0 Gardados para despois

O Congreso pide acelerar a construción da autovía da Ribeira Sacra

Redacción | @prazapublica

PP, PSOE e Ciudadanos votaron este xoves no Congreso a favor dunha moción -presentada polo popular Celso Delgado Arce- que pedía "priorizar" a construción da A-76. A coñecida como Autovía da Ribeira Sacra quere unir Ourense e Ponferrada e conta cunha forte oposición en grupos ecoloxistas e entidades sociais polo prexuízo que pode provocar no medio e nas opcións de que a zona sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Terá un custe de 1.221 millóns de euros, case 10 millóns de euros de media por cada un dos 125 quilómetros da autovía, e escaso tráfico. Tan só se opuxo á iniciativa En Marea, que aposta por unha ampliación da actual N-120.

O proxecto non só ameaza a Ribeira Sacra, senón tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, "a zona de maior biodiversidade animal e vexetal" de toda Galicia

ADEGA cualificou este xoves a A-76 de "obra innecesaria e carísima que deixa tocados os valores naturais e culturais da Ribeira Sacra" e apuntan unha vez máis a incompatibilidade de construír esta infraestrutura e continuar co proceso que busca que a UNESCO recoñeza a zona como Patrimonio da Humanidade. A entidade ecoloxista lembra que as directrices da UNESCO sinalan que "os materiais físicos do ben e/ou as súas características significativas deben encontrarse en bo estado e o impacto dos procesos de deterioro debe estar controlado". Iso si, hai uns meses o propio alcalde de Monforte (José Tomé, PSOE) afirmou que "se teño que decidir entre a declaración de Patrimonio da Humanidade e a A-76 teño claro que me quedo coa autovía".

A organización ambientalista fai fincapé igualmente no moi elevado custe das obras (1.221 millóns de euros, máis 3 millóns anuais máis en mantemento). Tendo en conta, ademais, que a autovía dará servizo a moi poucos vehículos. Na actualidade a N-120 é utilizada por unha media de 4.580 e a cantidade de tráfico recomendada pola UE para realizar un desdobramento de estrada de 2 a 4 carrís é de 10.000 a 15.000 unidades. Segundo datos do propio Ministerio "prevese construír 64 viadutos" que suporán 17 dos 125 quilómetros do trazado, superando os ríos Sil, Soldón, Lor, Cabe e Miño, así coma 22 túneles. O proxecto non só ameaza a Ribeira Sacra, senón tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego", segundo subliña ADEGA.

ADEGA pide, como alternativa, "que se manteña a actual N-120 nun estado de conservación axeitado porque resulta paradoxal que se pretenda converter en autovía aquelo ao que non se lle proporciona un mínimo mantemento para mantelo en óptimas condicións, o que redunda nunha menor capacidade de circulación de vehículos", e tamén "a construción dos accesos controlados ás poboacións aqueixadas de falta galopante de inversións en seguridade viaria".

Para ADEGA, estes tres partidos "deberían de expoñer á cidadanía que recortes nos servizos públicos (educación, sanidade, pensións...) van acometer para financiar esta obra"

"Cal é pois a verdadeira razón que leva a PP, PSOE e Ciudadanos a apoiar unanimemente a desfeita ambiental e o desbaldimento de 1221 millóns de € na A-76?", pregúntase ADEGA, que conclúe que estes tres partidos "deberían de expoñer á cidadanía que recortes nos servizos públicos (educación, sanidade, pensións...) van acometer para financiar esta obra". A entidade salienta finalmente que "o diñeiro das obras innecesarias provoca corrupción" e beneficia unhas poucas mans en prexuízo do conxunto da cidadanía.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.