Do verde das Conchas ao encarnado de Antela: a contaminación constante na auga da Limia

Estado da lagoa de Antela en Sarreaus, hai só uns días CC-BY-SA Amigas das Árbores

O pasado 18 de decembro, veciñanza advertiu da cor encarnada que collera a lagoa da Antela no concello de Sarreaus, na zona dunha antiga explotación de feldespato. Aínda cos efectos visibles na auga dous meses despois, e malia que todo apuntaba a un vertido provocado polos restos dunha embarcación da vella mina afundida nesta poza, as primeiras análises feitas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) advertiron da proliferación dunha cianobacteria da especie Planktothrix rubescens.

As augas da lagoa de Antela en Sarreaus viraron encarnadas nun episodio que a CHMS atribúe a unha cianobacteria que entidades ecoloxistas sinalan como moi perigosa

Trátase dunha cianobacteria diferente á que desde hai tempo no encoro das Conchas —tamén na Limia e a menos de 50 quilómetros— tingue a auga de verde e provoca un cheiro característico derivado da contaminación por nitrato das augas subterráneas, logo do río e posteriormente da presa. Unha das consecuencias da contaminación das macrogranxas e da inacción pola que a Xunta e a CHMS foron condenadas nunha contundente e histórica sentenza que vén de ser ratificada polo Tribunal Supremo, que volve a sacar as cores ás administración respecto da polución que sofre a auga nesta comarca. 

Estado da lagoa de Antela en Sarreaus, en 2026 CC-BY-SA Amigas das Árbores

A CHMS fala dunha proliferación natural desta cianobacteria, habitual no inverno en augas quedas e fondas, pero diferentes entidades ambientalistas advirten do "grave perigo" que supón esta especie "para os ecosistemas acuáticos, a fauna e mesmo para os seres humanos" segundo numerosos estudos científicos. 

Esta nova contaminación por cianobacterias ocorre, como lembran desde a asociación Amigas das Árbores, outra vez na lagoa de Antela e outra vez na Limia, "nun dos ecosistemas máis estragados e contaminados da Península Ibérica", unha situación á que, lembran, "nin a Xunta nin outras administracións poñen solucións". 

Varias asociacións denuncian na mesma zona, unha antiga explotación de feldespatos, vertidos de todo tipo desde hai anos

E desta vez nunha zona concreta na que desde hai un lustro diversas entidades levan denunciando "os vertidos de todo tipo de cascallos e refugallos, plásticos, gomas, lodos procedentes de depuradoras de vilas e cidades ou ácidos altamente tóxicos da antiga explotación de feldespatos", unha situación de abandono e contaminación que continúa, tal e como se pode comprobar nas fotografías actuais. 

Nunha poza cuxa auga serve desde 2021 para regar as leiras da lagoa de Antela, unha práctica que, segundo denuncian varias asociacións, supón aínda máis risco pola posible expansión da polución. E nun terreo que é propiedade do grupo inmobiliario Aliseda, pertencente ao Banco Santander, que quedou con el logo da quebra de Feldespatos Sarreaus. Tanto as prácticas desta antiga empresa como a "inacción" da inmobiliaria foron denunciadas durante anos sen solución ningunha, como denuncian entidades e veciñanza. 

Cascallos e lixo ao carón da Langoa de Antela en Sarreaus CC-BY-SA Amigas das Árbores

Este novo episodio de contaminación e encarnado das augas na cabeceira da canle principal de Antela foi analizada por axentes ambientais da Xunta, polo Seprona e mais pola CHMS, pero colectivos como Amigas da Terra, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ou Amigas das Árbores continúan á espera de comunicación sobre a polución e lamentan que non se levara a cabo ningunha acción máis aló recollida de mostras dous meses despois. 

Entidades ecoloxistas trasladaron á Fiscalía a contaminación ante o "desleixo e a inacción" das administracións

Preguntada por Praza.gal, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non deu conta aínda as accións levadas a cabo e da situación actual desta área da lagoa de Antela. 

Ante esta situación, xa trasladaron á Fiscalía a situación, solicitando que actúe ante o que consideran o "desleixo e a inacción" das administracións, unha vez máis, por un novo episodio de contaminación "que non só pode afectar animais e o ecosistema, senón que pode ser moito peor". "Na Limia repítense moito episodios coma este continuamente sen que ninguén poña solución", lembran, agora co foco na lagoa de Antela, desecada hai máis de 60 anos e cuxa deterioración foi tantas veces advertida e sinalada por estudos científicos. 

"Non é un feito illado"

O BNG, xa a finais do pasado ano, exixiu ao Goberno central que se implicase e actuase inmediatamente ante a situación da lagoa de Antela tras esta nova proliferación de cianobacterias. "Non é un feito illado nin imprevisíbel, é a consecuencia de anos de inacción e abandono institucional nun espazo natural extremadamente sensíbel”, ademais de reclamar a retirada do barco que, con 5.000 litros de combustible, afundiu hai anos e permanece na poza. 

Como contexto, a ratificación polo Supremo da histórica sentenza xudicial sobre o ocorrido no encoro das Conchas, a 45 minutos en coche da poza de Sarreaus, e que pon o foco máis aló de puntos concretos de contaminación, sinalando a situación en toda a comarca da Limia. 

Augas contaminadas no encoro das Conchas © Amigas da Terra

A execución da sentenza, segundo o ditado polo Superior de Galicia, sinala a Xunta e Goberno central e obriga a garantir a limpeza das augas e tamén a compensar á veciñanza, ademais de impoñer "medidas correctoras" a comezar por "unha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licenzas e autorización" para "explotacións gandeiras de porcino, vacún ou avícola" ou para "ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia". Cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta". 

Rueda asegura que na sentenza sobre o encoro das Conchas "hai un condenado principal, que é o Goberno central", aínda que admite que a Xunta terá que adoptar "medidas de tipo normativo"

Neste pasado luns, en rolda de prensa tras o Consello da Xunta, o presidente Alfonso Rueda anunciou que o Executivo tomará medidas de "tipo normativo". "Non vou criticar os xuíces nin dicir outra cousa que a sentenza hai que cumprila", asegurou, aínda que aclarou antes que o seu goberno "tiña outra postura" diferente a un ditame que "pode gustar máis ou menos". 

Con todo, aclarou que "aquí hai un condenado principal, que é o Goberno central, a CHMS", para logo admitir que "tamén a Xunta de Galicia ten que adoptar medidas de tipo normativo". Así, chamou á colaboración co Executivo de España para "analizar e determinar que nitratos proveñen da actividade agraria e cales doutras fontes" para "delimitar ben a nosa responsabilidade, que despois desta sentenza témola". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.