Altri non: o arquivo do plan para instalarse en Palas vira definitivo

CC-BY-NC-SA Praza.gal

Economía e Industria rexeita as alegacións da empresa e ratifica que o proxecto da súa factoría na Ulloa é "inviable" sen a conexión eléctrica excluída da planificación do Goberno de España 

Altri non. Ou, en verbas da conselleira de Economía, un proxecto que "non ten posibilidades, por non dicir ningunha" ao verse o propio Goberno galego abocado a virar en definitivo o arquivo do expediente iniciado o pasado febreiro, o cal tivo como motivo central que a subestación que daría servizo á factoría ficou fóra da planificación das redes eléctricas do Goberno de España ata 2030.

Greenfiber, a empresa coa que Altri impulsou o seu proxecto da man da Xunta a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia e da galega Greenalia, alegou contra ese arquivo o pasado maio, ao límite do prazo de catro meses que tiña para facelo. Fíxoo sinalando, esencialmente, que a conexión eléctrica que inicialmente presentara como "imprescindible" en realidade non era "esencial". Pero o argumento non pasou o filtro.

Documentación coa que Altri tramitou en marzo de 2024 o seu permiso ambiental e alegacións que presentou contra o arquivo do proxecto por falta de conexión eléctrica CC-BY-SA Imaxe: Altri | Montaxe: Praza Pública

Segundo a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, esas alegacións de Altri non foron "consideradas suficientes para continuar co expediente" e por iso "vimos de resolver de xeito definitivo e firme o arquivo". Esta decisión pecha a vía administrativa e á empresa só lle restaría a posibilidade de tentar revertela mediante un recurso de reposición -momento no que viraría firme en sentido estrito- ou, posteriormente, nun proceso xudicial pola vía contencioso-administrativa.

Co arquivo definitivo, contra o que cabe recurso, finaliza a vía administrativa. Altri aínda podería teimar tamén no proxecto pola vía xudicial

Preguntada pola posibilidade de que Altri poida valorar iniciar un novo proxecto dende cero, Lorenzana di non ter "coñecemento diso". Ata agora, evidencia, "pretende continuar co procedemento iniciado" e isto tiña "unha solución técnica moi concreta", a devandita subestación eléctrica de Palas de Rei que "non está no borrador da planificación eléctrica" do Goberno de España, que está "xa moi avanzado".

Desta maneira, esgrime Lorenzana, "o proxecto actual é inviable por non ter conexión eléctrica", máis aínda tendo en conta que a Declaración de Impacto Ambiental -o primeiro permiso para a fábrica, que a Xunta si outorgou- ten unha vixencia de seis anos anos -a conselleira indicou erroneamente catro- e xa transcorreu case ano e medio dende a súa concesión. "Non ten moitas posibilidades, por non dicir ningunha", sintetiza.

Mobilización social e reveses económicos e políticos

Protesta en mar e terra na manifestación contra Altri na Illa de Arousa o pasado 14 de xuño © Pedro Armestre / Greenpeace

Como é sabido, a exclusión da planificación eléctrica estatal supuxo o revés definitivo para un proxecto que, así e todo, atopou máis atrancos. Dende unha enorme mobilización social ata a non obtención de fondos europeos aos que optaba, coma os encamiñados á descarbonización industrial, o PERTE de descarbonización, 30 millóns de euros  que solicitou sabendo que incumpría os prazos, motivo de exclusión que se engadiu ao feito de prever o uso de combustibles fósiles na fábrica.

Malia ver pechados todos estes camiños, a mobilización non cesou. Boa mostra disto foi a manifestación celebrada o pasado mes de xuño na Illa de Arousa reclamando, precisamente, o descarte administrativo definitivo dun proxecto cuxo xermolo foi un pacto do Goberno galego que presidía Alberto Núñez Feijóo coa propia Altri a través de Impulsa Galicia. A Xunta continúa negándose a divulgar o contido íntegro dese acordo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.