Ortigueira recuperou este xoves o Privilexio Rodado, un documento do 20 de setembro de 1255 do rei Afonso X o Sabio que permitiu a localidade constituírse como vila baixo a dependencia directa do monarca, evitando así o influxo da nobreza galega.
O pergamiño de Afonso X o Sabio permitiu en 1255 a Ortigueira constituírse en vila baixo dependencia directa do monarca
O pergamiño orixinal que volveu ao concello ortegano outorgara hai case 800 anos o foro de Benavente á localidade, ademais de concederlle o dereito a porto. Tamén se inclúe na documentación a Confirmación de Enrique III de Castela, de 1405, que ratifica estes privilexios. "Son dúas pezas documentais que constitúen un dos piares fundacionais da identidade local", como describe o Concello.
A administración local explica a "historia accidentada" de ambos pergamiños ao sinalar que foron roubados do arquivo municipal no século XIX e localizados logo en Madrid na década dos anos 70 por Camilo José Cela, que os tería adquirido para a súa colección privada, pasando logo a formar parte dos fondos da Fundación.
O pergamiño orixinal 'desapareceu' de Ortigueira no século XIX e estivo logo en mans de Camilo José Cela e da súa fundación
No entanto, fontes expertas advirten de que o historiador Federico Maciñeira xa explicara no seu Crónicas de Ortigueira (1892) que o Privilexio Rodado non fora roubado, senón trasladado a Betanzos, daquela capital provincial, en 1817. Moitos anos despois coñeceríase que fora adquirido por Camilo José Cela nos anos 60, conservado na súa casa de Palma de Mallorca e logo trasladado á súa fundación en Galicia.
No acto de entrega celebrado no Teatro da Beneficencia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, —acompañado do conselleiro de Cultura, José López campos, e do alcalde da vila, Valentín Calvín— celebrou a volta dos documentos a "onde todo empezou", ademais de agradecer a "xenerosidade" e "axilidade" da Fundación Camilo José Cela, que acordou a súa cesión en réxime de comodato.
"Deuse resposta así a unha petición histórica da que todos os veciños teñen que sentirse orgullosos”, dixo Rueda sobre un feito “lóxico e lexítimo” que axuda a "divulgar un patrimonio de gran valor, tanto para a vila como para toda Galicia".
"Xustiza histórica"
O rexedor, pola súa banda, mostrouse profundamente emocionado durante o acto e destacou que este xoves representou “o cumprimento dun compromiso coa memoria de todos os veciños e veciñas”. Calvín afirmou que recuperar o documento fundacional da vila é un acto de “xustiza histórica que devolve a Ortigueira unha parte esencial da súa identidade”.
O evento celebrado este pasado xoves contou tamén coa presenza de representantes do padroado da Fundación Pública Galega Camilo José Cela e da totalidade dos membros do goberno local.