O Consello Nacional do BNG ratificou este sábado por unanimidade a candidatura de Ana Pontón para optar a un terceiro mandato como portavoz nacional coa "premisa básica" de "manter o que funciona" e "aproveitar as persoas e os equipos que demostraron a súa valía".
Pontón avoga por "manter o que funciona" e presenta unha lista para a Executiva Nacional con só catro cambios
Así, Pontón preentou a lista de 18 homes e mulleres que a acompañan na Executiva Nacional, con ela como número un e no dous o deputado autonómico Luís Bará. A continuación, por orde, Xavier Campos, Rubén Cela, Carme da Silva, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Lucía López, Manuel Lourenzo, Breixo Lousada, Ana Miranda, Lois Pérez, Montse Prado, Noa Presas, Néstor Rego, Xosé Luís Rivas Mini, Olalla Rodil, Goretti Sanmartín e Eva Villaverde.
Unha lista para a nova etapa do partido que se inicia o vindeiro 7 de novembro coa XVII Asemble Nacional, onde debe ser ratificada, que se celebrará na Coruña e na que o "reto" é o de alcanzar a presidencia da Xunta en 2024. Todo cunha executiva na que Pontón di querer "combinar mocidade e experiencia".
Ademais, a portavoz nacional destacou no seu discurso a "gran fortaleza do BNG actual" que a converte en "alternativa clara" ao PP, logo dos tempos convulsos que supuxeron as escisións xurdidas da asemblea de Amio en 2012.
"Acertamos manténdonos firmes nos nosos principios, que nos permitiron endereitar o rumbo do barco", di Pontón
Para Pontón, a actual boa situación "non é froito de ningunha campaña concreta" nin de "ningunha persoa en particular", senón da "xenerosidade interna e a lealdade", así como a "unidade de criterio e acción". "Acertamos manténdonos firmes nos nosos principios, que nos permitiron endereitar o rumbo do barco", insistiu, tras alabar o "resultado dunha liña politica" que logrou "conectar con milleiros de galegos e galegas", cun "discurso renovado" pero "sen renunciar a nada".
Así, Pontón marcouse como obxectivo "ensanchar as bases" do BNG, "manter contacto permanente cos sectores económicos e sociais" e "disputarlle a soberanía ao PP" para "liderar o Goberno da Xunta". "Temos que baixar aínda máis ao detalle de cada día coas cuestións que quitan o sono á maioría social; temos que falarlles ás persoas das súas prioridades", insistiu. Todo co propósito de "construír unha Galicia en grande fronte a unha Galciai pequena que deixa o goberno do PP de Feijóo".
Pero antes, aclarou queda o reto das eleccións xerais, onde se marcou o reto de "aumentar a presenza do BNG" no Congreso, ademais das municipais, onde apelou á "convicción" de que os proxectos nacionalistas "poden chegar ás maiorías" sociais dos concellos.