Aínda sen auga "limpa e segura" na Limia: reclaman que Xunta e Estado cumpran a sentenza do encoro das Conchas

A contaminación por cianobacterias do encoro das Conchas tingue a auga dunha cor verdosa © Amigas da Terra

A veciñanza presenta unha demanda de execución forzosa para obrigar ao Goberno galego e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a cumprir "de maneira íntegra e efectiva" a sentenza sobre a contaminación da conca do río Limia

Unha sentenza histórica do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ratificada xa polo Tribunal Supremo, recoñeceu a vulneración de dereitos fundamentais da veciñanza da Limia polas consecuencias da contaminación por "nitratos, nitritos e bacterias" da auga no encoro das Conchas coas que conviven dende hai anos, derivadas da "intensísima carga gandeira" de gando porcino e aviar ou, como resume a propia sentenza, a causa das "macrogranxas". 

O ditame do alto tribunal galego produciuse en xullo do ano pasado e a ratificación do Supremo chegou en febreiro deste ano, rexeitando os recursos da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Porén, a veciñanza demandante asegura que non se tomou ningunha medida para "rematar coa degradación" do encoro, que abrangue unhas 631 hectáreas e sitúase entre os municipios de Lobios e Muíños, nin para garantir "auga limpa e segura". 

O encoro das Conchas, en xuño de 2025 © Amigas da Terra

Por este motivo, a Asociación de veciños das Conchas, co respaldo da organización internacional de defensa dos dereitos ambientais ClientEarth, Amigas da Terra e a Federación de consumidores e usuarios CECU, presentou agora ante o TSXG unha demanda de execución forzosa para obrigar ao Goberno galego e á CHMS a cumprir "de maneira íntegra e efectiva" dita sentenza sobre a contaminación da conca do río Limia.

Reclaman un plan de execución con responsables concretos, medios, orzamento, prazos e indicadores obxectivos, alén de informes periódicos ao TSXG que permitan comprobar o grao real de cumprimento das actuacións. 

Solicitan que se declare de maneira urxente A Limia como zona vulnerable á contaminación por nitratos e mais unha moratoria para novas explotacións de gandaría industrial

"Non se reclama unha declaración xenérica, senón un programa eficaz, medible e coordinado entre a Xunta e a CHMS que produza cambios comprobables en toda a conca do río Limia, tanto na Limia como na Baixa Limia", inciden as demandantes. 

A Asociación de veciños das Conchas solicita que se declare de maneira urxente A Limia como zona vulnerable á contaminación por nitratos e mais unha moratoria para novas explotacións de gandaría industrial e para a ampliación das existentes "ata que a situación de degradación ambiental se reverta", como sinala especificamente a sentenza do alto tribunal galego. 

O encoro das Conchas, tinguido de verde © Amigas da Terra

Así mesmo, a veciñanza urxe a "redución e control da presión gandeira e da xestión de xurros, xunto con programas integrais de inspección e control ambiental", e que se leve a cabo unha "vixilancia permanente da calidade da auga, incluídos os pozos de consumo humano, as redes de distribución e as augas de baño, con control de nitratos, nitritos, microcistinas, bacterias e outros riscos". Uns controis que permitan contar con "protocolos de alerta rápida, sinalización visible, peche de zonas de baño cando cumpra e difusión inmediata da información por canles oficiais e locais". 

"Repetíronse episodios de proliferación masiva de cianobacterias potencialmente tóxicas e existen indicios de afectación augas abaixo, incluída a presa portuguesa de Lindoso", denuncia a asociación das Conchas

O ditame xudicial é claro, Xunta e Confederación teñen que "garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de microorganismos e substancias químicas que constitúan unha ameaza para a saúde das persoas". Neste sentido, a asociación incide en que todas as medidas que se adopten teñen que ir acompañadas de "plans de prevención, seguimento e resposta fronte a cianobacterias, cheiros e demais impactos sobre a saúde e o medio ambiente", así como dun abastecemento alternativo de auga potable cando resulte necesario.

Posible afectación a Portugal

A sentenza de hai máis dun ano, e ratificada este febreiro, ordena adoptar de forma inmediata todas as medidas necesarias para acabar cos cheiros e a degradación ambiental, recuperar a conca do río Limia e garantir á poboación auga potable limpa e segura.

"A contaminación continúa, repetíronse episodios de proliferación masiva de cianobacterias potencialmente tóxicas e existen indicios de afectación augas abaixo, incluída a presa portuguesa de Lindoso", denuncia a Asociación de veciños das Conchas, que lembra que tanto a Xunta como o Estado "coñecían o problema desde hai anos" e "seguen sen ofrecer resultados capaces de protexer a saúde, a auga e a vida cotiá da poboación". "Unha sentenza firme non pode converterse noutra promesa aprazada nin nunha declaración solemne sen consecuencias reais", aseveran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.