José Gusmão: "En Portugal estámoslle amosando á xente que se poden lograr cousas"

Intervención de José Gusmão © EU

En novembro de 2015 un acordo de esquerdas entre Partido Socialista, Bloco e Partido Comunista converteu en Primeiro Ministro a António Costa, que conformou un goberno integrado só polo PS pero que dende entón foi negociando coas forzas situadas á súa esquerda unha axenda de medidas económicas e sociais de progreso, moi afastadas das ditadas na lexislatura anterior polo Executivo de Passos Coelho. En España, permanentemente de costas ao que sucede en Portugal, os grandes medios apenas publican informacións sobre a actividade deste Goberno. Este sábado José Gusmão, economista e membro da mesa de negociación do Bloco de Esquerdas para o pacto de esquerdas, e Yolanda Díaz, deputada de En Marea e coordenadora de Esquerda Unida, participaron en Madrid nun debate convocado pola Fundación pola Europa dos Cidadáns (FEC) baixo o título “Que pasa en Portugal?: O acordo de goberno do que ninguén fala”.

O incremento do salario mínimo, a actualización automática das pensións, a recuperación da xornada de 35 horas para os funcionarios, a reversión da privatización da TAP e das concesións de transporte colectivos nas cidades, a fin dos acordos cos colexios privados onde haxa escola pública, un imposto sobre as fortunas inmobiliarias, a ampliación do dereito ao aborto, ou a posibilidade de que as parellas gai poidan adoptar son algunhas das medidas adoptadas polo Goberno portugués no último ano, medidas acordadas entre as tres forzas e que van máis aló do previsto no programa do PS. 

"Os partidos da esquerda fixamos uns obxectivos moi concretos de mellora da calidade de vida da xente e puxemos o foco na devolución de renda á poboación e na devolución de dereitos"

Como foi posible chegar a este acordo inédito en Portugal? Gusmão cre que "a vontade do PS de buscar un acordo á súa esquerda era moi clara, pero na opinión pública, había moita xente, na dereita e na esquerda, que non o cría, e isto foi unha vantaxe: o acordo foi unha sorpresa para moita xente". "Outra das claves do acordo" -sinala- "foi que todos os partidos da esquerda foron moi solidarios e, ademais, fixamos uns obxectivos moi concretos de mellora da calidade de vida da xente e puxemos o foco na devolución de renda á poboación e na devolución de dereitos". "Poderíamos ter situado outros obxectivos, tamén moi importantes para nós, coma o rexeitamento do tratado orzamentario ou a reestruturación da débeda pública. Pero non o fixemos, porque terían feito imposible o acordo, e tanto BE coma PCP aceptamos negociar a partir das propostas do programa do PS", di. O representante do Bloco salienta que "estaba instalada a idea de que os partidos á esquerda do PS non formaban parte do “arco da gobernabilidade, integrado por PS, PSD e CDS-PP”, o que limitaba a capacidade de incidencia de BE e PCP.

"O que estamos facendo en Portugal é moi importante, estamos logrando cousas e ao mesmo tempo estámoslle amosando á xente que se poden lograr cousas, o que é outra vitoria"

Gusmão subliña que "o que estamos facendo en Portugal é moi importante, estamos logrando cousas e ao mesmo tempo estámoslle amosando á xente que se poden lograr cousas, o que é outra vitoria. O que facemos está amosando tamén os límites do proxecto europeo, e a xente está vendo o absurdo do actual funcionamento da UE". Ademais, sinala que se está a dar "un cambio moi importante no PS, sobre todo na relación que establecen coas institucións europeas. Estanse convencendo de que a única forma de facer unha política que promova o benestar dos portugueses é facela contra Europa".

Gusmão alerta de que os partidos de dereita e os medios de comunicación levan meses nunha forte campaña contra o Goberno

Porén, alerta de que os partidos de dereita e os medios de comunicación levan meses nunha forte campaña contra o Goberno, anunciando o “desastre” inminente. “Primeiro dixeron que o Goberno non se formaría, porque o Presidente da República non o permitiría. Cando formamos o Goberno, dixeron que non conseguiríamos negociar uns orzamentos. Cando aprobamos o estes orzamentos, dixeron que non terían o visto bo de Bruxelas. Cando Bruxelas os aceptou, dixeron que non seríamos quen de executalos ou que sería unha catástrofe económica. No verán dixeron que o diaño chegaría en setembro”, di. “A realidade é que o terceiro trimestre do ano foi o mellor en termos económicos en moito tempo, cunha gran mellora da balanza comercial, cun gran crecemento do emprego”, destaca. Iso si, recoñece que está "forte presión" conseguiu que non houbese cambios, por exemplo, na sanidade.

