O peche da sala de partos de Verín prende a faísca doutra mobilización unitaria contra a política sanitaria da Xunta

Protesta contra o peche da sala de partos de Verín CC-BY-NC-SA CIG

A mobilización en Verín non só non cesa, senón que se espalla. O movemento de rexeitamento ao peche da sala de partos do hospital comarcal de Verín vai camiño de tornar no gran conflito político da recta final da lexislatura para o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Non só por incomodar o PP de Ourense, transcendental gardián dun indispensable celeiro de votos, senón tamén por reactivar e mesmo fomentar a unidade das diferentes reivindicacións contra a política sanitaria da Xunta, que en certo xeito esvaecera dende a mobilización unitaria do pasado febreiro, aínda entre ecos do concorrido rexeitamento á reforma sanitaria de 2018.

SOS Sanidade Pública acode este luns a Verín para apoiar a persoal e veciñanza na protesta contra o peche da sala de partos, pero tamén para avaliar a posibilidade unha gran mobilización unitaria

É precisamente esa reforma sanitaria de 2018 a que ecoa agora en Verín. Os populares galegos e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, reduciran daquela a "mentiras"  acusacións da oposición e de plataformas como SOS Sanidade Pública sobre o "desmantelamento" de servizos nos hospitais comarcais. Agora, cren estes colectivos, o peche do paridoiro de Verín non fai máis que lles dar a razón.

Este luns, 9 de decembro, colectivos integrados en SOS Sanidade Pública avaliarán sobre o terreo a posibilidade de que a mobilización verinesa sexa a faísca dunha nova mobilización unitaria de rexeitamento global á política sanitaria da Xunta. A visita a Verín terá unha parte simbólica, para "apoiar as mobilizacións e peches da poboación e persoal contra o peche do paridoiro e o desmantelamento de servizos do hospital comarcal", explican. Pero outra, máis práctica: testar a posibilidade desa gran mobilización.

Protesta contra a reforma sanitaria, no hospital de Verín © En Marea

Contra ás cinco e media da tarde deste luns, o auditorio de Verín acolle unha xuntanza con dous puntos a tratar alén da "solidariedade coa área de Verín das numerosas organizacións que veñen loitando dende hai anos na defensa do sistema sanitario público galego". Pasarán revista aos efectos da reforma sanitaria de hai dous anos, toda vez que agora ven ratificado que estaba "destinada a recentralizar o sistema" e favorecer "privatizacións". E tamén proporán esa "gran mobilización unitaria".

Se en Verín existe apoio a trasladar a protesta a unha manifestación global, os detalles abordaranse esta mesma semana, o día 12, nunha reunión xeral de SOS Sanidade Pública. Tamén estará sobre a mesa "o resultado da negociación da reforma da Atención Primaria" e o acontecido en Povisa, unha vez confirmado o paso a mans dun grupo multinacional estadounidense deste hospital privado-concertado, o de referencia para unhas 130.000 persoas na área de Vigo.

Manifestación contra a reforma sanitaria impulsada pola Xunta en febreiro de 2018 CC-BY-NC-SA CIG

Unha  mobilización xeral na sanidade galega que transcenda os límites das loitas sectoriais é o que dende hai tempo procuran outros colectivos como o das enfermeiras eventuais

Unha  mobilización xeral na sanidade galega que transcenda os límites das loitas máis sectoriais é, precisamente, o que dende hai tempo procuran outros colectivos que saltaron os marcos das organizacións como esta plataforma ou os sindicatos, pero que procuran a colaboración con elas. Sucede moi especialmente coas enfermeiras eventuais, que apostan abertamente dende o outono por teceren alianzas para unha gran mobilización na que se dá por descontado o apoio das forzas da oposición política galega.

Este domingo a Xunta subliñaba que Galicia "consolida a súa posición nos primeiros postos" con "mellores resultados nas lista de espera cirúrxica"

Mentres, dende o PPdeG e a Xunta, non se disimula o receo cara a estes movementos, que consideran asentados na mentira e na "demagoxia" fronte aos datos "científicos". Nesta liña, este domingo a Consellería de Sanidade facía público un comunicado no que subliñaba que "Galicia consolida a súa posición nos primeiros postos das comunidades autónomas con mellores resultados na lista de espera círurxica". O departamento de Jesús Vázquez Almuíña afírmao botando man dos datos publicados polo Ministerio de Sanidade publicados o pasado 29 de novembro que, no caso galego, recolle o dato de 56 días de espera media a finais de xuño, xa publicado polo propio Sergas en xullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.