Ence recibe permiso ambiental da Xunta para As Pontes coa abstención da directora xeral, parella dun cargo da empresa

A central das Pontes cando aínda funcionaba co depósito de carbón ao fondo, á esquerda do lago, e autorización ambiental da planta de reciclaxe que Ence quere instalar nese lugar CC-BY-SA Imaxe: Endesa | Montaxe: Praza Pública

En plena polémica pola autorización a Altri en Palas, a declaración de impacto ambiental para a instalación de reciclaxe de Ence nun lugar xa moi transformado formula menos condicionantes 

A Consellería de Medio Ambiente vén de facer pública este mércores a declaración de impacto ambiental favorable da planta de reciclaxe de papel e cartón para fabricación de pasta de celulosa que Ence está a impulsar nas Pontes, no lugar que ocupaba o depósito de carbóns da antiga central térmica desa vila. A autorización formula moitos menos condicionantes que a recibida hai dous meses por Altri para a súa fábrica en Palas e, a diferenza daquela, non está asinada pola directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría Moreno, senón pola directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira. Echevarría é parella dun cargo de Ence e a resolución recolle a súa "abstención" neste procedemento.

Emprazamento da planta de Ence nas Pontes nun plano tirado da declaración de impacto ambiental CC-BY-SA Xunta de Galicia

Fronte á fábrica de celulosa e fibras téxtiles a partir de madeira que impulsa Altri nun espazo natural de Palas, a planta de Ence nas Pontes, impulsada a través da empresa Biofibras de Galicia SL, pretende producir "pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado e/ou de residuos de papel e cartón", cun proceso de reciclaxe deses produtos e outro de fabricación de pasta de celulosa. Ademais, instalarase ocupando unhas 47 hectáreas no antigo parque de almacenamento de carbón da central térmica, nunha área a carón do lago artificial notablemente transformada pola explotación mineira e as instalacións industriais que se foron desenvolvendo nas Pontes nas últimas décadas. 

Fronte as 76 páxinas de Altri, a declaración de impacto de Ence ten 41, e fronte aos milleiros de alegacións en Palas, o proxecto para As Pontes só recibiu 21

Ante a proposta de Ence, a declaración de impacto ambiental formula diversos condicionantes, pero en menor medida que os esixidos a Altri. De feito, fronte ás 76 páxinas da declaración de impacto de Altri, a de Ence ten só 41. E tamén o rexeitamento social a través de alegacións foi moito menor no proceso para chegar a este punto. 

Fronte aos milleiros de alegacións e manifestacións contra Altri, a autorización a Ence sinala que no seu caso foron presentadas 21 alegacións, das que 8 foron de asociacións e 13 de particulares, entre elas "dúas entidades empresariais que se refiren a interferencias entre as actuacións proxectadas e outros proxectos da súa titularidade", cuestións que non afectan ao impacto ambiental pero que revelan a intensidade de usos industriais xa existentes nas Pontes. 

Altos cargos de Medio Ambiente, coa directora de Calidade Ambiental, María José Echevarría (cuarta pola dereita), a conselleira, Ángeles Vázquez (quinta) e a directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira, penúltima CC-BY-SA Xunta de Galicia

Outra das diferenzas desta declaración de impacto ambiental a respecto da de Altri é quen se fai responsable da mesma. A de Palas foi asinada polo subdirector xeral de Avaliación Ambiental, Alejandro Carrera, e pola directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría

A directora xeral é a persoa que debe asinar este tipo de permisos, pero desde setembro de 2024 que Echevarría está no cargo o seu proceder mudou a respecto dos seus antecesores. Antes era habitual que os subordinados que participasen en cada procedemento asinasen tamén a declaración xunto coa directora, pero con Echevarría iso deixou de facerse, segundo ela porque se fai responsable do traballo dos seus subordinados. 

Porén, ese proceder mudouse no caso de Altri, no que se incorporou a sinatura do subdirector xeral, Alejandro Carrera, nun posto discrecional por comisión de servizos que tras esa autorización foi convocado de libre designación, unha figura igualmente discrecional pero máis consolidada.

Agora, na declaración de impacto ambiental de Ence, non asina ningún subdirector xeral nin tampouco o fai a propia Echevarría. Faino "por abstención" outra directora xeral, a de Patrimonio Natural, Maria Sol Díaz Mouteira, veterana política do PP con cargos xa con Fraga que chegou a Medio Ambiente hai un ano. A abstención de Echevarría hai que contextualizala coas denuncias reiteradas da oposición de que a súa parella, Antonio Casal, é un cargo de Ence en Galicia.

Declaración de impacto ambiental de Ence nas Pontes asinada "por abstención" da directora xeral de Calidade Ambiental, cuxa parella é cargo de Ence CC-BY-SA Praza Pública

Esta declaración de impacto ambiental para o proxecto das Pontes chega nun contexto no que Ence —empresa historicamente con fonda vinculación co PP e coa Xuntahai tempo que fai saber o seu descontento, tanto en Compostela como en Madrid, co explícito e intenso apoio da Xunta á fábrica que a súa competidora Altri prevé en Palas de Rei. 

Que poucos días despois da aprobación da Declaración de Impacto Ambiental favorable para o proxecto da compañía portuguesa, Ence saíse a presumir do "avance firme" da súa planta de reciclaxe nas Pontes non foi casual, din fontes consultadas por Praza.gal. Tampouco que se gabase de ser "pioneira en economía circular, produción de enerxía renovable e captura de CO₂" cun proxecto, este si, centrado no téxtil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.