Sae Altri, entra SAIC e fica un pacto secreto

Alfonso Rueda, co vicepresidente de SAIC, Wu Bing, o pasado 8 de xullo de 2026 en Ferrol e Feijóo, recibindo o CEO de Altri como presidente da Xunta CC-BY-SA Fotos: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A Xunta escenifica a remuda nas súas principais apostas político-industriais, da mochila da celulosa portuguesa ao desembarco da automobilística chinesa, cuxa chegada ten altas doses de aposta xeopolítica en coordinación co Goberno de España

Quixo a casualidade -no improbable caso de que exista na política- que, na semana que remata, o Goberno galego escenificase, en días consecutivos, a remuda nas súas principais apostas político-industriais da lexislatura. O mandato que empezou en 2024 con Alfonso Rueda portando a fábrica de Altri en Palas de Rei na mochila para a súa primeira investidura en solitario -enténdase, co aval das urnas e non da substitución dixital- traspasa o ecuador co presidente compartindo complicidade con altos executivos da chinesa SAIC recibindo un cargamento de vehículos MG no porto de Ferrol como pórtico da instalación dunha factoría da empresa no noso país.

Como é sabido, a chegada de SAIC ten unha xénese e significado con nulo compoñente de azar e altas doses de aposta xeopolítica. Na operación foi crucial a intervención do Goberno de España coas autoridades estatais da China e tamén a coordinación do Executivo español co galego, en boa sintonía neste asunto, como admiten ambas partes. 

Varios intres da recepción oficial ao primeiro buque portavehículos de SAIC en Ferrol, este 9 de xullo CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Xunta

As decisións do gabinete que preside Pedro Sánchez foron tamén clave, pero no sentido oposto, a respecto de Altri. Como causa para a consecuencia de que a Consellería de Economía tivese que acabar por meter na gabeta o plan da celulosa para implantarse en Palas. Co aguillón da mobilización social, os correspondentes ministerios denegaron á alianza da compañía portuguesa coa galega Greenalia os fondos europeos e demais axudas ás que aspiraba e, sobre todo, a conexión eléctrica que presentou no seu proxecto como "imprescindible".

Mentres o PPdeG reducía en público os berros de "Altri non" ao BNG, o malestar espallouse por relevantes sectores sociais e políticos e poderosos axentes económicos

Co Estado na contra -en contraste ca, cando menos, escasamente proactiva actitude inicial-, os receos sobre Altri foron, andando o tempo, moito máis alá do que podía semellar na superficie. Mentres o núcleo duro do PPdeG identificaba e reducía publicamente os berros de Altri non co seguimento dunha consigna do BNG e grupos afíns, o malestar espallábase por relevantes actores sociais e poderosos axentes económicos. Mesmo nalgúns dos sectores da contorna do propio partido gobernante con máis amplitude de ollada, partidarios de deixar caer a cuestión.

Rematou, daquela, Altri para sempre? A Xunta sostén que o actual proxecto (o Proxecto Industrial Estratéxico arquivado) é "inviable" e ten poucas posibilidades, "por non dicir ningunha", de reactivarse. Por causa, esgrime a conselleira María Jesús Lorenzana, da ausencia da conexión eléctrica na planificación do Estado ata 2030.

Sánchez e Rueda en senllas reunións con responsables de SAIC Motor na China © La Moncloa / Xunta de Galicia

Cabería, daquela, outro escenario se un Goberno de España de cor política diferente trazase outras liñas eléctricas? Ou, dito doutro xeito, Altri si se Feijóo chega a pisar o Palacio de La Moncloa? Ese é un dos temores que leva o movemento anti Altri, coa plataforma Ulloa Viva como núcleo central, a advertir de que seguirán "vixiantes" mesmo no caso de que este arquivo non sexa recorrido pola empresa -cábelle un último recurso de reposición antes de ter que optar pola vía xudicial no caso de querer teimar-.

'Altri si' se Feijóo chega a pisar La Moncloa? Ese é un dos temores do movemento contra o proxecto. Esa hipótese, paradoxalmente, é tamén un escenario que causa escasísimo entusiasmo nos directivos chineses aos que Rueda vén de abrir as portas de Monte Pío

Non en van, a aterraxe de Altri en Galicia non respondeu unicamente, como sucede agora con SAIC, a unha fría decisión empresarial sen intervención política. Se Altri e Greenfiber decidiron aterrar en Palas foi porque a Xunta presidida por Feijóo, a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia, elixiron o seu proxecto para asumíreno como propio, facilitalo dende o Executivo e promocionalo cara á obtención de fondos europeos. O compromiso, como é sabido, foi plasmado en outubro de 2021 nun documento -memorando de entendemento-, que con diferentes argumentacións o actual Goberno galego segue tratando como secreto, como aínda lembraba este sábado o PSdeG.

Paradoxalmente, unha hipotética chegada das dereitas ao Goberno de España é un escenario que causa escasísimo entusiasmo nos directivos aos que Rueda agasallou esta semana cunha recepción en Monte Pío -o noutrora "sultanato" de Touriño para o PPdeG- e co devandito acto solemne en Ferrol. Abonda revisar as posicións do PP e de Vox sobre os achegamentos de Pedro Sánchez á China. 

Faixa contra Altri ás portas da Xunta durante unha manifestación en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cando menos de momento, en calquera caso, Wu Bing e Shi Lei, vicepresidente de SAIC e subdirector xeral de SAIC Motor Passenger Vehicle, substitúen no álbum de fotos da presidencia da Xunta ao CEO de Altri, José Soares de Pina, a quen Feijóo abriu os corredores de San Caetano. Con esa compaña o tamén líder dos populares galegos representa o devandito cambio de prioridades industriais e, ao tempo, encara unha precampaña electoral municipal cunha factoría da que gabarse en Ferrolterra e arredores e con menor risco de tensións na Terra do Medio, as comarcas centrais do país que tamén contan polas pugnas provinciais coruñesa e lucense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.