Foi un dos momentos máis delicados para o PP de Alberto Núñez Feijóo na pasada lexislatura galega. Hai agora tres anos, a Xunta ratificaba o peche da sala de partos do hospital comarcal de Verín, desencadeando unha vaga de fortes protestas durante a que mesmo o PP de Ourense se desmarcou abertamente da decisión mentres o Goberno galego encadeaba xustificacións técnicas e políticas que non acababan de callar.
Finalmente, a Xunta acabou recuando. Polo medio deixou un forte malestar e significativos episodios como que o hospital verinés tivese que atender varios partos, entre eles o dunha concelleira do PP, mentres oficialmente non tiña paridoiro.
Este 4 de decembro, tres anos despois do estourido daquel conflito, unha ampla delegación do PP acudiu ao hospital de Verín. Á súa fronte ía Julio García Comesaña pero non na súa calidade de conselleiro de Sanidade, senón como "responsable de Xestión da Innovación da Secretaría de Sanidade" da dirección estatal do partido, e mais a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Ambos puxeron o foco en que "a Xunta está a investir 4 millóns de euros na zona de ampliación" do hospital pero, sobre todo, cargaron contra BNG e PSdeG por non secundaren a política sanitaria do Executivo que agora encabeza Alfonso Rueda.
O conselleiro de Sanidade defende, na súa calidade de dirixente do PP, que "é difícil poñer iniciativas en marcha para resolver problemas" sanitarios e "topar co voto en contra" da actual oposición, á que os populares acusan de "teledirixir" as protestas de SOS Sanidade Pública
Segundo Comesaña, "é difícil poñer iniciativas en marcha para tratar de resolver problemas" sanitarios que "afectan a todo o Estado" e "topar sempre co voto en contra do PSOE e do BNG" porque "realmente queren que á sanidade lle vaia mal para seguir mantendo ese discurso político". O PP conta con maioría absoluta no Parlamento, polo que non precisa dos votos do Bloque nin dos socialistas para sacar adiante ningunha medida.
Comesaña e Prado censuran que os grupos da actual oposición non desen o seu "si" a "apostas arriscadas, importantes e pioneiras da Xunta" como "a lei que permite ofertar o acceso a prazas de difícil cobertura" no Sergas "a través dun concurso de méritos nos hospitais comarcais". Todo, defende a 'número dous' do PPdeG, nun contexto no que a falta de persoal médico "non é nin do presidente Rueda nin da presidenta Ayuso, senón de toda España" e no que, defende, as mobilizacións pola sanidade pública que se desenvolven en múltiples localidades galegas están "teledirixidas" por BNG e PSdeG.
Concorrida protesta pola sanidade pública en Poio
Mentres a secretaria xeral do PPdeG censuraba as protestas, estas continuaban. Facíano á mesma hora en Poio, onde centos de persoas responderon ao chamamento da Mesa pola Defensa dos Dereitos da Sanidade da localidade ante o centro de saúde de Anafáns para concentrárense na defensa da Atención Primaria pública. Alí o colectivo recolleu sinaturas para a iniciativa lexislativa popular de SOS Sanidade Pública para "fortalecer" este servizo.