Edís saídos de PP, BNG e PSdeG fan alcalde a un dos primeiros, cunha macrogranxa asociada a Coren autorizada ilegalmente pola Xunta de Feijóo, como revelou Praza.gal en 2022, nunha comarca marcada pola contaminación agraria
En xaneiro de 2022 Praza.gal revelou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) viña de anular a autorización ambiental que a Xunta dera en 2019 a unha macrogranxa de Rairiz de Veiga para duplicar a súa capacidade duns 23.000 a uns 48.000 pitos. Outorgárase o permiso sen avaliar o impacto na auga dunha comarca que a propia Xunta admite que está contaminada por xurros e na que vén de prohibir novas explotacións intensivas ou ampliacións das existentes obrigado polo Tribunal Supremo.
O mércores un dos administradores da sociedade que promoveu aquela ampliación, Camilo Fernández Freire, converteuse en alcalde de Rairiz de Veiga. Fíxoo tras deixar o PP polo que era concelleiro e obter apoios para unha moción de censura de dous edís tamén saídos do BNG e doutro tránsfuga do PSdeG. Apartou así á ata agora alcaldesa polo PSdeG, Asunción Morgade, que antes fora alcaldesa polo PP. No pleno escoitáronse berros de "marráns" e tanto a xa ex-alcaldesa como veciñanza do municipio, de menos de 1.200 habitantes, atribúen a operación ao intento do novo rexedor de evitar a derruba da súa granxa ilegal por parte do Concello.
Rairiz de Veiga ten unha longa tradición de transvase de políticos entre partidos. Entre 1999 e 2015 foi alcalde Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio, primeiro polo BNG e despois polo PP, fichado por José Manuel Baltar. Tivo que deixar a alcaldía en 2015 condenado por prevaricación na adxudicación de contratos e enchufismo, substituído pola súa segunda, Asunción Morgade. Pero en 2023 o PP decidiu remudar a Morgade por un novo candidato, Camilo Fernández Freire, e a alcaldesa pasou a ser a candidata do PSdeG, partido co que revalidou o cargo.
Tras esas últimas eleccións a corporación quedou con 5 edís do PSdeG, 2 do PP e 2 do BNG. E agora, co rexeitamento expreso dos tres partidos, quen foi candidato do PP, Camilo Fernández Freire, xunto co seu outro compañeiro, vén de gañar a moción de censura co apoio dos dous edís que tiña o BNG e dun dos cinco socialistas, pasando todos eles á condición de non adscritos.
Rairiz de Veiga ten unha longa tradición de transvase de políticos entre partidos, coa anterior rexedora do PSdeG tras selo do PP e herdar a alcaldía doutro que tamén fora do BNG antes de pasarse aos populares e ser condenado por prevaricación
A censura chega mentres Fernández Freire tenta evitar a demolición da súa granxa por parte do Concello do que agora será alcalde, segundo contan El País ou La Región. Unha granxa que segundo a sentenza revelada por Praza.gal que declarou ilegal o seu permiso de ampliación está "integrada/vinculada dentro do grupo Coren". Grupo fundado á súa vez por Eulogio Gómez Franqueira, home fundamental para consolidar o control da provincia por parte da dereita desde a Transición cos seus Centristas de Ourense, onde comezaría o seu discípulo José Luis Baltar, pai de Manuel Baltar.
Esas granxas que en parte sustentan ao tempo e por separado á industria gandeira e á dereita ourensás levan anos supoñendo un importante problema de saúde pública para a comarca da Limia. Tras negalo reiteradamente, hai menos de dous meses a propia Xunta acabou recoñecendo oficialmente, obrigada por outra sentenza xudicial, que a orixe da contaminación por nitratos das augas desa comarca "é significativamente agraria".
Verteduras de xurros e excrementos na Limia
-
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Envases de glifosato nunha balsa de rego -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia
Foi a loita de veciñanza da Limia contra a contaminación das augas a que levou primeiro ao TSXG en xullo de 2025 e despois ao Tribunal Supremo en febreiro deste ano a condenar a Xunta e Estado pola súa inacción para evitar ese problema sanitario. Unha sentenzas que acabaron obrigando á Xunta a impulsar en setembro un veto temporal á "autorización e rexistro de novas explotacións gandeiras das especies de gando porcino, bovino e avícola, así como o aumento da capacidade produtiva das xa existentes".
No caso da granxa de Rairiz de Veiga, o TSXG sentenciou que a autorización ambiental solicitada por Cavirsa Freire SC, administrada por Camilo Fernández Freire, fora outorgada pola Xunta en 2019 sen avaliar os impactos da ampliación na veciñanza, nas augas ou nas aves malia estar nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 e sen ter en conta os efectos acumulativos das numerosas explotacións similares que hai na comarca da Limia nin o alcance da contaminación agrogandeira na zona tras anos de advertencias científicas.
O TSXG anulou o permiso para duplicar a granxa de Rairiz de Veiga porque non se avaliara o impacto sobre as augas e este setembro a Xunta, obrigada pola xustiza, anunciou un veto temporal a novas explotacións intensivas admitindo que a contaminación na Limia é "significativamente agraria"
No proceso xudicial a Xunta chegou a argumentar que a ampliación da explotación suporía unha mellora da súa xestión cunha redución de emisións de gases contaminantes e "un plan de xestión do xurro" para ser "valorizado en parcelas agrarias". Porén, o tribunal salientou que "o que se pretende en dito proxecto é duplicar a produción de pitos na granxa, o que eventualmente suporá a futuro duplicar as molestias inherentes a este tipo de explotación", e lembrou que "a balsa de xurro duplícase na medida que se duplica a produción" ata chegar aos 540 metros cúbicos cada seis meses.
Aquela sentenza tamén deixou en evidencia a falta de visión da Xunta sobre a globalidade do sector agrogandeiro na Limia. "Resulta cando menos paradoxal que nunha área na que existen múltiples instalacións deste tipo, extremo non negado" non se valorase o efecto acumulativo das mesmas, "non podendo ser valorado un proxecto de impacto ambiental individualizado como o que agora se pretende prescindindo do resto de granxas existentes, toda vez que estamos referíndonos a impactos acumulativos".