Sogama non reducirá en 2016 o canon que lles cobra aos Concellos, que incrementou nun 34% en 2013 (para recortalo nun 10% neste ano electoral). E iso a pesar de que no último exercicio a Sociedade Galega do Medio Ambiente volveu aos beneficios, gañando 7,8 millóns de euros, destaca Faro de Vigo. A empresa púbica xustifícao en que debe amortizar 11,8 millóns de euros de débeda en 2016 (e un total de 57,4 millóns en tres anos). Porén, o que si realizará Sogama nos vindeiros anos é un investimento de 30 millóns de euros nunha ampliación das súas instalacións, e na construción dunha planta de compostaxe para poder xestionar máis lixo e reducir nun 30% (unhas 80.000 toneladas por ano) a cantidade de residuos que van para directamente ao macrovertedoiro de Areosa por non poder ser tratados.
Así pois, os Concellos galegos que manteñen un contrato con Sogama para a xestión dos seus residuos (a inmensa maioría, ao redor do 95%), non verán aliviada a súa factura, que en moitos casos absorbe unha parte importante do seu orzamento. Un cento de concellos declaráronse insubmisos á suba de 2014 e a Xunta contestou ameazándoos con retirarlles fondos do seu financiamento. A suba do 34% estaba xustificada nunhas perdas -nas contas de 2013- de 4 millóns de euros, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar as primas que Sogama recibía pola xeración de enerxías renovables (unha parte moi importante dos seus ingresos). Porén, finalmente, as perdas rexistradas pola empresa pública foron moi inferiores (600.000 euros). En consecuencia, alcaldes do BNG e doutras formacións esixiron que Sogama lles devolvese aos seus Concellos as cantidades cobradas "de forma indebida".
Os Concellos galegos que manteñen un contrato con Sogama para a xestión dos seus residuos (a inmensa maioría, ao redor do 95%), non verán aliviada a súa factura
O pasado mes de maio o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense atendeu unha demanda do Concello de Piñor contra a suba do canon de Sogama, elevando o caso ao Tribunal Constitucional, que terá que pronunciarse sobre a legalidade do incremento de prezos. Máis de vinte concellos negáronse dende un primeiro momento a pagar esa suba, denunciando que se tratara dunha decisión unilateral. Un deles foi o de Piñor, en Ourense, gobernado polo PSdeG-PSOE. Por exemplo, o pasado ano Piñor pagou os 15.400 euros que consideraba que lle correspondían, e non os 18.000 reclamados por Sogama.
En 2014, grazas á suba do 34% imposta, os ingresos de Sogama polo canon que lles cobra aos concellos medraron un 30%, ata acadar os 55,89 millóns de euros. O tratamento de lixo volveu deste xeito ser a principal fonte de ingresos da empresa, superando a produción de enerxía eléctrica, que tamén creceu, ao redor dun 20%, ata sumar 49,4 millóns. As contas de Sogama tamén reflicten que lles debe a distintos bancos ao redor de 25 millóns de euros, por un crédito de 125 solicitado en 2003 e aínda pendente de devolución. Ademais, tamén lles adebeda unha importante cantidade á Xunta e a Gas Natural por un crédito sindicado. Así mesmo, a empresa asegura que os Concellos lle deben un total de 24 millóns de euros, unha cantidade que se tería incrementado en 7 millóns en 2014.
En 2014, grazas á suba do 34% imposta, os ingresos de Sogama polo canon que lles cobra aos concellos medraron un 30%, ata acadar os 55,89 millóns de euros
As organizacións ecoloxistas teñen denunciado en varias ocasións que a Xunta e Sogama fixaron "un prezo político para o tratamento do lixo" para "poder competir artificialmente" con outros sistemas, coma os baseados na compostaxe, máis baratos. Para os colectivos críticos do modelo Sogama, os problemas económicos da empresa demostran que "non é a opción máis barara e que nunca o foi".