Feijóo demándalle ao Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña e o impulso urxente do tren a Punta Langosteira. O novo administrador dos peiraos, Martín Fernández Prado, asente convencido. Na comparecencia conxunta, ambos dirixentes populares confirman a inminente apertura das terminais de Calvo Sotelo e Batería. Subliñan a vocación cívica destes céntricos terreos gañados ao mar e anuncian que un ente público se encargará de xestionar a operación. A escasos 300 metros, en María Pita, coinciden no esencial. A alcaldesa, socialista e ausente o luns na foto, non necesariamente por esa orde, replica que a transformación do bordo litoral da cidade ten que contar con todas as opinións e anuncia o que a ela debe parecerlle un proceso participativo. Por que todo o mundo parece falar agora como Xulio Ferreiro? É unha vitoria política da Marea Atlántica ou un síntoma de gatopardismo portuario?
Por que todo o mundo parece falar agora como Xulio Ferreiro? É unha vitoria política da Marea Atlántica ou un síntoma de gatopardismo portuario?
Espóiler: as dúas respostas son correctas. Esta súbita conversión das forzas políticas que maquinaron, rubricaron e defenderon durante máis dunha década os convenios de 2004, a biblia da Grande Especulación Portuaria na Coruña, é sen dúbida unha vitoria. Do alcalde Xulio Ferreiro e da Marea Atlántica, si, pero sobre todo do conxunto de persoas e colectivos que antes ca nós e canda nós desafiaron o Consenso Inmobiliario e puxeron un pé na porta para que o campo do posible, do que cabía imaxinar e discutir na cidade, ficase aberto. E aquí rematan as boas noticias, por desgraza. Todo o demais, segundo espóiler do día, serán problemas. Chamémolos riscos, se non queremos dramatizar máis do necesario. Pero chamémolos dalgún xeito porque do que non ten nome non se fala.
Necesitamos un flashback antes de continuar. Volvamos a Linares Rivas, maio de 2017. Exterior/día. Primavera, para máis detalles. Catro mil persoas e un barco de cartón, a ollo, marchan pola beira da lonxa contra a privatización dos peiraos da Coruña e polo dereito a decidir. Polo dereito á cidade, en definitiva. Se isto fose unha necrolóxica, diría que cantabamos cunha soa voz e camiñabamos felices, pero isto non é unha necrolóxica senón todo o contrario. Rescato esa imaxe precisamente porque está viva. Porque permite explicar o festival de transformismo destes días. Aquela protesta, abertamente respaldada polo goberno da Marea Atlántica pero convocada polo tecido crítico da cidade co apoio de ducias de organizacións políticas e sociais, expresaba un novo sentido común.
Ese sentir empezara a decantar na década anterior grazas á teimosía duns poucos pioneiros, pero estaba pegando o estirón. A impugnación do Consenso Inmobiliario, que pasaba por ser apenas dous anos antes unha extravagancia do Partido do Precariado, ía converterse axiña na posición unánime do Parlamento de Galicia. Mesmo o PSOE, o máis remiso, atrapado como estaba no bucle melancólico dun vazquismo que xa na altura se paseaba pola Mariña con outras siglas, acabaría baixando os brazos. Faltaba pouco daquela para que convocásemos o foro Tecendo Litoral, que foi primeiro unha investigación, despois un debate público e finalmente un concurso de ideas e unha consulta popular. Alí levantamos acta dese Novo Consenso Portuario. A saber: lume aos acordos de 2004, blindaxe da titularidade pública dos terreos, creación dun consorcio público para a súa transformación, mantemento dos usos produtivos, aposta polos equipamentos públicos e os espazos libres, estímulo ás economías verde e azul, tratamento integral da costa, condonación da débeda e veto á proliferación de vivendas á beira do mar.
San Diego é a parte do león. Unha inmensidade. Case 380.000 metros cadrados. Varios peiraos, ademais da estación de mercadorías, compoñen unha peza tan complexa como cobizada. Non é casualidade que se vexa tan borroso o seu futuro
Calquera sabe, aproximadamente dende que os romanos pasaron o rodillo, que resulta máis económico vogar na dirección do sentido común, aínda que sexa para cambialo radicalmente de destino, que desbaldir forzas contra vento e marea. E iso é o que fan agora o PP e o PSOE. Por dicilo rápido: o que explica que Beatriz Mato e Inés Rey se presentasen ás eleccións de 2019 falando de bicis, árbores e pobreza enerxética, explica agora que imiten a linguaxe do alcalde ao que trataban de derrubar. Nada novo baixo ese sol. Será moito máis útil, se queremos auscultar o tempo que está por vir e reaccionar antes de que sexa demasiado tarde, que poñamos a nosa atención nas diferenzas, nas dobreces e, sobre todo, nos silencios. Que os hai e son verdadeiramente estrondosos.
Vaia por diante que a apertura de Calvo Sotelo e Batería, aínda que sexa limitada, será boa noticia. Como tamén o é que se asuma que eses terreos, prolongación natural dos Xardíns de Méndez Núñez, deben ser consagrados principalmente a usos cívicos. O problema é que a proposta que circula, sobre a que volveremos máis adiante, segue a proxectar novas edificacións e usos terciarios nunha cidade que xa é máis hospitalaria para as grandes superficies que para a hostalaría e o comercio de proximidade. E o que é aínda peor: esta concesión, que chega como chegan estas cousas no modelo de xestión portuaria que pactaron Aznar e Pujol no Hotel Majestic, coma unha sorte de dádiva feudal da comunidade autónoma á cidade, é un mondadentes. Afecta só a uns 65.000 metros cadrados. A parte do león deste debate é catro veces máis grande e mil veces máis problemática.
