Na súa estratexia de confrontación co executivo de Sánchez anuncia tamén “emendas” aos orzamentos do Estado que legalmente non pode presentar
Hai máis dunha década que é público que na Gudiña vai haber unha estación da liña do AVE entre Galicia e a Meseta, pero é agora, cun Goberno central que xa non está en mans do PP, cando a Xunta considera “estratéxica” unha nova autovía que conecte esa zona do oriente ourensán con Portugal atravesando espazos naturais protexidos. Así llo vén de reclamar o Goberno galego ao executivo de Pedro Sánchez, ao que tamén asegura que presentará “emendas” para impulsar outras autovías que estiveron paralizadas durante os mandatos populares malia que os gobernos autonómicos non poden legalmente facelo. Será o PP quen presente esas alegacións en nome da Xunta.
Os plans de infraestruturas da Xunta, que non só contemplan as estradas da súa propia titularidade senón tamén as doutras administracións que o Goberno galego considera necesarias nalgún futuro indeterminado, nunca incluíron ningunha nova autovía entre o nordeste de Portugal e o sueste da provincia de Ourense. Pero agora a Xunta decidiu encabezar a reclamación que hai un tempo puxeron en marcha varios municipios portugueses da zona e á que se sumaron concellos galegos e a Deputación de Ourense para que se constrúa unha nova autovía que conecte A Gudiña e a súa futura estación de AVE coas localidades lusas de Macedo de Cavaleiros e Vinhais, en Trás-os-Montes, atravesando os espazos naturais protexidos do Parque Natural de Montesinho, en Portugal, e o espazo galego da Rede Natura 2000 de Pena Maseira.
A nova autovía atravesaría os espazos protexidos do Parque Natural de Montesinho, en Portugal, e o espazo galego da Rede Natura 2000 de Pena Maseira
Esa nova autovía, que segundo a propia Xunta daría servizo ao 200.000 habitantes da zona, discorrería paralela, uns 30 quilómetros cara ao leste, á xa existente A-75 Chaves-Verín, que ao enlazar coa Autovía das Rías Baixas (A-52) dá xa acceso á Gudiña e á súa nova estación. Ademais, outros 40 quilómetros máis ao leste está prevista a mellora da estrada convencional que conecta a cidade de Bragança coa estación de AVE que tamén haberá en Pobra de Seabra -tanto a estación da Gudiña como a de Seabra teñen unha finalidade máis técnica e de seguridade que comercial, polo que nelas só pararán algúns dos trens que circulen entre Galicia e Madrid-. E a maiores a principal poboación da zona, Bragança, con 35.000 habitantes, xa conta cunha conexión en parte por autovía con Zamora, a onde xa chega o AVE.
Neste contexto é no que agora a Xunta salienta o “carácter estratéxico” da nova autovía “para proporcionarlles ás economías dos dous territorios, ás empresas e aos cidadáns unha maior competitividade e aproveitar ao máximo as sinerxías da alta velocidade a Galicia”. O Goberno galego vén de poñerse á fronte da reclamación e asume o protagonismo da mesma ao remitir ao Ministerio de Transportes unha declaración institucional asinada pola Xunta, a Deputación de Ourense e 17 municipios da raia (A Gudiña, Riós, Cualedro, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós, Vilariño de Conso, Vinhais, Miranda do Douro, Mirandela, Macedo de Cavaleiros, Alfandega da Fé, Mogadouro e Vila Flor) coa que insta ao Goberno central a “reflexionar sobre a exclusión deste proxecto no Cumio Ibérico do 10 de outubro, lembrándolle que hai prazo para incluílo nos plans que Portugal e España agardan presentar á Unión Europea para captar fondos para infraestruturas transfronteirizas”.
Os gobernos autonómicos non poden presentar emendas aos orzamentos do Estado co que a Xunta deixará as súas alegacións en mans do PP, que reforza así a súa estratexia de identificación do país co partido
Ao tempo que encabeza a reclamación da nova autovía que ata agora nunca figurou nos seus plans de infraestruturas, a Xunta tamén presiona politicamente ao Goberno central co remate doutras autovías interiores de Galicia que apenas avanzaron durante os gobernos de Mariano Rajoy. O propio Feijóo vén de reunirse con alcaldes dos concellos polos que pasará a A-56 Ourense-Lugo, na que só hai un treito en servizo e ningún outro en obras. Tras o encontro, o Goberno galego emitiu un comunicado oficial no que asegura que para dotar de máis fondos ás obras pendentes nesa autovía “impulsará emendas ao proxecto de Presupostos Xerais do Estado”, malia que legalmente ningún goberno autonómico pode presentalas senón que só o poden facer os grupos políticos presentes no Congeso dos Deputados.
Xa cos orzamentos frustrados para 2019 a Xunta anunciara como propias emendas que realmente foron presentadas finalmente polo PP, dando un paso máis na estratexia de identificación de Galicia cos populares, que vén de reflectirse tamén na pasada campaña electoral de Feijóo.