O arquivo definitivo do plan de Altri como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para instalar en Palas de Rei a fábrica de celulosa e fibras téxtiles derivadas deste produto xunto á galega Greenalia, pactada coa Xunta a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia, deu lugar á celebración no movemento veciñal e ambientalista que leva catro anos mobilizado para tentar evitalo. Pero a unha celebración cautelosa.
Ulloa Viva celebra mentres "mantén a cautela", a comezar por que a empresa dispón dun mes para un derradeiro recurso administrativo
"Estamos felices, pero mantemos a cautela", resumía a Plataforma Ulloa Viva, núcleo central do movemento anti Altri, tras recibir a notificación da Consellería de Economía sobre o rexeitamento das alegacións da empresa e o consecuente arquivo. De entrada, porque contra esta resolución da Xunta aínda cabe un último recurso -de reposición- na vía administrativa, primeiro motivo para "non podermos estar completamente satisfeitos" e seguiren "vixiantes", advirten.
Neste contexto, Ulloa Viva pon o foco en que tras "seis manifestacións masivas ao berro de Altri non", o Goberno galego "se limita a anunciar o arquivo do proxecto porque non ten electricidade". Cando, a xuízo do colectivo, o rexeitamento debera chegar moito antes e por ser "malo para nós e as nosas fillas e fillos", iso "debería ser suficiente para que un Goberno responsable" o desbotase.
Por ese motivo, tamén, Ulloa Viva quere "deixar claro á Xunta e a Altri que seguiremos vixiantes e nos terán sempre enfronte dun proxecto que ven "incompatible coa vida" na comarca. "As súas mentiras xa non caben aquí" e por iso piden á empresa que "non insista" no proxecto. "Esta terra será defendida ata as últimas consecuencias" e "non poden gañar", aseguran.
Reaccións de BNG e PSdeG
No ámbito da actual oposición parlamentaria, o BNG uniuse nunha primeira reacción a esa celebración combinada coa cautela. Para o Bloque, que a Xunta desestimase as alegacións de Altri e resolvese o arquivo implica que "gañou o pobo galego", pero tamén que "teremos que estar atentas e atentos por se no futuro o PP resucita o proxecto".
Na mesma liña, este sábado Ana Pontón considerou o arquivo unha "vitoria do pobo galego" e unha "derrota sen paliativos do PP", pero coas mesmas cautelas. "Gañamos esta batalla", sinala a portavoz nacional do Bloque, se ben "sabemos que este proxecto queda hibernado e poden tentar resucitalo". Por iso "estaremos vixiantes", di.
O BNG insta a manter a atención "por se no futuro o PP resucita o proxecto", o PSdeG lembra os tres "non" do Goberno de España e insta a Xunta a revelar o pacto secreto coa empresa portuguesa
Por parte do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, resalta como xa fixera no inicio do arquivo que este "día excelente para a comarca da Ulloa e para toda Galicia" chega en boa medida porque "o Goberno de España lle dixo que non á empresa en tres ocasións: "Quedou fóra do PERTE de descarbonización porque non descarbonizaba nada; quedou sen axudas públicas porque non as merecía e quedou sen conexión eléctrica porque a planificación do Estado responde a criterios técnicos e non a operacións de propaganda".
Neste punto Besteiro coida que "Rueda non enterra Altri por convicción", senón "porque non lle queda outra" e advirte de que este arquivo "non pecha" preguntas pendentes. As que, ao seu xuízo, só pode responder a publicación "do acordo secreto que a Xunta asinou con Altri en 2021 a través de Impulsa Galicia". "Se non ten nada que ocultar, que amose eses papeis", reclama ao presidente.