A prórroga da concesión que lle deu Rajoy en funcións en 2016 estaba condicionada a actuacións que a Consellería de Industria somete a exposición pública aínda agora
A prórroga ata 2073 da concesión de Ence na ría de Pontevedra que concedeu en xaneiro de 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy foi condicionada a que a empresa executase diversas actuacións de mellora ambiental. Oito anos despois a Consellería de Industria vén de someter a exposición pública un novo trámite dos permisos necesarios para acometer esas melloras e na súa documentación a empresa sinala que "o prazo para o inicio da execución das actuacións urxentes será de sesenta (60) a cento vinte (120) meses desde a obtención das autorizacións/permisos necesarios".
Ao obter a prórroga da concesión, avalada hai un ano polo Tribunal Supremo e recorrida polo Concello de Pontevedra ante o Constitucional, a empresa comprometeu diversas actuacións de mellora ambiental tanto ante o Estado, vinculadas á propia concesión, como ante a Xunta, a xeito de contribución extraordinaria á sociedade pontevedresa.
Ademais destes compromisos co Estado ligados á prórroga, Ence tamén asinou en 2016 un "pacto ambiental" coa Xunta do que esta non fixo seguimento como se comprometera
Os compromisos coa Xunta foron plasmados nun denominado pacto ambiental que hai ano e medio o PP de Pontevedra considerou "roto" por parte da empresa. Un pacto que contemplaba a elaboración de informes de seguimento que, como revelou Praza.gal, a Consellería de Medio Ambiente nunca fixo e descoñece quen puidera ter. Igual que tampouco ten o Goberno galego actas do comité que supervisa como Ence subvenciona con 3 millóns de euros ao ano a 300 entidades de Pontevedra.
Canto aos compromisos co Estado para a prórroga da concesión, algúns xa se foron implantando neste tempo, pero outros dependen de que se modifique a ordenación territorial da parcela na que está a fábrica, o denominado Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal. Esa tramitación iniciouse en 2018, pero paralizouse e reiniciouse novamente hai tres anos. E agora, tras fixar a Consellería de Medio Ambiente as cuestións ambientais que deben terse en conta na tramitación, esta vén de ser retomada pola Consellería de Economía e Industria coa exposición ao público do proxecto durante dous meses, entre o 1 de marzo e o 29 de abril.
As actuacións agora en trámite son "imprescindibles para desenvolver algúns dos compromisos esixidos" na prórroga de 2016, sinala a documentación
Esa documentación volve xustificar que a modificación urbanística que se persegue é necesaria para implantar tres actuacións "imprescindibles para desenvolver algúns dos compromisos esixidos" na prórroga da concesión "así como os contidos no Pacto Ambiental subscrito por Ence coa Consellería de Medio Ambiente". Esas actuacións buscan un "aumento da eficiencia no combustible" da planta, a instalación de gas natural para fornos e outras instalacións, e a "mellora ambiental e de eficiencia". Ademais, aproveitando esta tramitación urbanística inclúese tamén a ordenación territorial de varias instalacións ligadas á depuradora de Praceres, executada pola Xunta malia os atrancos de Ence.
A documentación exposta ao público sinala, canto aos "prazos de execución das actuacións", que o "inicio" das consideradas "urxentes" será de 5 a 10 anos despois de obter os permisos necesarios que aínda se están a tramitar. Despois, di "iranse acometendo o resto das actuacións". Isto é, á espera de que culmine a tramitación en marcha, pode que Ence non inicie actuacións de mellora ambiental consideradas "urxentes" ata dúas décadas despois de obter a prórroga da súa concesión á que ían ligadas. Para daquela aínda lle quedarían catro décadas máis na ría de Pontevedra.