Ratificada no Supremo a condena á Xunta e ao Estado pola contaminación da auga na Limia

Augas contaminadas na Limia © Víctor Luengo/Amigas da Terra/ClientEarth

A histórica e contundente sentenza coa que, o pasado verán, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón a entidades veciñais e ecoloxistas da Limia e condenou á Xunta e ao Estado pola contaminación das augas provocada polas "múltiplas macrogranxas" da contorna e a súa "inactividade" para evitala xa é firme. Tras a dura condena, que ratifica que a polución vulnerou os dereitos fundamentais da poboación afectada e obriga a indemnizala, tanto o Goberno galego como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil non só negaron os incumprimentos que lles atribuíu o alto tribunal galego. Tamén presentaron senllos recursos de casación ante o Supremo que veñen de ser rexeitados.

Rexeita os recursos do Goberno galego e da Confederación do Miño-Sil contra a sentenza na que o TSXG censurou a súa "inactividade" ante a polución das "macrogranxas", obrigou a emendala e impuxo indemnizacións á veciñanza por vulneración de dereitos fundamentais

Nunha providencia ditada este 11 de febreiro a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TS acordou inadmitir os recursos formulados pola Xunta e pola Confederación, que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O Executivo galego, considera, "non fundamenta suficientemente, con singular referencia ao caso" que haxa motivos para que o Supremo se pronuncie e ao citar a lexislación ao respecto "nada útil argumenta". Ademais, critica a "repercusión" de recoñecer a devandita vulneración de dereitos fundamentais pola contaminación, pero "sen maior argumentación ao respecto". No caso da entidade estatal, o Supremo considera igualmente que tampouco ten fundamentos dabondo. 

Granxa avícola na Limia © Víctor Luengo/Amigas da Terra/ClientEarth

A Confederación limítase, considera o Tribunal, a achegar "meras afirmacións xenéricas" como que "a sentenza pode xerar unha conflitividade enorme e unha reacción nociva para a correcta apreciación da responsabilidade das Administracións, a súa vinculación cos dereitos fundamentais e os requisitos para isto". A providencia lembra, asemade, que o tribunal galego baseou o seu ditame na "apreciación" dos feitos e en "numerosa documentación" que o levaron a sentenciar que a "persistencia e acreditación da contaminación por nitratos e a eutrofización do encoro das Conchas (...) xeran un risco certo para vida e a integridade e perturban gravemente o domicilio e a vida privada", ademias de "menoscabar a propiedade e o dereito á auga".

A veciñanza denunciante e as organizacións que a apoian: Amigas da Terra, ClientEarth e CECU, celebran a "vitoria definitiva" e instan a executar decontado a "histórica" sentenza: "Deixa claro que a saúde e a auga limpa son o primeiro"

Fica certificada, desta maneira, unha sentenza que deu por acreditada a "inactividade" de ambos gobernos ante os efectos nas augas da "cantidade inxente de refugallos animais" procedentes das "máis de 300" granxas de pitas, porcos e vacas na Limia. Unha "xestión de residuos aplicada ao campo" de "forma non controlada" ao non analizar, por exemplo, o seu contido de "medicamentos" ou "hormonas", "en desenvolvemento dunha agricultura extensiva".

A "vitoria definitiva" no Suprema é celebrado tanto pola veciñanza demandante como por parte das organizacións que a apoian: Amigas da Terra, a organización internacional de defensa dos dereitos ambientais ClientEarth e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU. Mercedes Álvarez de León, nunha das denunciantes, ve "histórico" o ditame "non só para a veciñanza das Conchas, tamén para todas as persoas que loitan polos seus dereitos" en casos coma este.

Mercedes Álvarez de León e Pablo Álvarez Veloso, dous dos denunciantes da contaminación da auga na Limia, ao carón do encoro das Conchas © Víctor Luengo/Amigas da Terra/ClientEarth

"Tras anos de loita para defender o noso encoro, que debería ser patrimonio de toda a poboación galega, o Supremo deixa claro que as Administracións deben velar polos dereitos humanos" e que o "primeiro" é "a saúde" e a "auga limpa", subliña Pablo Álvarez, tamén participante na demanda e activista veciñal na Limia. Neste contexto, engade Nieves Noval, unha das avogadas no proceso a través de ClientEarth, "a Xunta e a Confederación deben inmediatamente proceder a executar a sentenza".

A sentenza agora ratificada impuña "medidas correctoras" como "unha moratoria específica" para novas granxas de porcino, vacún ou avícola na Limia ou para "ampliar as existentes", cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta"

Esa execución, segundo o ditado polo Superior de Galicia, obriga a garantir a limpeza das augas e tamén a compensar á veciñanza. Concretamente, o TSXG fixara indemnizacións de ata 30.000 euros para seis das sete persoas demandantes por viviren nunha "situación grave en relación co goce da vida diaria, presenza de mal cheiro, perigo de aerosois, contaminación de pozos privados ata niveis que os fan inútiles para o seu uso, perda de valor da propiedade" e "perigo potencial para a saúde moi grave". Para a sétima, por vivir lonxe do lugar, impuxera 6.000 euros por danos morais.

Alén disto, o Tribunal Superior impuxera "medidas correctoras" a comezar por "unha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licenzas e autorización" para "explotacións gandeiras de porcino, vacún ou avícola" ou para "ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia". Cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.