"Un polo atlántico que exerza influencia e actúe de contrapunto a un centralismo que ameaza con deixarnos fóra da primeira velocidade". "O centralismo do Estado espanhol, tal como o centralismo de Portugal, não ajudam ao desenvolvimento". Quen falan son a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais a coordinadora do Bloco de Esquerda, Catarina Martins. Ambas encabezaron este luns en Vigo as delegacións de cadansúas formacións para presentar a súa nova "alianza estratéxica", centrada en reivindicar mellores conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal.
Ana Pontón encadra a "alianza estratéxica" co Bloco na aposta por "reforzar un polo atlántico que defensa os intereses comúns de Galiza e Portugal ante o deseño centralista das infraestruturas"
O encontro, explica o Bloque, é o primeiro dun "grupo de traballo estable" que quere ser "lobby ante os respectivos gobernos" e que, se ben manexará unha axenda de "amplo contido", comeza centrándose en "tres proxectos estratéxicos" para a conexión ferroviaria galego-portuguesa. A saber: a mellora da liña Vigo-Porto -que o Goberno portugués prevé culminar en 2021 mentres retoma a súa aposta pola alta velocidade-, o Corredor Atlántico de Mercadorías -no que Galicia quedou incluída pola Comisión Europea dende 2018- e mais "o eixo de mercadorías Ferrol-Sines.
Ambas formacións, explican, consideran "prioritarias" estas infraestruturas "para o desenvolvemento económico e social, gañar en competitividade e xerar emprego". "Por iso -explica Pontón- sumamos forzas" coa intención de "reforzar un polo atlántico que defensa os intereses comúns de Galiza e Portugal ante o deseño centralista das infraestruturas que impulsa o Estado español", mais tamén "ante a inacción do Goberno galego, cun presidente da Xunta sen iniciativa que, na práctica, parece compartir ese deseño radial madrileño".
Neste sentido, a líder do Bloque sinala que conectar Vigo co Porto en tempos de viaxe competitivos resulta clave para dar "tecido unha gran área metropolitana entre ambas cidades". Esa é a razón, abonda, pola que "a coñecida como saída sur de Vigo, tanto para a liña convencional como para a conexión coa futura alta velocidade" é "a máis urxente".
Catarina Martins: "O centralismo do Estado espanhol, tal como o centralismo de Portugal, não ajudam ao desenvolvimento"
A coordenadora do Bloco de Esquerda, pola súa banda, ve tamén "claro" que o esquema centralista en torno a Lisboa "não promove a coesão territorial" e "tem sido um dos obstáculos ao desenvolvimento" de Portugal. O BE, subliña, aspira Portugal pase de transportar "menos de 5% dos passageiros, e menos de 5% das mercadorias por ferrovia" a acadar "o 40% dos passageiros e das mercadorias por ferrovia". Ese obxectivo estratéxico, resalta Martins, "permitiria desenvolver o eixo atlântico com ligação à Galiza".
Dado que o Goberno do Partido Socialista "ten definido este investimento como prioritário", resalta, "é preciso passar do anúncio ao investimento" por parte do Executivo de António Costa. Mais tamén que "do lado galego da fronteira exista a mesma vontade de fazer estas ligações ferroviárias". Neste sentido, Pontón lamenta que Feijóo non aproveitase a presidencia de quenda de Galicia na Comunidade de Traballo co Norte de Portugal para "establecer alianzas estratéxicas co país veciño" con estes obxectivos.
BNG e Bloco de Esquerda volveranse xuntar o vindeiro febreiro no Porto. "Vamos marcar futuros encontros sobre estes temas das infraestruturas, mas também sobre outros pontos de convergência em matéria de cultura, ciência, trabalho e ambiente", avanza a formación portuguesa.