"Temos unha maioría de esquerdas, pero non temos un pobo unido detrás desa maioría, sosténdoa e potenciándoa. Debe haber un movemento na rúa para que os cambios continúen"

"É o momento de establecer unha batalla ideolóxica coa dereita", afirma, para a que cre imprescindible unha maior mobilización social. "Nos primeiros anos da troika e de goberno das dereitas houbo unha mobilización social moi importante, dos sindicatos e dos novos movementos. Pero no remate da lexislatura produciuse unha forte desmobilización, que agora co goberno de esquerda se mantén. Hai un certo estado de anestesia e de excesiva confianza no funcionamento institucional. Neste contexto o movemento social podería acadar moitas vitorias, a través da presión que exercese sobre o goberno do PS", comenta.  

Gusmão conclúe que "temos unha maioría de esquerdas, pero non temos un pobo unido detrás desa maioría, sosténdoa e potenciándoa. É o reto que temos por diante. Debe haber un movemento na rúa para que os cambios continúen".

 

Yolanda Díaz: "Portugal amosa un camiño"

"Non se fala do que está pasando en Portugal porque Portugal amosa un camiño necesario que o sistema non pode aceptar"

"Non se fala do que está pasando en Portugal porque Portugal amosa un camiño necesario que o sistema non pode aceptar. É un exemplo pequeno de que dentro do proxecto da UE e do FMI se poden facer as cousas de forma diferente, metendo a culler entre as costelas da austeridade, que é un proxecto ideolóxico", comezou a súa intervención Yolanda Díaz, que engadiu que o pacto de esquerdas ao sur do Miño "permítenos abrir o foco e albiscar unha realidade político-social diferente nun marco coma esta UE, que é un pesadelo para os pobos e os cidadáns, unha UE que é profundamente antieuropea". Para Díaz, "temos que axudar ás nosas compañeiras portuguesas, debemos difundir o quen fan, porque son o exemplo de que hai alternativas á austeridade", citando ademais a Siniestro Total e o seu "Menos mal que nos queda Portugal"

Díaz salientou que en España as forzas do establishment impediron o acordo entre o PSOE e as forzas á súa esquerda

Díaz salientou que en España as forzas do establishment impediron o acordo entre o PSOE e as forzas á súa esquerda: "Sabían perfectamente que iamos en serio, que tiñamos un programa para defender a xente, que non nos iamos comportar coma as forzas do bipartidismo". "Co engadido de que España é a cuarta economía da UE, polo que as forzas do sistema non podían permitir que entrásemos no goberno ou que condicionásemos, como en Portugal, un goberno do PSOE. Se iso pasase, o paradigma dos países do sur de Europa, cambiaría de forma radical", engade.

"O PSOE negábase a negociar a reforma laboral ou a reforma fiscal e rexeitou calquera das propostas de mínimos que puxemos enriba da mesa"

Para a deputada de En Marea, o feito de que "as esquerdas que cuestionan o sistema actual" obtivesen 5 millóns de votos e "mirasen de ti a ti ao PSOE" foi un freo á posibilidade do acordo "porque fixo que o réxime se activase para impedir o acordo". "Ofrecemos un acordo de mínimos e o PSOE non aceptou nada", dixo. "Dende o minuto cero das negociacións decatámonos de que non había nada que facer. O problema nesa mesa non era Catalunya, senón que era a economía. O PSOE negábase a negociar a reforma laboral ou a reforma fiscal e rexeitou calquera das propostas de mínimos que puxemos enriba da mesa", explica, concluíndo que "nesas negociacións o PSOE representaba o establishment e fixo imposible o acordo, optando por pactar con Ciudadanos".

"Tentaron que estrásemos polo aro e non o conseguiron, e tiveron que dar un golpe de estado no PSOE. A consecuencia foi a superación do sistema bipartidista na que PP e PSOE se substituían, agora necesítanse para gobernar e únense nunha gran coalición, aínda que sexa vía abstención, para aplicar a axenda fixada dende Berlín", subliña.

"Temos que conformar unha alternativa nas institucións e na rúa. Cando cheguemos a gobernar, temos que ter a xente mobilizada, en tensión", concluíu Díaz

"Sei que, na actualidade, hai xentes na esquerda que se preguntan, ante o éxito de Trump e o fascismo, que imos facer. Necesitamos moitos puntos de encontro, non ir aos máximos, senón aos mínimos que nos unen. Hai que visualizar que hai alternativa, que é posible cambiar as cousas", concluíu Díaz que -citando a Zeca Afonso- chamou a agitar a malta: "Temos que conformar unha alternativa nas institucións e na rúa. Cando cheguemos a gobernar, temos que ter a xente mobilizada, en tensión. Temos que seguir camiñando, xuntos e xuntas, con esperanza".

 

Imaxe do acto celebrado este sábado en Madrid © EU
Intervención de José Gusmão © EU
Intervención de Yolanda Díaz © EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.