Tras a condena do TSXG ratificada no Supremo por inacción de Xunta e Estado ante a polución das augas nesta comarca ourensá, o Goberno galego prohibe novas explotacións intensivas e ampliacións das xa existentes obrigado pola sentenza
A Xunta vén de someter a exposición pública un proxecto de decreto con actuacións para "reducir e evitar a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias". No texto, tras anos evitándoo, o Goberno galego admite que a orixe da contaminación das augas na Limia "é significativamente agraria". E, ademais, establece un veto ou moratoria de dous anos a novas macrogranxas ou ampliacións das actuais nesa comarca ourensá.
Esta mudanza de criterio non responde a un cambio de liña política do Goberno galego ao respecto. A norma é un primeiro paso para cumprir coa histórica condena que, ratificada hai uns meses polo Tribunal Supremo, deu a razón a entidades veciñais e ecoloxistas e estableceu a responsabilidade de Xunta e Estado pola súa inacción ante a contaminación por nitratos das augas nesa comarca. Porén, a Xunta viña negándose a admitir que eses nitratos tiñan orixe agraria aducindo falta de probas ao respecto no marco dunha inacción que a veciñanza procurou desbloquear a comezos deste mes cunha demanda de execución forzosa de sentenza.
O decreto agora exposto ao público para a súa próxima aprobación comeza facendo responsable ao Estado de non ter aínda rematados os estudos da súa competencia para establecer zonas vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agraria, como esixe a normativa europea. Porén, tras anos de inacción tamén pola súa banda, engade que "os datos provisionais obtidos no marco do estudo de presións en certos puntos da conca do río Limia determinan que a Comunidade Autónoma, en aplicación do principio de precaución e de tutela cautelar dos bens xurídicos involucrados, adopte mediante este decreto de medidas provisionais nas superficies afectadas, ao terse detectado que a orixe da contaminación é significativamente agraria".
A Xunta viña negándose a admitir que os nitratos que contaminan as augas limiás tiñan orixe agraria aducindo falta de probas. Agora di ter "datos provisionais" que o acreditan e vai aplicar por "precaución e tutela cautelar" accións ás que foi condenada
Segundo a Xunta, "os datos obtidos son suficientemente consistentes como para activar unha resposta administrativa previa á posible declaración da zona vulnerable, no caso de que proceda esta declaración unha vez obtidos os datos definitivos, que evite un deterioro das masas de auga afectadas ou potencialmente afectadas". Con esa xustificación o proxecto de decreto dá os primeiros pasos ou comeza a aplicar cando menos unha parte do catálogo das "medidas correctoras" ás que foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza, despois ratificadas polo Supremo.
Entre as accións concretas sentenciadas polo Superior para "garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de microorganismos e substancias químicas que constitúan unha ameaza para a saúde das persoas" e que adquiriron firmeza no TS destacaba unha "unha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licenzas e autorización" para "explotacións gandeiras de porcino, vacún ou avícola" ou para "ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia". As que o propio Tribunal cualificaba de "macrogranxas", que cumpría frear cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta".
O que agora fai a Xunta é prohibir na Limia "a autorización e rexistro de novas explotacións gandeiras das especies de gando porcino, bovino e avícola, así como o aumento da capacidade produtiva das xa existentes". No caso das explotacións de vacas en extensivo que non teñen definida capacidade produtiva prohíbese o incremento de animais reprodutores. O veto, canda outras medidas, queda fixado ata a aprobación dos correspondentes plans de actuación unha vez que sexan establecidas as áreas vulnerables "ou, en defecto da referida declaración, durante un prazo máximo de dous anos a contar desde a entrada en vigor deste decreto".
O proxecto de decreto, que deixa fóra da moratoria explotacións gandeiras de autoconsumo, recoñece que "estas medidas provisionais contribúen a executar" a histórica sentenza, que a veciñanza reclamou recentemente ante o TSXG executar de maneira forzosa
O novo decreto exceptúa da prohibición ou moratoria "as explotacións avícolas de autoconsumo", as "explotacións porcinas extensivas de autoconsumo" e as explotacións bovinas de moi pequeno tamaño tamén para autoconsumo. Tamén matiza que "mediante orde da consellería competente en materia de agricultura e gandaría poderán deixarse sen efecto as medidas adoptadas se antes do transcurso do indicado prazo de dous anos, se acredita, mediante avaliación técnica motivada, que a contaminación deixou de ter unha orixe significativamente agraria".
Porque, acaba admitindo o propio texto do decreto agora sometido a información pública, esa moratoria ou prohibición temporal de novas explotacións é unha das medidas contempladas pola xustiza na condena que recibiu xunto co Estado pola súa inacción "polo menos ata que a situación de degradación ambiental se teña revertido". E "estas medidas provisionais contribúen a executar a sentenza".