Os orzamentos do Estado auguran anos de orfandade das autovías a ningures iniciadas por Magdalena Álvarez e Ana Pastor

As ex-ministras de Fomento Magdalena Álvarez e Ana Pastor © Banco Europeo de Inversiones

Os dous treitos rematados ou case da A-56 Ourense-Lugo e da A-57 de circunvalación de Pontevedra seguirán sen continuidade máis dunha década despois de iniciarse os seus traballos de xeito illado

Pode que nalgún momento as autovías A-56 Ourense-Lugo e A-57 de circunvalación de Pontevedra sexan unha realidade, pero o que auguran os orzamentos do Estado que agora vén de presentar o Goberno central é que durante anos as dúas infraestruturas van estar reducidas a un único treito en cada unha delas, o San Martiño-A Barrela na primeira e o Vilaboa-A Ermida na segunda. Iniciados respectivamente en 2008, coa socialista Magdalena Álvarez á fronte de Fomento, e en 2015, coa popular Ana Pastor como ministra, nin ata agora ningún goberno decidiu continualos nin así parece que vaia ocorrer no futuro inmediato ante a falta de previsión de orzamentos para iniciar sequera nos próximos anos o resto de treitos cos que deberán enlazar. Quedarán como illas con limitada conectividade co resto da rede viaria e polo tanto escasa utilidade.

A A-56 Ourense-Lugo está chamada a unir os arredor de 60 quilómetros que separan a primeira das cidades e Guntín, onde enlaza coa A-54 Santiago-Lugo xa rematada ata a capital lucense. En 2008 Fomento decidiu adxudicar e comezar as obras dun único treito de 8,8 quilómetros entre os lugares de San Martiño, en Ourense, e A Barrela, en Lugo. Durante anos ese treito permitiu aos sucesivos gobernos facer ver que a autovía estaba xa en marcha, pero as obras nunca comezaron en ningún dos restantes treitos. 

Treito San Martiño-A Barrela da A-56, iniciado en 2008, rematado hai un mes e único no que se executaron obras de toda a autovía © Ministerio de Transportes

Ese primeiro treito púxose en servizo o pasado 23 de setembro, coa presenza do secretario xeral de Infraestruturas do ministerio, Sergio Vázquez Torrón, e do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pero o seu trazado, afastado da actual N-540 e pensado como parte dunha vía de longo percorrido, e polo tanto reducida conectividade coas estradas locais, fai que teña máis utilidade para as comunicacións entre Lugo e a comarca do Ribeiro que coa cidade de Ourense. 

Agora, nos orzamentos para o próximo ano, nos que tamén se avanzan estimacións de gasto ata 2024, constátase que o resto de treitos da A-56 entre Ourense e Lugo seguirán recibindo contías mínimas, de 100.000 euros ao ano, que impiden sequera iniciar as obras. Só os treitos da A-56 que serven de circunvalación de Ourense polo norte reciben partidas significativas como para comezar os traballos, pero non así o resto de treitos de comunicación con Lugo ao norte e ao sur do que xa está en servizo.

As obras neses treitos illados permitiron a sucesivos gobernos facer ver que as autovías estaban xa en marcha, pero sen tomar nunca a decisión de continualas

No caso da A-57, a infraestrutura foi pensada inicialmente como unha autovía de conexión directa de Pontevedra coa Autovía das Rías Baixas (A-52) cara á Meseta sen ter que pasar por Vigo. Co tempo foi variando o seu deseño e sumouse a ela unha circunvalación de Pontevedra polo leste ata conectala ao norte coa AP-9 e a Autovía do Salnés. A esa circunvalación pertence o primeiro e único treito en marcha de toda a infraestrutura, entre Vilaboa e A Ermida, de 6,5 quilómetros, cuxa primeira pedra colocou a propia ministra daquela, Ana Pastor, en outubro de 2015, dous meses antes das eleccións xerais daquel ano. Cinco anos despois aínda segue en obras, pero os orzamentos agora presentados xa prevén o seu remate en 2022. Para cando iso ocorra, segundo as mesmas contas, aínda non estará en marcha as obras de ningún outro dos treitos da autovía, nin na súa circunvalación de Pontevedra nin na súa conexión coa A-52.

Treito Vilaboa-A Ermida da A-57, iniciado en 2015 e cuxo remate se prevé en 2022, único no que se executaron obras de toda a autovía © Ministerio de Transportes

Ao igual que ocorre coa Ourense-Lugo, este único treito en marcha tamén verá limitada a súa utilidade durante os anos que siga sen conexión co resto, xa que por si só apenas facilitará os traxectos entre Vilaboa, ao sur de Pontevedra, e o leste da cidade, co polígono industrial do Campiño e a estrada a Pontecaldelas como principais referencias. Pola contra, as súas obras si serviron durante este tempo para que en abril de 2018 as visitasen os presidentes Rajoy e Feijóo ou, este mesmo mércores, o delegado do Goberno, Javier Losada.

Son varias as estadas que levan máis dunha década aparecendo nos orzamentos con partidas mínimas sen que siga sen haber unha previsión clara de comezo das obras

Tanto na A-56 como na A-57 as previsións orzamentarias para os treitos aínda non iniciados son de 100.000 euros, cifra que o ministerio leva anos replicando naqueles proxectos nos que só contempla continuar cos estudos previos ás obras. Unha situación que se vén repetindo noutras moitas obras de menor envergadura que levan máis dunha década aparecendo con ditas contías mínimas nos sucesivos orzamentos estatais pero que nas que segue sen haber unha previsión clara de comezo das obras

Visita este mércores 28 de outubro do delegado do Goberno, Javier Losada, ao único treito en obras da A-57 CC-BY-SA Delegación do Goberno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.