Socialistas e nacionalistas reprochan ao popular que rompa a unidade dos partidos no seu desembarco no PP estatal
Este mércores, ao tempo que Feijóo insinuaba no Parlamento de Galicia que o BNG apoia a invasión rusa de Ucraína, malia condenala expresamente, a portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, acusaba a Pedro Sánchez de “utilizar a guerra” para tapar outros problemas. Pola contra, socialistas e nacionalistas coinciden en considerar que é Feijóo quen está a empregar o conflito no seu desembarco na dirección do PP estatal, que está a executar non tanto en clave interna senón como o inicio dunha longa campaña electoral para as próximas xerais.
A acusación de Gamarra, encargada polos baróns do PP con Feijóo á cabeza de substituír a Pablo Casado mentres o galego non é formalmente o novo presidente do partido, foi respondida con indignación por Sánchez. “Para que estou utilizando a guerra, señoría?”, defendeuse o presidente do Goberno, ao tempo que a súa número 2 no partido, Adriana Lastra, atribuía directamente a actuación da portavoz popular á “nova moderación do PP” de Feijóo.
Varios medios relataron despois a “indignación” que se lles trasladaba desde La Moncloa polo que consideran un dobre discurso de Feijóo que tenta presentarse como un home de Estado moderado que foxe dos “insultos” e a súa estratexia, desenvolvida por outros cargos do partido, de tentar socavar o resto de formacións con insidias. Ao xeito do que ocorreu na campaña electoral de 2009 que o levou á presidencia da Xunta.
Case ao mesmo tempo que iso ocorría en Madrid, en Galicia era o propio Feijóo o que asumía en persoa os ataques ao BNG e á súa portavoz, Ana Pontón. Malia que era esta a que preguntaba polo seu futuro ao presidente da Xunta na sesión de control ao Goberno galego no Parlamento, a resposta de Feijóo centrouse en acusala de falta de “humanidade” por supostamente non condenar a agresión de Rusia a Ucraína.
Pontón si a vén condenando desde hai días, pero o BNG rexeitou este mércores apoiar unha declaración institucional que tamén pretendía amosar un apoio expreso á OTAN. A súa proposta era secundar outra declaración que PP e PSdeG si respaldaran previamente a nivel local que facía fincapé na agresión de Putin. Pero Feijóo non entrou en matices e optou por botarlle en cara á nacionalista os bombardeos a “hospitais e ambulancias” das tropas rusas, mentres Pontón lle reprochaba a súa falta de moderación. É, din desde o BNG, a maior "indecencia política" e "manipulación" que levan vivido en moitos anos no Parlamento. Unhas críticas ao BNG ás que en Galicia tamén se sumou o PSdeG, que como o PP reclama tamén aos nacionalistas máis explicacións a respecto da súa postura sobre Rusia.
Feijóo botou en cara a Pontón os bombardeos a "hospitais e ambulancias" e fixo ver a Sánchez que non estaría a dar suficiente resposta "á corrente de solidariedade que emana dos españois"
Nos últimos días Feijóo tamén vén criticando os distintos matices existentes no Goberno de España entre o PSOE e Unidas Podemos a respecto da guerra, e tamén desde esa outra pola do Executivo central tiveron resposta este mércores os populares. “Non fagan como na pandemia, non utilicen a guerra de Putin contra este Goberno”, reclamou a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz.
Pero as críticas de Feijóo e os novos equipos do PP estatal ao resto de partidos a conta da guerra non impediron que este mesmo mércores, poucos minutos despois do seu enfrontamento co BNG, o aínda presidente da Xunta amosase novamente a súa faciana máis institucional e compartise a concentración e minuto de silencio respaldados de xeito unánime que se celebrou ás portas do Parlamento de Galicia. Facíao pouco antes de presentar como un éxito propio, na súa faceta de presidente da Xunta, que a conferencia de presidentes autonómicos que se vai celebrar esta fin de semana en Canarias inclúa na súa orde do día tamén a actuación ante a guerra, insinuando previamente cunha carta a Sánchez que o Goberno central non estaría a dar suficiente resposta "á corrente de solidariedade que emana dos españois".