O pasado 2023 finalizou en Galicia con 14 novas vivendas protexidas rematadas. É, segundo os datos oficiais recompilados polo Instituto Galego de Estatística no Ministerio de Vivenda, a cifra máis baixa en catro anos. O anterior mínimo rexistrárase en 2019, son só 4. O balance deste último cuatrienio fica así en 917 vivendas protexidas iniciadas e 585 rematadas, o que así e todo supón unha mellora a respecto dos catro anos previos, con 76 iniciadas e 163 finalizadas.
Galicia finalizou 2023 con 14 novas vivendas protexidas, segundo os datos oficiais. O presidente subliña que a Xunta xa "iniciou a execución" de 400 e mantén a promesa de chegar a 4.000 na fin do mandato
Estes e outros datos e a súa interpretación estiveron no centro do debate da derradeira sesión de control ao presidente da Xunta neste primeiro período de sesións da lexislatura iniciada tras as eleccións do pasado febreiro. Foi a través da pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen reprochou a Alfonso Rueda a escaseza de vivenda protexida. Enfronte, o presidente reiterou as súas promesas ao respecto para os vindeiros catro anos pero, sobre todo, reprochou á líder do Bloque as materias abordadas a pasada fin de semana no congreso da Unión do Povo Galego (UPG).
"Por anuncios que non sexan; en 2023 dicían que ían construír 1.900 vivendas" e en xaneiro "veuse arriba" e xa eran 4.000, ironizou Pontón, quen dubida que o PP "vaia facer nunha lexislatura o que non fixeron en 15 anos". "As mentiras -dí a líder do prinicipal grupo da oposición- enchen o Telexornal, pero non axudan as familias a ter unha vivenda" nun contexto no que insta a non limitarse a "nomear a Constitución" senón "cumprila empezando polo recoñecemento efectivo do dereito á vivenda".
Para iniciar a súa resposta, o titular do Goberno optou por un argumento que, avanzou, "lle vai fastidiar moito" a Pontón. Pero é que, ao seu xuízo, as "prioridades" do BNG non pasan polo acceso á vivenda, senón as "cousas do nacionalismo, o independentismo, o monolingüismo e a ideoloxización" porque iso foi do que "falaron" no "congreso que tiveron esta fin de semana", dixo en referencia ao conclave da UPG. "Estamos a iniciar a execución de 400 vivendas", afirmou -son parte dos 780 pisos de alugueiro proxectados en oito concellos ao abeiro de dous convenios asinados pola Xunta co Estado- e o obxectivo é "chegar a 4.000" no novo mandato.
Retirada de pisos turísticos irregulares do rexistro da Xunta
O titular da Xunta evita garantir a baixa de todos os pisos turísticos ilegais do rexistro turístico galego, como marca a norma e esixe a líder do BNG
Alén do tirapuxa a respecto da escaseza de vivenda protexida, no que Rueda se atribúe "2.403 executadas; construídas ou rehabilitadas con cartos da Xunta" e "case 5.000 adxudicacións" e Pontón advirte que inclúe no cómputo as impulsadas "no bipartito cunha consellería de Vivenda dirixida polo BNG", o debate entre ambos xirou tamén en torno aos pisos turísticos. Concretamente, en torno ao cuestionamento de Pontón sobre se Rueda "vai facer algo para que a Xunta deixe de amparar ilegalidades" e "retirar do rexistro" turístico as que non cumpren coa normativa municipal, esixiu co foco posto especialmente en Santiago.
"Faremos o que diga a lei", sinalou o popular, para acto seguido reducir a cuestión a unha "recomendación que me fai" Pontón a respecto dos arredor de 700 pisos irregulares en Compostela que seguen constando no rexistro de Turismo de Galicia. Figuran nel malia ao decreto de 2017 que obriga a dalos de baixa por non encaixar na regulación municipal.
Se acaso, agrega, "sería necesario" borralas do rexistro para "deixarlles sitio ás 8.000" que, di agoirar, pasarán a exercer este negocio abeirándose na posibilidade de dedicárense ao turismo 60 días ao ano que abre a mesma norma local. Porque, agrega o presidente, a Pontón "non lle gustan os pisos turísticos" pero "iso de levantar muros e prohibicións non constrúe vivendas".