En Valencia acaban de obrar o milagre os Orzamentos Xerais do Estado. Alí o Goberno fixo desaparecer unha condena superior aos 400 millóns que se contraera. Na Coruña hai que seguir o exemplo
San Diego é esa parte do león. Unha inmensidade. Case 380.000 metros cadrados. Varios peiraos, ademais da estación de mercadorías, compoñen unha peza tan complexa como cobizada. Non é casualidade que se vexa tan borroso o seu futuro. En primeiro lugar, porque non é nada doado enfocalo. Os terreos están aínda en uso, e a alternativa, que en ningún caso serviría para o sector da pesca, do que ninguén quere falar, é o traslado das actividades a un porto exterior fanado. Punta Langosteira, lembrémolo, carece a tal hora de conexión ferroviaria. Pásalle como ao financiamento ilegal do principal partido da dereita española: ninguén se quere facer cargo. E por último, porque hai quen prefire manter sobre estas parcelas unha discreta e calculada ambigüidade. Ao cabo, é aí, á beira da Gaiteira e dos Castros, onde se proxectan, con maior ou menor sutileza que en 2004, os usos residenciais. Ou o que é o mesmo, onde se pretende facer caixa para pagar con plusvalías unha débeda que é, teceiro espóiler en menos de dez minutos, imposible de pagar.
Se a débeda forma parte da ecuación, as cartas están marcadas. Manda o valor de cambio. Por iso a única saída realista a este colosal enguedelle, como argumentaba hai pouco Xulio Ferreiro, é un Pacto contra a Débeda. Sacar a hipoteca do medio. Condonala. A fórmula para facelo está inventada. En Valencia acaban de obrar o milagre os Orzamentos Xerais do Estado. Alí o Goberno fixo desaparecer unha condena superior aos 400 millóns que se contraera, sorpresa, non para unha infraestrutura de interese xeral como a nosa, senón para darlle á manivela dos grandes eventos deportivos na éxida de Francisco Camps. Na Coruña hai que seguir o exemplo. A iso debería estar dedicando o seu tempo a alcaldesa, que para iso ofertou nas municipais de 2019 un teléfono prodixioso que podía converter en investimentos do Estado todos os seus desexos. É o momento de que esa marabilla saia do caixón e nos deslumbre. Celebrarémolo cando o confirme o ministro Ábalos, socialista e valenciano, non necesariamente por esa orde. Prometido.
Coa vitoria anémica de Inés Rey en maio de 2019, aupada polo efecto Sánchez, comezou a restauración da vella orde local. O réxime político-inmobiliario que liderou A Coruña durante décadas, porque as cidades sempre se gobernan en coalición, non o esquezamos, está de volta
Sorprendentemente, a Universidade da Coruña cre que condonar a débeda sería unha mala noticia. Danaría, argumentan os autores do estudo, a reputación da cidade. Deben estar preocupadísimos a tal hora en Valencia. En fin. Non é a única debilidade dun traballo que, a diferenza do que se produciu no pasado mandato, apenas era coñecido até onte á tarde fóra do laboratorio no que se elaborou, no campus universitario de Elviña, e das catro paredes do pazo municipal. Como puidemos constatar hai pouco nunha visita á lonxa, entre o abraio e a preocupación, nin sequera o sector da pesca foi convidado a participar na definición do futuro do seu medio de vida. Xa non sorprende, á vista dos antecedentes, que o proceso participativo anunciado pola alcaldesa fose en realidade un formulario web para mandar suxerencias ao pazo. Benvidos e benvidas ao pasado.
A recesión democrática é a tona dun cambio moito máis profundo. Coa vitoria anémica de Inés Rey en maio de 2019, aupada polo efecto Sánchez sobre os ombros dun erro histórico para a esquerda, a repetición das eleccións xerais, comezou a restauración da vella orde local. O réxime político-inmobiliario que liderou A Coruña durante décadas, porque as cidades sempre se gobernan en coalición, non o esquezamos, está de volta. A intimidade co sector do ladrillo na toma de decisións urbanísticas do Concello camiña de novo polo arame da legalidade e no pazo non se escoita outra cousa: o que vai reactivar a nosa economía, tocada pola COVID, co desemprego disparado, é a construción. A brunete mediática de Sabón non perde oportunidade de coser ese relato. Esa idea de que precisamos 10.000 novas vivendas canto antes só é a punta de lanza.
PP e PSOE tratarán de renovar o contrato de 2004 con outro nome e un tipo de interese máis baixo. Se os deixamos, asinarán por nós unha nova hipoteca, outra factura en diferido. Se os deixamos. Porque hai alternativa: impulsemos unha gran coalición contra a débeda
Veñen miraxes e curvas. Sucederanse os días históricos e os acordos fabulosos. Haberá fotos e titulares e non serán unicamente señores no posado, como era si ou si hai vinte anos. Abrirán Calvo Sotelo e Batería e poderemos camiñar polos peiraos. Será boa noticia. Gozaremos do terreo conquistado. Volveremos á auga. Pero mentres tanto, fóra do foco, PP e PSOE tratarán de renovar o contrato de 2004 con outro nome e un tipo de interese máis baixo. Unha ganga. Calcularán os postos de traballo que se van crear por cada metro cúbico de formigón e leremos no quiosco que as contas, esta vez si, saen redondas. Até haberá vivendas para pobres con vistas ao mar. Se os deixamos, asinarán por nós unha nova hipoteca, outra factura en diferido. Se os deixamos. Porque hai alternativa: impulsemos unha gran coalición contra a débeda, unha fronte plural, cívica e política, polo dereito á cidade. Algo que renove os votos da protesta que en 2017 percorreu a muralla do porto dende A Palloza até a Mariña e cumpra este cuarto e último espóiler: nunca teremos que escribir esa necrolóxica porque esta batalla tamén a imos gañar.