Despois de ser condenado canda o Goberno de España por non frear os refugallos das macrogranxas nas augas limiás o Executivo galego esgrime que ultima o seu "plan autonómico para reducir a contaminación por nitratos
A Xunta ten decidido recorrer a sentenza que a condena canda o Goberno de España por non actuar fronte á contaminación nas augas da Limia que, segundo dá por acreditado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ten como orixe os refugallos das "máis de 300 macrogranxas" da comarca. Así o avanzou a pasada fin de semana a conselleira de Medio Ambiente e así o ratificou este martes o presidente.
Pero a estratexia do Goberno galego tras o revés xudicial vai alén. E céntrase tamén en facer ver que a inacción non é compartida, como sentencia o TSXG, senón que é responsabilidade exclusiva do Estado. [Todo o que Xunta e Estado non fixeron contra a contaminación da auga da Limia malia coñecérena]

Tras a reunión semanal do Consello da Xunta, desprazada esta semana ao martes pola entrega o luns da Medalla de Galicia á princesa Leonor, Alfonso Rueda compareceu acompañado da conselleira do Medio Rural. María José Gómez anunciou que o seu departamento se dispón a expoñer ao público o anteproxecto do que será o decreto do "plan autonómico para reducir a contaminación por nitratos" coma os que atinxen as augas da Limia e mesmo chegar a declarar zonas vulnerables.
O presidente e a conselleira do Medio Rural din non declarar zonas vulnerables aos nitratos porque os datos do Ministerio non están actualizados. "Non ten sentido culpabilizar a actividade agrogandeira", conclúe María José Gómez
Pero se non vai máis alá, argumenta, é por culpa do Goberno de España, xa que para declara esa vulnerabilidade é "imprescindible acreditar que a contaminación sexa producida por fontes agrarias" e o Ministerio para a Transición Ecolóxica aínda ten "pendentes" os resultados do "estudo de presións agropecuarias" que a normativa europea obriga a elaborar cuadrienalmente. O último refírese ao período 2020-23 e daquela identificou 53 puntos de augas contaminadas por nitratos agrarios en Galicia, oito deles en ríos.
Defende Gómez que non agardar por esa actualización sería "prexudicar innecesariamente un sector tan relevante". "Esa é a razón pola que non se declararon zonas vulnerables", insiste, o cal non impide que a X unta, asegura, teña "unha folla de ruta clara" para reducir a contaminación e "ao tempo, asegurar a continuidade da actividade gandeira". Porque "non ten sentido culpabilizar a actividade agrogandeira cando os gandeiros son o sostén do territorio" e "os primeiros interesados en levar a cabo prácticas sostibles", di.
Os "datos que o Goberno central non nos está subministrando" son tamén o argumento de Rueda para reafirmarse tanto en recorrer a sentenza da Limia como para sinalar que o seu Goberno non sabe "que parte" da contaminación "deriva de orixe agrícola". Segundo o Tribunal Superior, ambas Administracións son responsables e, no caso da Xunta, infrinxiu a normativa ao "permitir un incremento excesivo de macrogranxas" sen "trasladar o risco ambiental" ás empresas por prácticas como as "masas inxentes de esterco acumuladas sobre o terreo" que acababan nas augas subterráneas e de aí, ao río e ao encoro das Conchas.
O Estado di que recorrerá e di que a Xunta "pon escusas"
Pola súa banda, o presidente da Confedeación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, anunciou que recorrerá a sentenza de contaminación do encoro das Conchas ante o Supremo.
Quiroga asegurou que a entidade que preside "ten os deberes feitos, non como outras administracións". Foi durante unha rolda de prensa celebrada este martes en Ourense, na que explicou non estar de acordo coa sentenza, argumentando que a Confederación non puido declarar malia estar citada ao non admitirse nin un informe técnico nin a declaración testemuñal de dous funcionarios. "Non se tiveron en conta as alegacións que esgrimiu a propia entidade", dixo.
Quiroga cre que o ditame "elimina o principio de quen contamina paga" e negou a "inacción e pasividade" que se lle atribúe á CHMS. Quiroga defende que foi precisamente o control levado a cabo o que levou ao Estado a promulgar a declaración de augas afectadas por nitratos en 2022, momento no que "se tería que ter posto en marcha por parte da administración autonómica a declaración de zona vulnerable" e poder "poñer remedio á contaminación".
"A Confederación ten os deberes feitos, non como outras administracións", di o presidente da CHMS
Ante os argumentos da Xunta, que di non ter declarado vulnerable o encoro por faltarlle informes do Goberno central, Quiroga asegura que "cada administración ten que cumprir o seu mandato e o Goberno galego estase escusando para non enfrontar o problema".
"Transición Ecolóxica ten os deberes feitos; hai outras administracións que miran para outro lado e non os teñen. Se estivesen feitos se cadra a problemática non sería tan seria, tan importante e tan profunda como se está a revelar", dixo quen lembrou que non é competencia da CHMS "pechar" as granxas que, advertiu.