Un ex alcalde inhabilitado por prevaricación acode a un encontro oficial co conselleiro Rey Varela

Rey Varela, xunto a Morgade e acompañantes, entre eles Xaquín Rodríguez © Xunta

A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, reuniuse este pasado mércores co conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, acompañada de Xaquín Rodríguez Ambrosio, ex alcalde da localidade e inhabilitado para cargo público hai un ano tras ser condenado por prevaricación continuada na adxudicación de contratos administrativos e por enchufismo. 

Rey Varela reuniuse coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, que foi acompañada polo ex rexedor, condenado por prevaricación e inhabilitado

A presenza de Rodríguez Ambrosio, inhabilitado durante oito anos e medio, foi denunciada polo grupo municipal do PSOE de Rairiz de Veiga, que denuncia que a alcaldesa, "malia as súas reiteradas promesas de rexeneración, prosegue na súa actitude de opacidade e continuísmo, deixando que unha persoa inhabilitada para exercicio público por prevaricación continuada, se siga inmiscindo nos asuntos da vida municipal". Pablo Lorenzo, voceiro dos socialistas na localidade, advirte que "despois do cesamento de dous tenentes de alcade críticas coa súa xestión" e "logo de negar, varias veces", que o ex rexedor "seguise sendo o alcalde na sombra", Morgade "ten a desfachatez de permitir a súa participación nunha reunión onde se estaba a valorar a cooperación entre a Administración autonómica e a local".

Rodríguez Ambrosio, que nos últimos comicios locais se presentou como independente nas listas do PP, foi alcalde durante varios anos en Rairiz de Veiga polo BNG. Gobernou en minoría en 1999, gañou por maioría absoluta en 2003 e repetiu resultado en 2007, en todos estes comicios nas listas do Bloque. Abandonou a formación nacionalista en 2009 e en 2011 foi fichado por Manuel Baltar para pasar a encabezar a candidatura do PP, obtendo unha maioría absoluta que renovou en 2015, ata que a sentenza por prevaricación foi firme e foi substituído por Asunción Morgade, "coñedia simpatizante socialista", segundo di o grupo do PSdeG. 

Desde o PSdeG local "esixen" a dimisión "inmediata" da alcaldesa. "Ademais de mentir, é incapaz de xestionar por si soa os asuntos que teñen que ver co goberno que dirixe". "O noso Concello merece algo máis que unha alcaldesa que precisa de ser tutelada para tomar decisións e que é incapaz de rachar co peor da nosa historia política. O seu deber é pensar no benestar dos veciños e veciñas de Rairiz, non nas súas lealdades persoais ou agradecementos varios", explica sobre Morgade, á que acusan de "mentir aos veciños ao prometer unha nova época baseada na transparencia e bo goberno". 

O PSdeG e dous edís do PP enfrontados á alcadesa acúsana de gobernar "tutelada" polo ex rexedor, que a apoia "na sombra"

Foi tan só un día antes da xuntanza na Xunta cando Asunción Morgade decidu cesar os dous tenentes de alcalde, do seu mesmo partido, José Antonio Fernández e Manuel Ferreiro Fernández. Fíxoo, segundo dixo, por "falta de entendemento", mentres que os dous edís acusaban a rexedora de gobernar co apoio "na sombra" do anterior alcalde. Este mesmo venres, o PP provincial de Ourense anunciou que abría un expediente de expulsión aos dous concelleiros, que advertiron que seguirían no grupo populer pero que votarían en conciencia. 

Son os mesmos concelleiros que se abstiveron no pleno que elixiu a nova alcaldesa hai xa varios meses e que fora declarado ilegal pola propia Secretaría municipal. "Levo 24 anos no partido e esta tía, con seis meses, é a alcaldesa e eu e o meu compañeiro, que leva 17 anos, quedamos a velas vir. O que pasou é unha vergoña", dixera daquela José Antonio Fernández. 

Asunción Morgade, que se afiliou ao PP nove días despois de xurar o cargo, foi avalada por Baltar e Feijóo

Asunción Morgade, que se afiliou ao PP nove días despois de xurar o cargo como alcaldesa e que era unha recoñecida simpatizante socialista, foi avalada tanto polo presidente provincial do PP e da Deputación, José Manuel Baltar, como o propio Núñez Feijóo. Ambos os dous posaron nunha foto con ela durante a campaña.

Ante esta situación, o PSdeG de Rairiz de Veiga cre "imprescindible" que o conselleiro de Política Social, Rey Varela, "dea as convenientes explicacións á cidadanía, posto que está a consentir que un ex alcalde apartado pola Xustiza do seu cargo, participe nun encontro oficial inter-administrativo". 

Asunción Morgade, entre Baltar e Feijóo © PPdeOurense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.