ("Faz bem falar de amor", de Todas as estações) e a lembranza de Fran Pérez, NARF, premio aRi[t]mar da Embaixada da amizade galego-lusófona.
Máis de dous mil votos emitidos a través da rede decidiron as obras gañadoras deste proxecto didáctico e cultural que busca divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Paco Souto faleceu o pasado mes de marzo nun tráxico accidente mentres exercía o seu traballo de percebeiro.
A iniciativa está impulsada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A organización corresponde ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, que durante o ano lectivo traballan de forma didáctica os textos e as músicas para, posteriormente, escoller mediante votación online as mellores cancións e poesías editadas en Galicia e en Portugal no ano anterior, neste caso, en 2016. Despois, os grupos gañadores participan nunha gala de entrega de premios que se celebra no Teatro Principal. Conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña e das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta, así como coa colaboración do Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões.
Os autores
Paco Souto (Coruña, 1962-Carballo, 2017). Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Realizou ilustracións para libros e participou en exposicións colectivas, colaborando tamén en obras teatrais. Foi presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón e destacado activista cultural, político e social. Entre os seus poemarios, destacan As árvores do incesto (Espiral Maior), Fado (Letras da Cal), Crebar cristais coa lingua (A. C. Caldeirón), As horas de María (Espiral Maior), e Caín (Laiovento).
Pedro Craveiro (Porto, 1990) Licenciado en Estudos Portugueses e Lusófonos, ten un mestrado en Estudos Literários Culturais e Interartes pola Universidade do Porto. Na actualidade exerce de profesor axudante de português na Universidade de California, onde tamén realiza os seus estudos de doutoramento. Foi integrante do Anuário de Poesia de Autores Não Publicados (Assírio & Alvim). Bon coñecedor de Galicia e da nova poesia galega, a súa familia paterna é de ascendencia galega.