Un manifesto pide a recuperación de parte da lagoa de Antela no 67 aniversario da súa desecación

Situación da lagoa de Antela antes da súa desecación ©

O 8 de setembro de 1958 comezaron as obras de desecación da Lagoa de Antela, na Limia, a zona húmida de maior valor ecolóxico" de Galicia, que ocupaba unhas catro mil hectáreas de terreo 

O 8 de setembro de 1958 comezaron as obras de desecación da Lagoa de Antela, na Limia. Coincidindo co 67 aniversario do inicio dunha actuación que acabou "coa zona húmida de maior valor ecolóxico" de Galicia, Adega, Grupo Naturalista Hábitat e Sociedade Galega de Historia Natural veñen de lanzar un manifesto público no que demandan os gobernos español e galego "unha aposta ambiciosa pola restauración de zonas húmidas limiás e pola mellora na calidade das súas augas". 

A partir de 1958, por decisión da ditadura franquista e amparándose nunha lei de 1918, realizáronse obras de desaugamento para aproveitar os terreos ocupados pola lagoa para a agricultura, "cunha enorme perda de patrimonio ecolóxico e cultural", destacan as tres entidades, que explican que "o resultado foron terras que perderon rapidamente a súa fertilidade natural, e unha decadencia progresiva a nivel socioeconómico de toda a comarca".

A lagoa de Antela, pouco antes da súa desecación © Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Adega, Hábitat e SGHN reclaman ao Goberno central e á Xunta que traballen para a restauración das 1.028 hectáreas que eran de dominio público, seguindo os obxectivos fixados en 2022 polo Ministerio de Transición Ecolóxica para a rehabilitación de zonas húmidas desaparecidas

A idea dunha restauración hidrolóxica parcial de Antela (e de gran parte da Limia) comezou a coller forza nos últimos anos. No ano 2020 o Goberno de España recibiu unha proposta titulada “Antela, La Nava y La Janda: un trío de ases”, da man dos tres grupos asinantes deste novo manifesto -xunto a outros 19 colectivos e 31 científicos-. Neste documento propoñíase a restauración parcial da lagoa de Antela, en concreto, 1.028 hectáreas que eran de dominio público no momento do desaugamento.

Hai tres anos o Goberno central puxo a Lagoa de Antela como exemplo de zona húmida para recuperar na próxima década. O Ministerio para a Transición Ecolóxica actualizou nese momento o seu plan estratéxico de zonas húmidas, situando a recuperación de parte da antiga lagoa galega como obxectivo. 

Hai tres anos o Goberno central puxo a Lagoa de Antela como exemplo de zona húmida para recuperar na próxima década. Porén, as tres entidades denuncian que dende entón "non existiu ningunha acción" relativa a ese compromiso

Adega, Hábitat e SGHN destacan que este Plan Estratégico de Humedales a 2030 presentado en 2022 incluíu a proposta de recuperación da lagoa, "a pesar de reducir á metade a extensión de zona restaurable que se indicaba na nosa proposta (de 1.028 a 500 ha), e de pasar de concentralas na antiga lagoa de Antela a “difuminalas” en 500 ha da chaira limiá". 

Porén, denuncian que desde a aprobación do Plan Estratégico de Humedales a 2030 ata a actualidade "non existiu ningunha acción relativa a dito compromiso do Estado na lagoa de Antela" e que "tampouco o Goberno galego se involucrou neste proxecto". A protección destes espazos está condicionada pola eiva de que o inventario estatal de zonas húmidas baséase na información que subministran as comunidades autónomas, e a Xunta aínda non inscribiu ningunha área no inventario de zonas húmidas de Galicia que creou hai dúas décadas.

Traballos de desecación da Lagoa de Antela © Museo da Limia

Adega, Hábitat e SGHN reclaman que os gobernos español e galego "sexan ambiciosos na súa aposta pola restauración de zonas húmidas limiás e pola mellora na calidade das súas augas"

Adega, Hábitat e SGHN reclaman que os gobernos español e galego "sexan ambiciosos na súa aposta pola restauración de zonas húmidas limiás e pola mellora na calidade das súas augas". O pasado mes de xullo unha histórica sentenza do TSXG condenou á Xunta e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa inactividade e desleixo fronte á contaminación do encoro das Conchas no río Limia.

Piden que as distintas administracións "dispoñan os medios necesarios para restaurar completamente unha lámina continua de auga estable e de calidade nas 1.028 hectáreas que eran de dominio público na antiga lagoa de Antela", ademais de renaturalizar canles de drenaxe fóra da zona a restaurar pero dentro da antiga lagoa de Antela (arredor de 25 km de canles) e ríos e regatos próximos.

Ademais, piden á sociedade galega que se sume á celebración, cada 8 de setembro, do Día de Antela, en conmemoración "do día no que a lagoa de Antela perdeu a batalla fronte ao progreso mal entendido".

O espazo ocupado pola lagoa, en 2017 e en 1956-57

O humidal ocupaba unhas catro mil hectáreas de terreo (máis un espazo de enchente, en función das chuvias) na intersección dos actuais concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia. A lagoa variaba a súa forma e dimensión, de forma estacional, chegando a medir sete por seis quilómetros no inverno, cunha profundidade que ía dende o medio metro ata os dous metros nalgunhas zonas. 

Ademais, piden á sociedade galega que se sume á celebración, cada 8 de setembro, do Día de Antela, en conmemoración "do día no que a lagoa de Antela perdeu a batalla fronte ao progreso mal entendido"

"A desecación veu acompañada, a partir dos anos sesenta, de actuacións de parcelamento moi agresivas, nas que se botaron abaixo masas moi grandes de carballeiras. Estamos falando do segundo espazo lacustre de toda a Península, despois de Doñana. Era unha enorme masa de auga que axudaba a regular o clima da Limia: tiñamos veráns menos quentes e invernos menos duros", destacaba nesta entrevista o historiador André Taboada Casteleiro, vicepresidente do Padroado do Museo da Limia.

"Foi un desastre. O máximo demográfico da comarca acadouse na década dos 50, xusto antes da desecación, con 50.000 persoas. É certo que nese momento tamén se producira un proceso de reruralización posterior á guerra, pero a realidade é que agora estamos en 20.000, polo que o obxectivo de fixar poboación foi un absoluto fracaso", engadía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.