O PP impúxose na maior parte dos barrios das cidades malia ao ascenso do BNG en moitos distritos

O PP foi a forza máis votada na maioría das mesas electorais das cidades o 12X CC-BY-SA Praza Pública

A Galicia urbana, tanto as cidades coma as áreas metropolitanas foi a parte do país no que o dominio do PP nas eleccións do pasado domingo foi máis axustado. E aínda así os populares foron a forza máis votada en todas as grandes urbes e concellos da súa contorna e unicamente en Vigo a súa diferenza coa segunda forza máis votada -o PSdeG-PSOE- foi cativa. A isto axudou a baixa participación rexistrada nas cidades, por debaixo do 60% en todas elas agás Compostela, e caendo por debaixo do 50% en vilas como Narón ou Arteixo.

Os populares impuxéronse na inmensa maioría das mesas electorais das sete cidades, coa excepción de Vigo

Os populares impuxéronse na inmensa maioría das mesas electorais das sete cidades, coa excepción de Vigo. En Lugo, os de Núñez Feijóo fixeron pleno, do que estiveron preto en Ourense (1 mesa para o PSdeG), Ferrol (1 para o BNG e 2 para os socialistas) e Pontevedra (3 para o BNG, 1 para o PSdeG). Na Coruña e Compostela os nacionalistas conseguiron gañar en 10 mesas en cada cidade, sendo o resto para o PP.

Tan só en Vigo a distribución foi máis parella e aínda que o PP se impuxo no conxunto do concello, o PSdeG gañou máis mesas (197 a 167), principalmente nas zonas rurais e barrios periféricos. O BNG gañou en 6.

Aínda que estes datos amosan un enorme dominio dos populares e triunfos claros en seis da sete cidades, a análise dos resultados en cada sección censual revelan grandes diferenzas entre unhas e outras zonas da cidade, entre as rúas máis céntricas e os barrios populares, entre as zonas rururbanas e as de poboamento máis denso.

En Vigo o PSdeG foi a forza máis votada en 136 seccións, o BNG en 5 e o PP en 103. Porén, o dominio do PP nos barrios máis centricos e na maior parte da fachada litoral (agás Teis) outorgoulle o triunfo final. 

Na Coruña a vitoria do PP foi máis esmagadora, sendo a forza máis votada en 176 das 181 seccións da cidade. O BNG obtivo a vitoria nas cinco restantes, situadas en Novo Mesoiro ou Monte Alto. Estes barrios, xunto coa Agra do Orzán foron os espazos de menor apoio para Núñez Feijoo, que en cambio superou o 70% dos votos en varias seccións do Ensanche e de Riazor.

A análise dos resultados en cada sección censual revelan grandes diferenzas entre unhas e outras zonas da cidade, entre as rúas máis céntricas e os barrios populares

En Ourense o PP gañou en todas as seccións da cidade, aínda que obtivo un resultado moi superior no casco histórico e máis baixo no barrio da Ponte.

En Compostela o BNG foi quen de gañar en 5 seccións do centro, nas que se moveu entre o 33 e o 39 por cento. Con todo, o PP gañou no resto, tanto nos barrios residenciais coma nas zonas rurais do concello.

En Lugo o PP gañou en todas as seccións, pero obsérvase unha clara distinción entre tres espazos: o interior da muralla, amplamente dominado polos populares, os barrios residenciais que a rodean, nos que o BNG obtivo o seu mellor resultado (chegando a roldar o 30% nalgunhas zonas), e o anel rural da contorna, onde que novo o PP gañou con gran diferenza e porcentaxes mesmo superiores ao 60% dos votos.

En Pontevedra o PP gañou en todas as seccións agás dúas, nas que se impuxo o BNG.

Finalmente, en Ferrol os populares tamén dominaron en todo o concello, pero PSdeG e BNG foron quen de gañar en tres secciósn situadas no barrio de Caranza, onde os populares obtiveron os seus peores resultados, ficando en pouco máis do 30%. Pola contra, os de Núñez Feijóo superaron o 50% e mesmo o 60% no barrio da Madalena.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.