Hai catro anos deuse a coñecer o trazado proposto para a construción da Autovía A-76 (Ponferrada-Ourense), que o Ministerio de Fomento propoñía facer pasar pola Ribeira Sacra, provocando un impacto medioambiental irreparable. De inmediato organizouse unha Plataforma contra o trazado da A-76, que alertaba de que, entre outras cousas, o proxecto poñía en risco a declaración do espazo como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Alcaldes e empresarios que ata agora apoiaran sen dúbidas o proxecto orixinal demandáronlle ao Ministerio de Fomento que a autovía remate en Monforte, evitando atravesar a Ribeira Sacra
Pola contra, o alcalde de Monforte, José Tomé (PSOE), chegou a declarar que "se teño que decidir entre a declaración de Patrimonio da Humanidade e a A-76 teño claro que me quedo coa autovía". De igual xeito, no Parlamento Galego PP e PSdeG-PSOE votaron en contra dunha proposta de AGE (apoiada polo BNG), que suxería abrir "un novo prazo para estudar trazados alternativos para os tramos licitados e en proceso de redacción, e que se respecten os espazos naturais, ambientais e turísticos afectados".
Esta semana varios alcaldes da zona que ata agora apoiaran sen dúbidas o proxecto orixinal, entre eles o de Monforte e o do Barco, demandáronlle ao Ministerio de Fomento que a autovía que vén de Ponferrada remate en Monforte, evitando atravesar a Ribeira Sacra, e que a conexión con Ourense se faga a través de Chantada, aproveitando a autovía que une Lugo coa cidade das Burgas.
Buscan evitar o risco de que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade se vexa afectada
A demanda, apoiada tamén por varias organizacións empresariais, busca evitar o risco de que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade se vexa afectada. Un risco do que organizacións como ADEGA levan anos advertindo.
A nova proposta incluiría a construción da autovía Monforte-Chantada (A-72), un proxecto que formaba parte das promesas do Plan Galicia posterior á catástrofe do Prestige e cuxa execución estaba prevista para o ano 2007. Porén, a iniciativa nunca pasou dos estudos previos e recibiu importante críticas polo impacto negativo que podería producir para a produción vinícola da zona, o seu elevado custo (196 millóns) e polo escaso tráfico que na actualidade rexistra a estrada convencional entre as dúas localidades. A nova proposta evitaría a Ribeira Sacra, conectando Monforte e Ourense por Chantada, e só suporía dez quilómetros máis de traxecto que o proxecto inicial.
A xuntanza entre os alcaldes e o Ministerio de Fomento non deixou compromisos concretos para o avance das actuacións na A-76. Porén, espérase que en breve o Goberno central licite as obras dalgúns dos primeiros treitos, entre Ponferrada e O Barco.
Celebran o cambio de posición
"Esta alternativa podería facer posibles as lexítimas demandas de comunicación rápida e reduciría o altísimo impacto negativo en aspectos medio-ambientais, económicos e sociais"
A Plataforma Non A-76 pola Ribeira Sacra valora positivamente o cambio de posición de alcaldes e empresarios. A Plataforma sinala que "esta alternativa podería facer posible as lexítimas demandas de comunicación rápida dende o Bierzo e Valdeorras co sur de Galicia e, do mesmo xeito, reduciría o altísimo impacto negativo en aspectos medio-ambientais, económicos e sociais que suporía un impedimento cara a posibilidade de que a Ribeira Sacra poida ser declarada Patrimonio da Humanidade". Con todo, a Plataforma fai un chamamento a que no proceso de execución da autovía dende Ponferrada ata Monforte "se trate de aminorar o máximo posible o impacto que esta infraestrutura poida causar polos lugares por onde está proxectada actualmente".
O proxecto completo da autovía prevía construír 22 túneles e 64 viadutos, que suporían 17 dos 125 quilómetros do trazado, superando os ríos Sil, Soldón, Lor, Cabe e Miño. A A-76 non só ameazaba a Ribeira Sacra, senón tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego", segundo subliña ADEGA.