A empresa da Xunta e Naturgy que xestiona os refugallos da maioría dos concellos disponse a cancelar a bonificación do 15% na tarifa que cobra aos gobernos locais por cada tonelada de lixo tratada, aprobada hai dous anos tras amagar con suprimir o anterior desconto, do 10%
Sogama é a empresa da Xunta (51%) e a eléctrica Naturgy (49%) que xestiona os refugallos de case 300 concellos galegos. Hai agora algo máis de dez anos, no outono de 2013, estivo no centro da controversia por disparar, en plena crise económica, de 61 a 82 euros a cota -canon- aos gobernos locais por cada tonelada de lixo tratada. A medida fora respondida cunha ampla vaga de mobilizacións por concellos de todo signo, tamén do PP.
No ano 2018 o goberno aínda presidido por Alberto Núñez Feijóo tomara unha medida en sentido inverso. En vésperas de eleccións municipais, a Xunta aproveitou a tramitación dos Orzamentos de 2019 para aplicar un desconto do 10% ao canon de Sogama aos concellos que "certificasen o compromiso coa redución de residuos" e trasladasen a rebaixa ao recibo da veciñanza.
Catro anos despois, en 2022, decidiu suprimir esa bonificación do 10% pero deu en recuar antes de que a decisión cobrase forma. O desconto do 10%, que deixaba o canon xeral de 66 euros por tonelada en 59,40, acabou sendo substituído por outro do 15% que mantiña as anteriores condicións e engadía unha nova: a obriga de instalar o contedor marrón para lixo orgánico antes da fin de 2023, acción para a que o PP reclamara prórrogas en diversas ocasións.
Sogama alega que agora ten que afrontar máis gastos polos impostos estatais, derivados de normativa europea, que penalizan a incineración de lixo coa que xera electricidade, negocio polo que disparou os seus ingresos. As contas da empresa, non obstante, prevían hai apenas medio ano regresar a beneficios este ano
Este contexto é imprescindible para entender a controversia que neste inicio do verán de 2024 comeza a xerar o enésimo tarifazo de Sogama aos concellos. O consello de administración da compañía da Xunta e Naturgy decidiu nos últimos días, en esencia, cancelar a bonificación do 15% que entrou en vigor o ano pasado. Faino entre culpas ao Goberno de España e anunciando preventivamente unha inxección económica para "paliar o impacto da medida" que, non obstante, implicará deixar o canon "fixado en 66 euros por tonelada".
A empresa fai responsable o Estado porque, di, o imposto "á vertedura e á incineración" de refugallos que está vixente dende principios de 2023 supuxo que Sogama tivese que "desembolsar 14,4 millóns de euros ata agora". "E ademais, tivo que abonar 2,9 millóns pola recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica" e, en xullo de 2023, "o Goberno central eliminou a retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica", na que xera electricidade a partir dos refugallos que non recicla.
Todo isto, defende Sogama, encareceu os seus servizos durante 2023 "en 21,9 millóns de euros". Así o transmitiu esta semana aos concellos, reiterando que paliará a suba cun total de 9 millóns e insistindo en que, así e todo, os seus servizos seguirán sendo dos máis baratos do Estado.
O PSdeG censura que o Goberno galego pretende "castigar" os concellos pola súa mala xestión dos residuos
A decisión chega tamén, non obstante, despois de dous anos nos que os orzamentos de Sogama incluíron ingresos disparados por venda de enerxía eléctrica producida a partir dos refugallos incinerados: de 55 millóns en 2022 a case 100 en 2023 e algo máis de 96 para este 2024. Mesmo coa bonificación en vigor, os cadros orzamentarios da empresa tamén estimaban que este ano incrementaría os seus ingresos polo canon (de 51,6 a 56,7 millóns de euros) e proxectaban que, despois dun 2023 no que estimaban perdas por algo máis de 20 millóns, en 2024 lograrían volver a números verdes cuns 531.000 euros de ganancias.
Á espera das alegacións que os concellos poidan presentar a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -teñen dez días para facéreno e, en todo caso, a suba aínda ten que pasar pola Consellería de Medio Ambiente, que á súa vez precisa dun informe da de Facenda-, a suba do canon de Sogama xa deu lugar a críticas políticas. As primeiras chegaron pola banda do PSdeG, cuxa deputada Paloma Castro subliña que o primeiro que cómpre ter en conta é que Sogama ten que afrontar máis impostos non por unha decisión discrecional do Goberno de España, senón por unha directiva europea "que castiga a xestión que prioriza a incineración e depósito en vertedoiro" de refugallos.
A Xunta, di Castro, disponse a "castigar" os concellos pola súa propia mala xestión e faino ademais, censura, despois de que Sogama lograse o devandito incremento de ingresos por venda de enerxía. Se Sogama tivo máis gastos nos últimos anos agrega, foron polos "custos do transporte" que derivan do "empecinamento da Xunta en centralizar a xestión na planta de Cerceda, en contra do fixado pola UE".