A comisaria de Medio Ambiente asegura, en resposta ao BNG, que adoptará "as medidas necesarias para obter máis información a fin de velar polo cumprimento" da normativa europea en materia de auga potable
O pasado 11 de xullo fíxose pública a sentenza coa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena aou mesmo nivel a Estado e Xunta por vulneración de dereitos fundamentais de veciñanza da Limia pola contaminación do encoro das Conchas. Uns días antes, o 27 de xuño, a eurodeputada do BNG Ana Miranda preguntara á Comisión Europea precisamente por ese problema, interesándose sobre "como vai actuar a Comisión ante a omisión e inacción do cumprimento das súas obrigas por parte da Xunta, que afectaron a tantas persoas, á saúde e ao medio ambiente na Baixa Limia".
A resposta da Comisión Europea chega agora, despois da sentenza do TSXG e con data deste 2 de setembro. Asinada pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, fai referencia á condena xudicial e di que tras ela a Comisión pediu explicacións polas medidas que se van adoptar para solucionar o problema.
A comisaria de Medio Ambiente lembra que o seu departamento leva tempo "observando a situación do encoro de As Conchas, alimentado polo río Limia" e a súa situación de "eutrofización" por nitratos. A súa resposta salienta que a sentenza do TSXG condena a Xunta e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, de competencia estatal, "a adoptar inmediatamente todas as medidas necesarias para garantir o subministro de auga potable limpa e segura que permita o pleno desfrute do dereito humano á auga". E ante esa situación "a Comisión adoptará as medidas necesarias para obter máis información a fin de velar polo cumprimento" da normativa comunitaria sobre auga potable.
"Os servizos da Comisión consultaron recentemente ás autoridades españolas sobre as actuacións previstas no encoro de As Conchas e reclamaron medidas para resolver a situación", di a resposta da comisaria ao BNG. E engade que "a Comisión seguirá apoiando aos estados membros, incluída España, nos seus esforzos por aplicar correctamente a Directiva sobre nitratos e adoptará todas as medidas necesarias dentro das súas competencias para velar polo cumprimento de todas as obrigas legais derivadas de aquela no territorio da UE".
Verteduras de xurros e excrementos na Limia
-
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Envases de glifosato nunha balsa de rego -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia -
Residuos da gandaría intensiva na Limia
Tras a condena do TSXG Xunta e Estado culpáronse mutuamente e o Goberno galego incidiu en que recorrería a sentenza, sen poñer o foco en posibles solucións. Hai un ano, pola contra, a Consellería de Medio Ambiente admitía, ao autorizar unha nova macrogranxa, que o facía malia a "importante saturación" desas instalacións na Limia "que poden afectar á calidade das augas".