O Goberno galego intenta transmitir unha imaxe institucional de oposición ao “agravio” a Galicia pero vincula as súas peticións coas propostas que poidan realizar os deputados populares
Os orzamentos xerais do Estado que o Goberno central presentou esta semana iniciaron xa a súa tramitación no Congreso e a partir de agora só poderán ser aprobados, rexeitados ou emendados polos seus deputados. Porén, o Goberno galego, que se amosa moi crítico con esas contas, está a anunciar de xeito público que as emendará, algo que non está na súa man e que fontes do Executivo de Feijóo admiten que depende do que fagan os deputados do PP. Así a Xunta, que intenta transmitir unha imaxe de institucionalidade fonte ao que considera un agravio a Galicia, asume como propias as posturas dunha formación política.
Este xoves, na rolda de prensa posterior ao encontro semanal do Goberno galego, o presidente Feijóo comezou a súa intervención anunciando que “o Consello dedicou gran parte da reunión a comentar os orzamentos do Estado”, feito que non se viu reflectido no listado de asuntos tratados que posteriormente se fixo público. E a continuación fixo desa cuestión o eixo central das súas declaracións como presidente da Xunta para acabar asegurando que, fronte a emendas presentadas en anos anteriores polo PSOE ás contas de Mariano Rajoy, que cualificou como pouco rigorosas, “faremos emendas co mesmo criterio e co mesmo rigor que en exercicios anteriores”.
Só os deputados poden presentar emendas aos orzamentos do Estado, non a Xunta, malia que así o anunciaron tanto Feijóo como a conselleira de Infraestruturas
Este venres quen se pronunciou en similar liña foi a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen tamén aludiu ás “emendas” que pensa presentar o Goberno galego ás contas estatais malia que non está habilitado para facelo.
Esas “emendas” ás que se referiron tanto Feijóo como Vázquez, admiten desde o Goberno galego, son as que poidan presentar os deputados do PP, postura de partido coa que así se identifica a Xunta.