A candidatura da Ribeira Sacra para ser Patrimonio da Humanidade, no aire

Imaxe da Ribeira Sacra CC-BY-ND Santi Villamarín

Entre o verán e o outono do ano 2013 colleu pulo a candidatura que buscaba acadar para a Ribeira Sacra o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, unha distinción coa que en Galicia contan a Torre de Hércules (2009), a Muralla romana de Lugo (2000), os Camiños de Santiago (1993) e o propio casco histórico de Compostela (1985). As deputacións provinciais de Lugo e Ourense aprobaron mocións para impulsar a candidatura, apoiada tamén pola Xunta, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e por declaracións aprobadas no Congreso e no Senado. Tamén se implicou, de xeito especial, o daquela Valedor do Pobo, José Julio Fernández.

Había, pois, un consenso unánime sobre as posibilidades da candidatura -que xa se intentara, sen éxito, nos anos noventa-, que case se daba por conseguida e, ademais, nun prazo breve (José Manuel Baltar afirmou en setembro de 2013 que sería "cuestión de meses"). Porén, case tres anos despois o proceso está paralizado e conta, ademais, con obstáculos engadidos, motivados sobre todo polo proxecto de construción da Autovía A-76.

Paralización do proceso

En xaneiro deste mesmo ano a xerente do consorcio de turismo da Ribeira Sacra recoñecía que "a candidatura está aínda sen empezar"

No mes de outubro do pasado ano déronse as primeiras voces de alarma sobre a situación da candidatura. A deputada Laura Seara (PSOE) realizou unha pregunta ao Goberno central sobre o estado no que se atopaba o proceso, para descubrir que a Xunta de Galicia aínda non presentara a candidatura ante o Consejo de Patrimonio Históricoorganismo estatal encargado de escoller a candidatura española que optaría á Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO. O Goberno galego afirmara xa en novembro de 2014 (un ano antes) que estaba a preparar a candidatura. O único movemento real fora un completamente innecesario: O PP presentou no Congreso unha Proposición non de Lei que pedía a inclusión da candidatura na Lista Indicativa de Patrimonio Mundial da UNESCO, na que xa figura dende 1996. Nesta sala de espera, pola que deben pasar todas as candidaturas figuran tamén (dende o 2007) o centro da cidade de Ferrol e a área Ancares-Somiedo, as outras aspirantes galegas á declaración. Así mesmo, Seara criticou hai uns meses a "desidia e o desinterese" do PP, da Xunta e do Goberno central por este asunto, criticando que os populares rexeitaran unha emenda do PSOE para destinar 10 millóns de euros para un Plan específico para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

En xaneiro deste mesmo ano a xerente do consorcio de turismo da Ribeira Sacra recoñecía que "a candidatura está aínda sen empezar" e calculaba que os trámites pendentes levarían aínda dous anos, máis o tempo que despois necesitase a UNESCO para avaliar a candidatura presentada. O que máis chamaba a atención era ausencia da declaración como Ben de Interese Cultural para o espazo, unha decisión que depende da Xunta e que é imprescindible para que a UNESCO acepte a proposta. Porén, nos dous anos e medio dende que a candidatura colleu pulo, o Goberno galego aínda non completou este traballo, que xerou certas tensións entre os alcaldes da zona pola delimitación concreta da zona a protexer. 

A declaración BIC é imprescindible para que a UNESCO acepte a proposta. Porén, nos dous anos e medio dende que a candidatura colleu pulo, o Goberno galego aínda non completou este traballo

Dende o departamento de Patrimonio da Xunta alégase que o informe técnico sobre a declaración presentado polo Valedor do Pobo o pasado mes de xuño "non cumpre con exactitude coa estrutura que a UNESCO establece para a presentación dunha candidatura", o que estaría motivando o actual atraso, e a necesidade de que o informe fose "retocado". Isto vén de ser respondido polo ex Valedor, José Julio Fernández, que sinala que "o primeiro era facer os estudos científicos que servisen de base á candidatura, para redactar logo o formulario da candidatura. Foron encargados aos números un de Galicia nos seus respectivos ámbitos. Non sei quen quixo facer unha interpretación errónea, eses estudos non son o formulario da candidatura". O informe presentado incluía a participación de expertos en produción agrícola e formas de cultivo; xeografía física; edafoloxía; botánica; patrimonio cultural (historia, historia da arte, arqueoloxía, arquitectura e antropoloxía); economía aplicada e produción vitivinícola. O documento -en fase de revisión- non se completará ata, cando menos, o remate deste ano 2016.

A ameaza da A-76

Se os atrasos na declaración BIC ou na presentación dos documentos necesarios están adiando a candidatura, a construción da Autovía A-76 podería impedir por completo -agora e no futuro- o éxito do proceso. Cómpre lembrar que o proxecto prevé a construción de 64 viadutos, superando os ríos Sil, Soldón, Lor, Cabe e Miño, así coma 22 túneles. Para algúns alcaldes da zona, no entanto, as prioridades semellan claras: hai uns meses o rexedor de Monforte (José Tomé, PSOE) afirmaba que "se teño que decidir entre a declaración de Patrimonio da Humanidade e a A-76 teño claro que quedo coa autovía". "A Ribeira Sacra sobreviviu todos estes anos sen ningunha declaración, grazas ao traballo de agricultores e viticultores", engadía Tomé, que -con todo- sinala que "hai que manter viva a candidatura da Ribeira Sacra, pero en vez de correr moito hai que facer as cousas ben. Facer compatibles os intereses dos que viven nese territorio coas vantaxes da declaración"

Se os atrasos na declaración BIC ou na presentación dos documentos necesarios están adiando a candidatura, a construción da Autovía A-76 podería impedir por completo -agora e no futuro- o éxito do proceso

Porén, hai tan só uns días ADEGA lembraba que "cómpre ter claro que os proxectos que poidan danar o patrimonio cultural, a paisaxe e máis ao patrimonio natural son incompatíbeis coa concesión da declaración e poden ser causa da retirada desta caso de ser concedida". E o propio José Julio Fernández sinala que "á Ribeira Sacra non lle convén ningunear a súa calidade ambiental por un proxecto que pode tardar vinte anos". 

"Estamos nunha contorna singular, tanto pola súa paisaxe como pola riqueza patrimonial" (Román Rodríguez, conselleiro de Cultura). “O valor único excepcional da Ribeira Sacra precisa dun recoñecemento formal” (José Julio Fernández, ex-Valedor do Pobo). "Pronto poderemos celebrar esa distinción, que será un recoñecemento internacional de algo que para nós xa é patrimonio mundial, esta fermosa Ribeira Sacra" (José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense). Fermosas declaracións para un obxectivo que, de momento, semella paralizado e cun futuro que podería ser incerto.

 

Viñedos na Ribeira Sacra CC-BY-NC-ND JaulaDeArdilla
Imaxe dos canóns do Sil CC-BY-SA Xindilo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.