Marisa Matias (Coimbra, 1976) é o rostro do Bloco de Esquerda en Europa. Deputada no Parlamento Europeo, é dirixente do Partido da Esquerda Europea (PE, que inclúe a Syriza e IU, entre outros) e fixo campaña nos últimos tempos a favor de Syriza en Atenas, de Barcelona en Comú e, en novembro pasado, participou no acto público de proclamación de Pablo Iglesias como secretario xeral electo de Podemos no Teatro Novo Apolo. Ten colaborado co BNG en numerosas ocasións, tamén coa eurodeputada nacionalista Ana Miranda na Eurocámara.
O seu partido converteuse na terceira forza política portuguesa: pasou o pasado domingo de 8 escanos e un 5,19% nas eleccións de 2011 a 19 escanos -dos 230 que forman o Parlamento- e un 10,22%, encabezado por Catarina Martins, "unha voz que chegou a moita xente", describe Marisa Matias: "Iso lográmolo por fin".
O Bloco sitúase ideoloxicamente entre o Partido Socialista de Portugal (32,38% e 85 escanos; segundo por detrás da coalición conservadora PPD/PSD-CDS-PP, cun 36,83% e 99 escanos) e o Partido Comunista de Portugal, que concorre ás eleccións na coalición CDU cos Verdes (8,27% e 17 escanos; un escano máis que en 2011).
O Bloco duplicou resultados, pero as eleccións volveu gañalas a dereita.
Gaña a dereita, pero é o peor resultado da dereita desde hai moitos anos. O 60% da poboación portuguesa votou partidos de oposición ao Goberno de dereitas. É verdade que a coalición de dereitas logrou que o seu programa fose o máis votado, e iso é unha das malas noticias da noite. Pero é importante recoñecer que as forzas antiausteridade saíron moi reforzadas desa votación, en particular o Bloco de Esquerda.
"A dereita gañou en Portugal, pero é o seu peor resultado en moitos anos; as forzas antiausteridade saíron moi reforzadas"
Hai posibilidades de formar un Goberno alternativo á dereita?
Nós sempre o propuxemos durante toda a campaña. Hai un par de condicións que, de garantirse, estamos dispostos para asumir responsabilidades. O domingo pola noite, despois dos resultados, o PCP apoiaba as condicións que expuñamos, pero o PS apoiou o Goberno de dereitas ao non responder ás nosas peticións.
E cales eran esas condicións?
Son tres condiciones, só tres. Unha ten que ver coa protección dos salarios, porque o PS levaba no seu programa un réxime de despedimentos e rebaixa salarial. O segundo foi que o PS retirase a intención de baixar a taxa social única, a contribución dos empresarios á Seguridade Social. Querían colocalo como unha maneira de incrementar un pouco os salarios, pero é unha hipoteca moi forte para o futuro supón pensións moito menores. Non pode ser. E a outra cuestión que estaba no programa do PS era a conxelación das pensións durante catro anos, que é o mesmo que facer un recorte das pensións. Nun país que xa ten salarios tan baixos, pensións tan baixas e con tanta xente na pobreza, non se pode aceptar. Son tres cuestións moi concretas, moi sinxelas, non é o programa da revolución. É para un entendemento para que non goberne a dereita en Portugal.
"O Bloco non propón a saída do euro; esa é a distincia real co programa do PCP"
O Bloco está no GUE, como o PCP. Tamén están na idea dun plan B ao euro?
Nós non nos colocamos na posición da saída do euro. É a distinción real do programa do PCP e do Bloco.
Podemos é o Bloco de España e o Bloco é o Podemos de Portugal?
É simplificar. Somos forzas antiausteridade, pero temos contextos e realidades moi diferentes. Non hai ningunha dúbida de que somos partidos irmáns, pero a realidades portuguesas e españolas son moi diferentes, e non podemos simplificar até o punto de dicir que somos iguais. Hai retos que se colocan no Estado español que non existen no portugués, pero é compatible nosa defensa dos de abaixo e o noso compromiso de eliminar a austeridade, defender os servizos públicos e o que é de todos. Pero hai outras cousas, como a cuestión nacional, que se pon enriba da mesa en España e non en Portugal.
"Dicir que Podemos e Bloco de Esquerda son iguais é simplificar; as realidades portuguesa e española son moi diferentes"
O Bloco xa ten 15 anos, como evolucionará despois deste salto electoral?
Este resultado mostra que o Bloco foi visto como a verdadeira alternativa. Nós empezamos a campaña cunha intención directa de voto do 2%. Fixemos unha campaña de propostas moi concretas e directas. Presentámonos como unha solución, como unha parte da solución. Fomos na última lexislatura a forza política máis coherente e consistente en presentar alternativas ao que se aprobaba contra as vidas das persoas. Creo que houbo un recoñecemento e un voto de confianza para o futuro.
"O que pasou en Grecia afectounos moito, pero demosrou que en Europa non hai democracia, que hai chantaxe e xogo sucio"
O terceiro memorándum de Grecia trasladou unha idea de derrota en parte da esquerda?
O que pasou en Grecia afectounos moito, pero foi unha forma de que toda a xente poida mirar agora a Europa e dicir que non é unha democracia, que hai chantaxe, hai xogo sucio, e nós estamos para expor a democracia como a condición máis básica do exercicio do poder, tanto nos Estados como na UE.