A Xunta recibe a SAIC ofrecendo "todo o posible" para que transforme "o futuro industrial de Galicia"

Alfonso Rueda e un directivo de SAIC, nun coche MG descargado en Ferrol CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O xigante SAIC xa está en Galicia e foi recibido con toda a pompa. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, entre outras moitas autoridades locais, provinciais e estatais, participaron este xoves no porto exterior de Ferrol no acto oficial de recepción do primeiro buque portavehículos da automobilística chinesa, o Anji Forever, que atracou xa nas primeiras horas do pasado mércores tras un mes de travesía e con máis de 700 coches a bordo que serán distribuídos aos concesionarios de MG de todo o Estado. 

Rueda asegura que o proxecto de SAIC está "chamado a transformar o futuro industrial de Galicia"

O presidente da Xunta definiu este 9 de xullo como "un día moi importante" que será lembrado como "o principio de moitas outras cousas durante moitos anos". Unha "primeira imaxe visible", engadiu, dun proxecto de "longo percorrido" que está "chamado a transformar o futuro industrial de Galicia". Para que así sexa, Rueda garantiu que o Goberno galego "fará todo o posible" para que a relación con SAIC "sexa duradeira e beneficiosa para as dúas partes". 

Descarga de coches MG no porto exterior de Ferrol CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

O do mércores e o acto deste xoves son os primeiros pasos do proxecto industrial que a multinacional chinesa prepara en Galicia. Unha gran planta para a ensamblaxe completa de vehículos en Caneliñas, na dársena ferrolá, un centro produtivo nas Pontes nas antigas instalacións de Einsa, e outra zona empresarial na parroquia ferrolá de Mandiá. Co obxectivo de montar uns 120.000 turismos por ano e cunhas previsións de emprego de ata 1.500 para a construción do complexo e 2.000 —entre directos e indirectos— cando estea xa a pleno rendemento

SAIC enviará un buque con vehículos MG cada mes ao porto exterior de Ferrol, que será xa un centro loxístico temporal da empresa

O atraque e a descarga de vehículos destes días sérvelle á empresa chinesa tamén para comprobar a capacidade operativa e loxística do porto exterior de Ferrol, a onde prevé enviar un buque cada mes. Operará, xa que logo, nunha especie de centro loxístico temporal que irá baleirando cada pouco ata a chegada do seguinte buque con vehículos, que son almacenados nunha superficie de arredor de 19.500 metros cadrados e distribuídos en camións desde Galicia. 

"Con este primeiro barco chega unha decisión de futuro para Galicia", insistiu Rueda desde Caneliñas, advertindo dunha Galicia que ofrece "estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento". "Aquí facemos as cousas ben, co selo de Galicia Calidade", engadiu nun acto solemne dentro dunha axenda completa na recepción aos representantes da empresa de propiedade estatal chinesa e con base en Shanghai.

Varios intres da recepción oficial ao primeiro buque portavehículos de SAIC en Ferrol, este 9 de xullo CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Xunta

Xa o propio mércores, Rueda e Lorenzana recibiron na residencia de Monte Pío —raramente usada— o vicepresidente de SAIC, Wu Bing, e o subdirector xeral de SAIC Motor Passenger Vehicle, Shi Lei, noutro acto institucional coa que a Xunta volveu mostrar todo o seu apoio ao proxecto da firma chinesa. "Aquí van atopar institucións comprometidas, universidades e centros tecnolóxicos de primeiro nivel e profesionais altamente cualificados", dixo Rueda este xoves. 

"Arranque exitoso"

Wu Bing, vicepresidente de SAIC, di apostar por unha "filosofía de desenvolvemento local" para contar con empresas e persoal galego

Pola súa banda, no mesmo acto Wu Bing destacou o "arranque exitoso" da chegada de SAIC a Galicia e prometeu un futuro de "beneficio mutuo" e de "creación de prosperidade" entre a Xunta e a empresa. "É un momento histórico para Ferrol", insistiu o directivo, que asegurou que este primeiro desembarco "xa xerou moitos postos de traballo" e que se crearán "máis empregos de calidade" a medida que medre o proxecto. 

Autoridades e directivos de SAIC, no porto exterior de Ferrol CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Wu Bing non dubidou en dar os seus máis "sinceros parabéns" á Xunta e apostou por unha "filosofía de desenvolvemento local" na que contará con empresas da zona e buscando traballar "cóbado con cóbado" cos galegos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.