A obra facilitará a saída de mercadorías dos portos de Vilagarcía e Marín cara á Meseta, evitará manobras aos trens internacionais
Adif, a empresa pública encargada de xestionar a rede ferroviaria estatal, vén de licitar a redacción do proxecto técnico para a renovación integral do treito Redondela-Arcade da vía ferroviaria antiga a cuxo carón se construíu o Eixo Atlántico de alta velocidade. O contrato inclúe o deseño dunha conexión directa entre a liña procedente de Portugal e Ourense cara a Vigo e a que se dirixe de alí cara ao norte de Galicia, que ata agora só se conectaban con manobras de marcha atrás por parte dos trens.
O novo by-pass de Redondela, xunto coa renovación integral de preto de oito quilómetros do treito antigo entre ese punto e Arcade, ao norte, facilitará a saída de mercadorías dos portos de Vilagarcía e Marín tanto cara a Ourense e a Meseta como a Portugal, ademais de posibilitar a conexión directa entre a liña procedente da Coruña e Pontevedra coa de Portugal ou a de Ourense sen ter que dirixirse primeiro cara a Vigo e despois cambiar de sentido.
Ademais, ao existir nese treito entre Redondela e Arcade dúas conexións, unha en cada sentido, entre a vía antiga que agora se vai mellorar e o Eixo Atlántico de AVE, tamén se axilizarán as posibles manobras de enlace entre as vías convencionais de Portugal e Ourense e a de alta velocidade.
Adif ten tamén en marcha a electrificación e mellora da seguridade da liña ata a fronteira portuguesa e os deseños necesarios para ampliar a capacidade para mercadorías da liña Vigo-Redondela-Ourense-León.